Esther Vivas-. 6º Foro por un Mundo Rural Vivo. Unhas 250 persoas reuníronse en Andorra (Teruel) do 3 ao 5 de outubro para participar na 6ª edición do Foro por un Mundo Rural Vivo que cada dous anos organiza Plataforma Rural. Trátase dun encontro que reúne a un amplo abano de colectivos de todo o Estado español, desde campesiños a consumidores, pasando por ecoloxistas, cristiáns de base, ONGs... que apostan por crear meirandes lazos de solidariedade entre o rural e o urbano, fortalecer a vida no campo e promover unha agricultura social, ecolóxica e de proximidade.
Algunhas propostas
O 6º Foro por un Mundo Rural Vivo permitiu avanzar cara a unha maior articulación das redes que traballan na denuncia das grandes superficies, os agrocombustíbeis, os transxénicos, as malas políticas agrarias, o turismo e a especulación urbanística e que apostan por un comercio alternativo, unha agricultura campesiña, uns servizos públicos e de calidade no campo, entre outros. Deste xeito, realizáronse xuntanzas de cada un destes eixos temáticos para elaborar propostas de acción para o vindeiro período. No eido sectorial, cabe destacar a aprobación dunha xornada de mobilización contra os transxénicos o 17 de abril, día internacional de loita campesiña; incidir no debate sobre a Política Agraria Común (PAC) no Congreso dos Deputados; promover procesos de certificación alternativos e mercados locais e se fose necesario optar pola desobediencia civil na comercialización dalgúns alimentos; seguir apostando pola construción da Universidade Rural Paulo Freire; organizar un foro sobre turismo responsábel e soberanía alimentaria a principios do 2009, entre outros. Fortalecer o territorio Pero entre os avances realizados, cabe destacar a vontade de fortalecer Plataforma Rural a nivel territorial e xerar unha dinámica de articulación de redes locais a favor da soberanía alimentar. Neste sentido, e seguindo a filosofía do Foro Internacional pola Soberanía Alimentar, celebrado en Malí a principios do ano 2007 coa participación de redes de mulleres, campesiños, pescadores, consumidores, pastores..., agora quérese consolidar este proceso a nivel estatal. Unha experiencia que permitiría coordinar estratexias de acción a favor da soberanía alimentar a nivel local e estatal, incluír a novos actores e sumar forzas para avanzar nesta loita. Como sinalaba o dirixente da Vía Campesiña, Paul Nicholson, a situación internacional está cambiando: "A crise sistémica, ambiental, social, económica, alimentaria, é unha oportunidade para difundir as nosas propostas; pero hai numerosas ameazas porque o sistema tamén busca as súas alternativas e estas residen nunha maior concentración en mans dunhas poucas multinacionais". E subliñaba o perigo existente en que "a soberanía alimentar poida ser manipulada e cooptada por forzas reaccionarias". O reto non é nada fácil, pero resulta alentador comprobar como fronte ás crecentes agresións do sistema capitalista e as múltiples crises nas que este está sumido, e que afectarán maioritariamente aos sectores máis vulnerables da poboación a nivel mundial, quen combaten a globalización neoliberal únense nunha fronte común. Seguindo a chamada da Vía Campesiña: "Globalicemos a loita, globalicemos a esperanza". Artigo publicado en Diagonal, nº 87. |