O goberno dos rodaballos
Manoel Santos   
Venres, 03 de Outubro do 2008

Rematado o concorrido Consello da Xunta do 28 de agosto, decenas de xornalistas peregrinaron de San Caetano a Monte Pío por desexo expreso do presidente Touriño, que coa TVG en directo parecía disposto a dar conta dun adianto electoral co que, tendenciosamente, salientábeis membros da cúpula do PSdG estiveron a tolear á prensa todo o verán. Mais nada pasou. Foi unha roda de prensa estéril, innecesaria e un chisco teatreira, para maior gloria de don Emilio. Conseguía deste xeito a súa dose de protagonismo e de paso agachar mediaticamente a decisión máis controvertida, inxusta e ditatorial da súa lexislatura, a aprobación do Plan de Acuicultura.

Moitas, pero que moitas fábricas de peixe

O Plan, que prevé deixar a cota cero e cementar case tres millóns de metros cadrados da costa exterior galega é sen lugar a dúbidas o proxecto máis destrutivo e indigno do chamado “goberno do cambio”. Unha barbaridade redactada na mesa da patronal piscícola que sempre logrou, coa aquiescencia gobernativa, manter ben afastados da súa redacción aos veciños e veciñas do país, lexítimos coidadores desas terras aínda virxes. Unha sentenza de morte histórica para boa parte dos nosos ecosistemas e paisaxes máis prezadas, que o Consello da Xunta tratou por imposición do presidente no Consello da Xunta e con informes en contra da Comisión de Secretarios e da Consellería de Política Territorial.

Herdado do goberno Fraga, que o aprobou en funcións, Carmen Gallego asumiuno como propio para facer con el un remexido que deu como resultado, é certo, unha menor afección directa –que non indirecta– da rede Natura galega, mais tamén unha superficie a esnaquizar infinitamente maior –máis de 700 mil metros cadrados que quedaron reducidos a case 500.000 na última revisión– e unha concepción exactamente igual do que debe ser a economía do país: a submisión territorial e ambiental ás transnacionais, que recibirán terra de balde e subvencións millonarias que suporán o financiamento público durante cando menos 13 anos duns poucos postos de traballo, de seguro precarios e sobre todo insustentábeis. Socializar o gasto e privatizar os beneficios, o mesmo que vemos, por exemplo, coas eléctricas.

A escusa da rede Natura

Habería primeiro que desmontar o cínico discurso ese da rede Natura que tanto empregan os “socialistas” para defender a sustentabilidade do plan. En primeiro lugar, porque parte deses case 3 millóns de metros cadrados de litoral a violar si están en rede Natura –máis de 55 mil metros cadrados– e moitas das macroplantas lindan con espazos protexidos –nos que si se instalarán, por exemplo, estruturas de bombeo– hipotecando de por vida a súa posíbel ampliación, as súas paisaxes e as súas augas, ás que verterán os refugallos contaminantes das plantas, pois o plan non prevé depuración de augas. Amais, os precedentes non son nada bos, xaora que ningunha planta piscícola galega ten até agora permiso de verteduras de Augas de Galicia. A terra das glegas e dos galegos terá as primeiras industrias da historia cuxos valados definan os lindes dos espazos protexidos do país.

En segundo lugar, o bipartito dá o visto bo a unha ridícula Rede Natura 2000 tamén proxectada polo goberno Fraga, que é, despois da de Melilla, a máis pequena do Estado español –o 11,9% do territorio protexido cando a media é do 25,5%. Non é de estrañar a frase que esgrimen os ecoloxistas: “Fraguismo sen Fraga”.

E en terceiro lugar, a ampliación da Rede Natura 2000 prevista polo actual executivo para paliar o segundo dos argumentos, deixa fóra dos lindes de protección xustamente os espazos destinados ás fábricas de peixe. Sospeitosos buratos nos mapas que delatan que a política conservacionista do litoral neste país faise na mesa da patronal do peixe plano.

Por riba dos movementos sociais

Máis de mil alegacións –todas desestimadas–, decenas de manifestacións percorrendo pobos indefensos como Corrubedo, Merexo, Quilmas, Camelle ou Arou, milleiros de persoas baixo lema “Galiza non se vende”, causas xudiciais… nada fixo recuar nin un chisco á conselleira de Pesca, que nunca tivo a decencia de ter unha xuntanza coas plataformas ambientais e veciñais que, por amor á terra, xurdiron por toda a costa nos últimos dous anos. Perante a enorme oposición social –que tamén inclúe moitas corporacións municipais e boa parte da comunidade científica en casos como o de Corrubedo, símbolo da loita contra o Plan– e o tímido desmarque dos socios de goberno, a conselleira non dubidou en ter xuntanzas mediáticas cos empresarios do sector, indignando aínda máis aos movementos sociais.

Mais a conselleira tamén engana ao pobo. As súas propagandas, pagadas por todos e todas nós, aluden ás estimacións da FAO sobre o futuro do peixe de granxa na nosa dieta, mais obvian as recomendacións da propia FAO para o desenvolvemento da acuicultura en terra: consultar coa poboación local para promover acordos antes de actuar, planificar a pequena escala e proxectos flexíbeis, buscar solucións que se axusten ás necesidades locais, manter ao mínimo os investimentos externos para reducir a dependencia. Asemade, a propia UE dá consellos tamén sobre como se deberían desenvover estes proxectos, entre eles, o de facer circuítos de auga pechados para podes afastar as ditas macroestruturas do litoral.

Namentres, o altivo conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, deu o visto bo ao plan malia que a Avaliación Estratéxica do mesmo, feita no seu departamento, admite decenas de eivas que, di o conselleiro, pódense arranxar cando se desenvolva cada planta. “O goberno son eu, eles son os ecoloxistas”, dixo con prepotencia Vázquez.

Unha análise política

O Plan Galego de Acuicultura non puido fuxir das desavinzas entre os dous socios de goberno. É un plan feito a medias entre Fraga e Touriño, certo é, mais soportado polos 13 deputados nacionalistas que son a chave da estabilidade gobernativa.

Malia que de primeiras existía, e existe, unha especie de pacto de non agresión entre os departamentos xestionados polo PSdG e BNG, claramente definido polo concepto dos “compartimentos estancos”, a ninguén escapa que un plan desa magnitude afecta demasiado ao país como para calar todas as bocas, e tampouco que os compartimentos estancos rematarán por inundarse os uns aos outros a medida que nos acheguemos ás vindeiras eleccións. Ademais, boa parte dos movementos sociais opostos ao plan figuran ou figuraron algunha vez na órbita do partido da estrela vermella e era, e en parte sigue a ser, dificilmente explicábel sustentar un goberno que pretende emprender unha destrución histórica da costa exterior galega malia que o plan só proveña do PSdG. Cabería preguntarse, xa que logo, se é suficiente a existencia dese destrutivo plan para rachar un goberno.

O BNG mantivo en principio un posicionamento lixeiramente oposto pero moi respectuoso co seu socio de goberno a gran parte do plan, reclamando –en voz baixa– por exemplo a non inclusión de plantas como a de Corrubedo, Merexo ou Camelle, o afastamento da primeira liña da costa e mesmo a posibilidade de incluír a explotación das piscifactorías de nova creación no tecido produtivo do país, é dicir, dar a posibilidade a cooperativas de xentes do país de acceder a estes proxectos mesmo con prioridade. Segundo os nacionalistas o retraso do plan debeuse fundamentalmente ás súas reticencias, mais o aprobado finalmente non lles dá para nada a razón, pois ningunha das súas principais reivindicacións foron recolleitas polo proxecto presentado por Pesca. Haberá entón que concluír dúas cousas: que foi a forte oposición social a causante do retraso que tanto indignou á patronal e ao PP, e que o BNG fracasou estrepitosamente nas súas supostas negociacións.

Con todo, é xusto dicir que e á hora de dar conta da aprobación do plan no Consello da Xunta os nacionalistas manifestaron a súa negativa máis claramente. O BNG non votou en contra porque nos Consellos da Xunta non se vota, só se delibera. Mais na Comisión de Secretarios, encargada de elaborar a orde do día dos Consellos, os do BNG opuxéronse a que o Plano Acuícola se incluíra, e Touriño usou entón a prerrogativa especial para metelo. Cabía preguntarse entón cales serían os seguintes pasos do BNG perante o golpe na mesa de Touriño. Se ben é certo que logo do Consello Bieito Lobeira e Carlos Aymerich manifestaron varias veces que non asumían o plan e que tratarían de reformalo, axiña Anxo Quintana os desautorizou definindo o plan acuícola como “un plan de goberno”. Unha semana despois, no pleno do Parlamento, o deputado Lobeira rebaixaba xa que logo o seu ton opositor ao plan perante as declaracións de Quintana, as primeiras que fai sobre o dito plan.

O que parece ben claro, é que o PSdG pretende desenvolver o plan na súa integridade si ou si, que a alternativa do PP –volver ao anterior plan– é totalmente inaceptábel e irresponsábel, e que a estas alturas só a habilidade negociadora dos nacionalistas pode arranxar un chisco a futura desfeita dende o punto de vista político. O Bloque continúa a formar parte do goberno actual e probabelmente terá que remudar o pacto co PSdG na vindeira lexislatura, de xeito que veremos se están decididos realmente a “arranxar” a desfeita ou son só verbas, por que non dicilo, electoralistas. Sabe Quintana que o seu “Plan de Goberno” é ilegal en moitas partes e que en lugares como Corrubedo a protección ambiental cambiou nun ano para adaptarse aos desexos das piscifactorías?

As vías sociais

Porén, non todo son vías políticas. As estratexias que desenvolvan a partir de agora os movementos sociais terán, sen dúbida, máis peso cada día. Estas poden evolucionar dende as denuncias en Europa polo uso irresponsábel dos fondos comunitarios –o plan non cumpre para nada coas recomendacións que a UE dá para este tipo de industrias– ás mocións nos Concellos para que esixan protexer as súas zonas con figuras como a de Espazo Natural de Interese Local –que paralizarían calquera desenvolvemento urbanístico ou de plans sectorias–, ás demandas xudiais unha vez que o plan sexa publicado no DOG –especialmente contra un decreto de supramunicipalidade que ampara o plan por “interese pública” como se as fábricas de peixes foran hospitais– ou, finalmente, a chamada “estratexia Encrobas” cando as máquinas pretendan violar o litoral máis fermoso da terra das galegas e dos galegos.


Manoel Santos
Sobre o autor ou autora:

Biólogo, director e fundador de Altermundo

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >