Intelectuais contra o bloqueo a Cuba
Miguel Anxo Fernán-Vello   
Venres, 03 de Outubro do 2008

Miguel A. Fernán-Vello-. Máis de 7.000 intelectuais de todo o mundo, e o número medra día a día, asinaron un chamamento aos Estados Unidos reclamando o "inmediato levantamento do criminal bloqueo norteamericano" á Illa de Cuba…

[Galicia Hoxe]

Máis de 7.000 intelectuais de todo o mundo, e o número medra día a día, asinaron un chamamento aos Estados Unidos reclamando o "inmediato levantamento do criminal bloqueo norteamericano" á Illa de Cuba, que permita nunha primeira instancia, por exemplo -velaquí un caso concreto-, que os cubanos residentes nos EEUU poidan visitar e enviar axuda aos seus familiares na Illa, dada a situación dramática que vive o país caribeño despois do paso dos destrutivos furacáns Gustav e Ike. Ou que permita, vaia aquí outro exemplo, que Cuba adquira nos EEUU materiais para a reparación de vivendas e liñas eléctricas e que sexan autorizadas as empresas americanas a ofrecerlle a Cuba créditos comerciais destinados á compra de alimentos. O certo é que -unha vez máis hai que lembralo- o bloqueo económico, comercial e financeiro imposto polos Estados Unidos a Cuba é, como se comproba no espazo e no tempo, o máis prolongado e cruel que teña coñecido a historia da humanidade. E de nada valeron, e de nada valen, as resolucións das Nacións Unidas instando ao final do bloqueo; a última que eu lembro do ano 2005, aprobada por todos os países do mundo coa única oposición de EEUU, Israel, Illas Marshall e Palau. E xa deben ir alá 16 ou 17 resolucións no mesmo sentido da alta institución que representa a comunidade internacional.

Mais todo segue igual. E non cabe dúbida de que a medida coercitiva que EEUU aplica sobre Cuba dende hai case cincuenta anos é un dos principais obstáculos, diga o que se diga, para o desenvolvemento económico do pobo cubano, reparemos senón arestora nos labores de recuperación da Illa para superar os danos causados pola ira da natureza. Eu lembro o escritor norteamericano Gore Vidal visitando Cuba e "rompendo" simbolicamente, como el quería, o embargo á illa antillana. E agardo con sumo interese o libro que García Márquez ten escrito, e aínda sen publicar, co título Cuba y el bloqueo. ¿Terá algunha forza a voz e a conciencia de 7.000 intelectuais do mundo? McCain está xordo e Obama xa veremos. 


Miguel Anxo Fernán-Vello
Sobre o autor ou autora:
Escritor e editor galego
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >