| Declaración de Maputo: V Conferencia Internacional da Vía Campesiña |
| Altermundo | |
| Xoves, 23 de Outubro do 2008 | |
|
Maputo, Mozambique, Outubro 19-22, 2008-. Soberanía alimentaria XA! Coa loita e a unidade dos pobos! Nós e nós somos a xente da terra, quen producimos alimentos para o mundo. Temos o dereito de seguir sendo campesiños e campesiñas e a responsabilidade de continuar alimentando aos nosos pobos. Coidamos as sementes, que son a vida e pensamos que o acto de producir alimentos é un acto de amor. A humanidade necesita da nosa presenza, negámonos a desaparecer. Todas nós e todos nós somos A Vía Campesiña, un movemento mundial de organizacións de mulleres rurais, campesiños e campesiñas, pequenos agricultores e agricultoras, traballadores e traballadoras do campo, pobos indíxenas, afrodescendentes, e mocidade rural, de Asia, Europa, América e África, reunímonos en Maputo, Mozambique, do 19 ao 22 de outubro de 2008, para celebrar a nosa V Conferencia Internacional sendo recibidos de xeito caloroso, fraternal e combativo polos nosos anfitrións, a União Nacional de Camponeses (UNAC) de Mozambique. Estamos aquí para reafirmar a nosa determinación de defender a agricultura campesiña, as nosas culturas e o noso dereito a continuar existindo como pobos con identidade propia. Somos máis de 550 persoas, incluíndo máis de 325 delegados e delegadas de 57 países, representando centenares de millóns de familias campesiñas. As mulleres, que representamos mais da metade das persoas que producen alimentos no mundo, atopámonos celebrando, con enerxía e determinación, a nosa Terceira Asemblea Mundial de Mulleres. Tamén celebramos a nosa Segunda Asemblea de Mozas da Vía Campesiña, xa que a participación decisiva da mocidade garante tanto o presente como o futuro do campo. En está V Conferencia Internacional tamén ratificamos a 41 organizacións como novos membros da Vía Campesiña, e contamos coa participación de moitas organizacións e movementos aliados de todo o mundo, na nosa Primeira Asemblea cos Aliados da Vía Campesiña. Catro anos de loitas e vitoriasNa V Conferencia Internacional revisamos as nosas principais loitas, accións e actividades desde a IV Conferencia Internacional realizada en Itaici, Brasil, en xuño de 2004. Entre elas destacáronse as mobilizacións masivas contra a OMC, contra os Tratados de Libre Comercio (TLCs) en diversas partes do mundo e contra o G8 en Rostock e Hokkaido. No 2005 A Vía Campesiña estivo moi presente na xornada de loita fronte ao Cume da OMC en Hong Kong, participando así na máis recente das accións continuas coas que os movementos sociais mantivemos paralizadas as negociacións nos cumes da OMC desde Seattle en 1999. Tamén xogamos papeis centrais noutras mobilizacións contra a OMC, desde Xenebra ata a India. En 2007 organizamos cos nosos principais aliados o Foro Internacional sobre a Soberanía Alimentaria en Nyéléni, Malí. Este foi un momento crucial na construción dun gran movemento global pola soberanía alimentaria. Participaron uns 500 delegados dos máis importantes movementos sociais de todo o mundo, definíndose unha axenda estratéxica e de acción para os próximos anos. Tanto antes como logo de Nyéléni, organizamos moitas reunións nacionais e rexionais sobre a soberanía alimentaria. Nos últimos anos logramos que varios países, entre eles Ecuador, Bolivia, Nepal, Malí, Nicaragua e Venezuela, logren incorporar o concepto de soberanía alimentaria na súa constitución e/ou leis nacionais. A través da nosa Campaña Global pola Reforma Agraria, expresión das nosas loitas pola terra e en defensa do territorio, co-organizamos o Foro Mundial da Reforma Agraria en Valencia, España no 2004, e en 2006 organizamos a Reunión Internacional dos Sen Terra en Porto Alegre, Brasil, antes da Conferencia Internacional sobre Reforma Agraria e Desenvolvemento Rural (CIRADR) da FAO. Alí participamos nas mobilizacións das mulleres de Brasil en contra do deserto verde de Eucalipto da transnacional Aracruz o 8 de marzo, e no Foro Paralelo, logrando importantes avances na posición dos gobernos. En 2007 organizamos, en Nepal, a Conferencia Internacional sobre Soberanía Alimentaria, Reforma Agraria e Dereitos Campesiños. En 2004 organizamos unha festa global de intercambio de sementes campesiñas, no contexto da nosa IV Conferencia. En 2005 organizamos o Seminario Internacional sobre Sementes "Liberar a Diversidade," como parte da nosa loita global a favor das sementes campesiñas e en contra dos transxénicos e a tecnoloxía terminator. A Vía Campesiña de Brasil organizou contundentes mobilizacións durante a Conferencia Internacional da Convención de Diversidade Biolóxica (COP-8) en marzo do 2006 en Curitiba, Brasil. Sobre os mesmos temas tivemos importantes actividades en Mysore, India ese mesmo ano, e en 2008 en Bonn, Alemaña e en Francia, onde unha folga de fame axudou fortemente a conseguir a prohibición do millo transxénico de Monsanto. En Brasil en 2007, Keno, un gran loitador do MST, foi asasinado por un pistoleiro contratado por Syngenta, pero un ano despois logramos que Syngenta tivese que entregar ao goberno a súa área ilegal de experimentación con transxénicos. A Vía Campesiña, xunto a outros movementos sociais organizou "a aldea da solidariedade" de forma paralela á Conferencia Sobre o Cambio Climático que a ONU organizou en Bali, Indonesia (2007), onde avanzamos co argumento de que a agricultura campesiña arrefría o planeta. En 2008 organizamos en Iacarta, Indonesia, unha conferencia internacional centrada na nosa proposta para unha Declaración Internacional dos Dereitos das Campesiñas e os Campesiños. Previa á conferencia internacional, organizouse a Asemblea de Mulleres Sobre os Dereitos dos Campesiños e as Campesiñas. O compromiso solidario da Vía Campesiña foi evidenciado no 2004 co noso esforzo global para canalizar axuda alternativa ás vítimas do Tsunami, en 2007 con tres delegacións ás reunións cos Zapatistas en México e todos os anos realizáronse accións importantes de solidariedade con loitadores e loitadoras vítimas da criminalización da protesta social en todos os continentes. O desprazamento de pobos rurais como consecuencia do modelo neoliberal, está provocando o movemento masivo de persoas, converténdose nun tema crítico para A Vía Campesiña. Desde 2004 estivemos elaborando as nosas estratexias e accións sobre estes temas na nosa nova Comisión de Traballo sobre Migración e Traballadores Rurais. Demos conta de diversas accións en contra do muro da vergoña que constrúe os Estados Unidos. De pobo a pobo, de país a país, levamos as loitas da Vía Campesiña. O noso movemento está en case todas partes do mundo, onde o neoliberalismo está sendo imposto aos e as campesiños e pobos rurais. A loita da Vía Campesiña inspira, estimula e xera a resistencia de movementos sociais contra as políticas neoliberais. Van aumentando os países onde gobernos progresistas alcanzan o poder como resultado de anos de mobilización. E ata un bo número gobernos locais e nacionais acentuaron a súa resistencia e o seu interese na axenda da soberanía alimentaria, como resultado da mobilización popular e como resposta á crise global dos prezos dos alimentos. A ofensiva do capital sobre o campo, as crises múltiples e o refugallo de pobos campesiños e indíxenasNo contexto global actual estamos enfrontando a converxencia entre unha crise alimentaria, unha crise climática, unha crise enerxética e unha crise financeira. Estas crises teñen orixes comúns no sistema capitalista e mais recentemente na desregulamentación desenfreada dos seus respectivos eidos de actividade económica, como parte de de o modelo neoliberal, que dá a prioridade ao negocio e á ganancia. Nas zonas rurais do mundo, vimos unha feroz ofensiva do capital e das empresas transnacionais sobre a agricultura e os bens naturais (auga, bosques, minería, biodiversidade, terra, etc.), que se traduce nunha guerra de refugallo contra os pobos campesiños e indíxenas, utilizando pretextos falsos como os argumentos erróneos que expón que os agrocombustíbeis son unha solución ás crises climáticas e enerxéticas, cando a verdade é todo o contrario. Cando os pobos exercen os seus dereitos e resisten este refugallo xeneralizado, ou cando son obrigados a ingresar nos fluxos migratorios, a resposta foi máis criminalización, máis represión, máis presos políticos, máis asasinatos, máis muros da vergoña e máis bases militares. Declaración dos Dereitos das Campesiñas e os CampesiñosVemos a futura Declaración de Dereitos das Campesiñas e Campesiños da ONU como unha ferramenta crave no sistema legal internacional para fortalecer a nosa posición e os nosos dereitos como campesinado. Por esta razón, lanzamos tamén a Campaña Mundial por unha Declaración dos Dereitos das Campesiñas e os Campesiños. Soberanía Alimentaria: a solución ás crises e a vida dos pobosA situación actual de crise tamén é unha oportunidade, porque a soberanía alimentaria ofrece a única alternativa real tanto para a vida dos pobos como para reverter as crises. A soberanía alimentaria responde á crise alimentaria, con produción campesiña local, ás crises climáticas e enerxéticas, atacando dúas das principais fontes de emisión de gases de efecto invernadoiro, o transporte de alimentos a longa distancia e a agricultura industrializada, e para minorar unha vertente da crise financeira, prohibe a especulación cos alimentos. O modelo dominante significa crise e morte, e a soberanía alimentaria é a vida e a esperanza para os pobos rurais e tamén para a poboación consumidora. A soberanía alimentaria require a protección e re-nacionalización dos mercados nacionais de alimentos, a promoción de ciclos locais de produción e consumo e a loita pola terra, a defensa dos territorios dos pobos indíxenas, e a reforma agraria integral. Baséase tamén no cambio do modelo produtivo facía a produción agroecolóxica e sustentábel, sen praguicidas e sen transxénicos, baseado no coñecemento campesiño e indíxena. Como principio xeral, constrúese a soberanía alimentaria en base ás nosas experiencias concretas ao nivel local, ou sexa, desde o local cara ao nacional. A crise causa un sufrimento incalculábel entre os nosos pobos, e erosiona a lexitimidade do modelo neoliberal do "libre comercio". Algúns gobernos locais, estatais e nacionais mais progresistas empezaron a buscar solucións alternativas. Na Vía Campesiña debemos ser quen de aproveitar estas oportunidades. Temos que desenvolver unha metodoloxía de traballo que inclúa o dialogo crítico e construtivo, para lograr casos exitosos na implementación da soberanía alimentaria con estes gobernos. Tamén debemos aproveitar espazos internacionais de "outra integración," como o ALBA e Petrocaribe, para avanzar neste terreo. Pero non podemos só apostar aos gobernos, senón que debemos ir construíndo a soberanía alimentaria desde abaixo, nos territorios e outros espazos controlados por movementos populares, pobos indíxenas, etc. Xa chegou a hora da soberanía alimentaria, e temos que tomar a iniciativa para avanzar sobre este terreo en todos os países. Os campesiños e campesiñas do mundo podemos e queremos alimentar ao mundo, ás nosas familias e os nosos pobos, con alimentos sans e accesíbeis. As empresas multinacionais e o libre comercioA nosa reflexión deixounos a claridade de que as empresas multinacionais e financeiras son un dos nosos inimigos comúns mais importantes, e que como talles, temos que incidir coas nosas loitas cada vez mais directamente sobre elas. Inclusive son eles que están detrás dos outro inimigos do campesiñado, como o Banco Mundial, o FMI, a OMC, os TLCs e EPAs, os gobernos neoliberais, e o expansionismo económico agresivo, o imperialismo e o militarismo. Agora é tamén o momento para redobrar a nosa loita contra os TLCs e EPAs, e contra a OMC, pero agora cun sinalamento mais claro do papel central das multinacionais. O avance das mulleres é o avance da Vía CampesiñaUn tema quedou moi claro na nosa V Conferencia: que todas as formas de violencia que enfrontan as mulleres nas nosas sociedades –entre elas a violencia física, a económica, a social, a machista, a de diferenzas de poder, e a cultural– están tamén presentes nas comunidades rurais e polo tanto nas nosas organizacións, e isto ademais de ser un enorme fonte de inxustiza tamén limita o alcance das nosas loitas. Recoñecemos a relación íntima entre o capitalismo, o patriarcado, o machismo, e o neoliberalismo en prexuízo ás campesiñas do mundo. Nós, todos e todas, mulleres e homes, da Vía Campesiña, comprometémonos de forma responsábel por construír novas e mellores relacións humanas entre nós e nós, como parte necesaria da construción das novas sociedades ás cales aspiramos. Por isto na V Conferencia tomamos a decisión de romper o silencio e lanzamos a Campaña da Vía Campesiña "Polo Fin da Violencia Contra as Mulleres." Comprometémonos de novo e con maior forza á meta de alcanzar a complexa pero necesaria paridade de xénero real en todos os espazos e instancias de participación, análise, debate e decisións na Vía Campesiña, e fortaleceremos o intercambio, coordinación e solidariedade entre as mulleres das nosas rexións. Recoñecemos o papel central da muller na agricultura de auto-suficiencia alimentaria, e a relación especial das mulleres coa terra, a vida e as sementes. Ademais, as mulleres son e foron parte determinante da construción da Vía Campesiña desde o seu inicio. Se non venceremos a violencia facía as mulleres dentro do noso movemento, non avanzaremos nas nosas loitas, e se non construímos novas relacións de xénero, non podemos construír unha nova sociedade. Non estamos sos: a construción de alianzasOs campesiños e as campesiñas non podemos gañar sos as nosas loitas pola dignidade, por un sistema alimentario e agrario mais xusto, e por este outro mundo mellor que é posíbel. Temos que construír e reforzar as nosas alianzas orgánicas e estratéxicas cos movementos e organizacións que comparten a nosa visión, e isto é un compromiso especial da V Conferencia. A mocidade dános a esperanza para un futuro mellorO modelo dominante no campo non ofrece ningunha opción para a mocidade, e isto é unha razón moi importante para cambialo. Os mozos e as mozas son a nosa base tanto para o presente como para o futuro, así que nos comprometemos á súa plena inserción e participación creativa en todos os niveis das nosas loitas. A formación para o fortalecemento das nosas loitasPara que teñamos maiores éxitos e vitorias nas nosas loitas, temos que dedicarnos ao fortalecemento interno do noso movemento, a través da formación política para aumentar a nosa capacidade colectiva de analizar e transformar as nosas realidades, a capacitación, e a mellora da comunicación e articulación entre nós e os nosos aliados. Diversidade e unidade na defensa da agricultura campesiñaComo movemento social internacional, podemos dicir que un das nosas maiores fortalezas é que somos capaces de unir diferentes culturas e modos de pensar ao redor dunha mesma loita. A Vía Campesiña representa un compromiso común de resistir e loitar pola vida e a agricultura campesiña. Todos os participantes na V Conferencia da Vía Campesiña comprometémonos a defender os alimentos e a agricultura campesiña, á soberanía alimentaría e á dignidade e a vida. Aquí estamos os campesiños e campesiñas do mundo, e negámonos desaparecer. Globalicemos a loita! Globalicemos a esperanza! | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|











.gif)








.jpg)
Manuel Casal Lodeiro-. O vindeiro 6 de Decembro, no Foro Social Galego, celebrarase unha presentación e un debate sobre a cuestión do cénit do petróleo e como preparármonos desde Galiza. Está promovida por a asociación Vespera de Nada e nela participará PermaCultura na Galiza. 
