| Resistir para avanzarmos |
| Gustavo Duch Guillot | |
| Xoves, 23 de Outubro do 2008 | |
Gustavo Duch-. O Goberno de Mozambique cambalea segundo os ditames do Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional, e nestes momentos de crise alimentaria, segundo eles, requírese da implantación da Revolución Verde en África.
[Galicia Hoxe] Ó entrar ó recinto da Escola de Formación de Matola, en Maputo, Mozambique, percibes a enerxía e rebeldía que dous días de encontro deixaron no aire quente deste recuncho do Planeta. Porque neste espazo atópanse 600 mulleres e homes lideres campesiños chegados de todos os continentes para participar na V Asemblea da Vía Campesiña, cun propósito claro, que aquí se sente posible: cambiar o mundo. E para iso a primeira medida é resistir. Resistir como demostrou a UNAC, organización campesiña maioritaria en Mozambique e excelente anfitrioa do evento. A UNAC defende con claridade os argumentos da Soberanía Alimentaria, o paradigma da Vía Campesiña capaz de xerar o primeiro movemento mundial alternativo ó modelo neoliberal. Así llo fixo saber o día da inauguración da Asemblea ó presidente de Mozambique. O Goberno de Mozambique cambalea segundo os ditames do Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional, e nestes momentos de crise alimentaria, segundo eles, requírese da implantación da Revolución Verde en África. E os gobernantes réndense, unha vez máis, ó plan financiado pola Fundación Rockefeller e a fundación de Bill Gates, que promoven os transxénicos e os agrocombustibles como motor de desenvolvemento. O campesinado africano sofre un modelo presionado polos cultivos de exportación (algodón, cacao, café, caucho, etc.) que dificulta a agricultura de subsistencia e lévaos a depender dos mercados mundiais para poder alimentar as súas familias, e en espazos como este evento poden compartir con outros pequenos campesiños o resultado de historias xa sucedidas. Así ratifican a que lle levaría unha Revolución Verde. Como na India ou México, onde xerou unha agricultura industrial capaz de producir moitos bens pero tamén unha enorme pobreza no campo. Trátase dunha agricultura que somete e envelena a propia natureza e que fai dependentes os pequenos campesiños de sementes, petróleo, químicos e fertilizantes. Un modelo antisocial e non sostible que a UNAC e o resto das organizacións da Vía Campesiña rexeitan. Este é un dos elementos claves desta Conferencia da Vía Campesiña, construír un novo presente resistindo a vellos predicados. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Gustavo Duch-. O Goberno de Mozambique cambalea segundo os ditames do Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional, e nestes momentos de crise alimentaria, segundo eles, requírese da implantación da Revolución Verde en África.
