| Ecuador: o triunfo do cambio |
| Alfredo Iglesias Diéguez | |
| Martes, 07 de Outubro do 2008 | |
Alfredo I. Diéguez-. O pobo ecuatoriano acaba de darnos unha lección de fraternidade, igualdade, liberdade, solidariedade e ecoloxismo da que temos moito que aprender.
O pasado domingo 28 de setembro o pobo ecuatoriano apoiaba maioritariamente (segundo os datos ofrecidos polo Tribunal Supremo Electoral o 66,94% dos votos emitidos -sendo a abstención do 23,45%- foron afirmativos, mentres que os votos negativos representaron o 28,09%), a nova Constitución da República ecuatoriana, culminando así un proceso que comezara o 15 de xaneiro de 2007, cando Rafael Correa asumía a presidencia da República, e proseguira o 15 de abril dese mesmo ano, cando o pobo se pronunciou a prol da convocatoria a unha Asemblea Nacional constituínte, que se constituíu logo das eleccións do 30 de setembro, nas que o movemento Acordo País obtivo a maioría. Daquela, o mandato que o goberno da República acaba de recibir do pobo ecuatoriano é claro: garantir sen discriminación ningunha o efectivo goce dos dereitos establecidos na Constitución e nos internacionais, en particular a educación, a saúde, a alimentación, a seguridade social e a auga para os seus habitantes; garantir a soberanía nacional; fortalecer a unidade nacional na diversidade; garantir a ética laica como sustento do quefacer público e do ordenamento xurídico; planificar o desenvolvemento nacional, erradicar a pobreza, promover o desenvolvemento sustentable da economía e a redistribución equitativa dos recursos e a riqueza para acceder ao bo vivir; promover o desenvolvemento equitativo e solidario de todo o territorio, mediante o fortalecemento do proceso de autonomías e descentralización; protexer o patrimonio natural e cultural do país; garantirlles aos seus habitantes o dereito a unha cultura de paz, á seguridade integral e a vivir nunha sociedade democrática e libre de corrupción. En fin, mediante este mandato constitucional o pobo ecuatoriano quere construír unha nova forma de convivencia cidadá. Ora ben, para alcanzar o sumak kawsay, a convivencia na diversidade e en harmonía coa natureza, é mandato do pobo ecuatoriano que o Estado garanta a soberanía alimentaria, o equilibrio ecolóxico, o acceso a unha vivenda axeitada, o desempeño dun traballo digno, a saúde e a seguridade social, a educación universal e gratuíta, a protección das persoas pertencentes a grupos minoritarios e vulnerables, os dereitos colectivos das comunidades, pobos e nacionalidades indíxenas, do pobo afroecuatoriano e do pobo montubio, a participación política, as liberdades fundamentais e os dereitos da natureza... Este novo mandato, xa que logo, significa unha radicalización das reformas cidadá, económica -que devolveron ao Estado a soberanía perdida nos anos noventa-, social e internacional que o Goberno de Correa viña desenvolvendo nos últimos tempos e ás que se opón unha dereita, encabezada pola xerarquía católica, os grandes medios de comunicación, os grandes terratenentes bananeiros, os industriais mineiros e os capitais financeiros, cada vez máis debilitada. O pobo ecuatoriano acaba de darnos unha lección de fraternidade, igualdade, liberdade, solidariedade e ecoloxismo da que temos moito que aprender. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Alfredo I. Diéguez-. O pobo ecuatoriano acaba de darnos unha lección de fraternidade, igualdade, liberdade, solidariedade e ecoloxismo da que temos moito que aprender.
