A esquerda perplexa
Miguel Anxo Fernán-Vello   
Martes, 07 de Outubro do 2008

Miguel A. Fernán-Vello-. Sen dúbida, a esquerda que representan os partidos políticos está, dígase ben claro, perplexa. A maioría da esquerda política, con moi poucas excepcións, está a mostrar na actualidade, diante da crise económica que padecemos, un grao de perplexidade realmente preocupante.

[Galicia Hoxe]

"O tempo foi pasando, pasando, a situación do mundo complicándose cada vez máis, e a esquerda, impávida, seguía desempeñando os papeis que, no poder ou na oposición, lles tiñan sido asignados. Eu, que mentres tanto fixera outro descubrimento, o de que Marx nunca tivera tanta razón coma hoxe, supuxen, cando hai un ano rebentou a burla canceríxena das hipotecas nos Estados Unidos, que a esquerda, alá onde estiver, se aínda lle quedaba vida, abriría por fin a boca para dicir o que pensaba do asunto. Xa teño a explicación: a esquerda non pensa, non actúa, non arrisca nin un chisco. Pasou o que pasou despois, até o que está a acontecer hoxe, e a esquerda, covardemente, segue non pensando, non actuando, non arriscando nin un chisco". Estas palabras de Jose Saramago que acabo de reproducir trasladan perfectamente o estado da cuestión e presentan o perfil actual desa esquerda política tan recoñecíbel, por exemplo, en Europa: a esquerda perplexa, indecisa, pampa, pasmada e aloulada. Afirma Marta Harnecker que a esquerda non pode catalogarse como tal se concibe a política como "real politik", porque iso non significa senón adaptarse á realidade actualmente existente. Segundo a autora da obra titulada Haciendo posible lo imposible: la izquierda en el umbral del siglo XXI, a esquerda debe concibir a política como a arte de construír a forza social e política capaz de cambiar a realidade facendo posíbel no futuro o que hoxe aparece como un imposíbel. Diante da crise aquí e agora, ¿está a esquerda a denunciar, con análises serias, o actual modelo neoliberal? ¿E está a organizarse, tamén no poder político, para conseguir que os efectos da crise non descarguen frontalmente sobre os traballadores e os máis desfavorecidos? Está claro que non. 


Miguel Anxo Fernán-Vello
Sobre o autor ou autora:
Escritor e editor galego
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >