Informes oficiais da propia Xunta destapan as graves carencias do Plan Acuícola
R. Fernández / Galicia Hoxe   
Venres, 03 de Outubro do 2008

 R. Fernández / Galicia Hoxe-. O informe de Urbanismo sostén que o Plan Acuícola non xustifica a súa rendibilidade social e os de Medio Ambiente e Patrimonio o impacto sobre o territorio.

"O Plan Acuícola cumpre con todos os requisitos ambientais e todos os informes favorables". O discurso repetido ata a saciedade pola conselleira de Pesca, Carme Gallego, para xustificar a aprobación dun dos proxectos máis polémicos do bipartito se tambalea. Así o rebelan os informes emitidos polos departamentos de Urbanismo, Patrimonio e Medio Ambiente sobre o Plan Acuícola, que ven "insuficientemente xustificado" o seu beneficio social, así como o impacto sobre o territorio e o legado patrimonial. O motivo: a carencia de estudos específicos sobre as consecuencias que o desenvolvemento deste plan pode xerar sobre o medio, o patrimonio cultural, a paisaxe e mesmo sobre outros sectores produtivos. Unha situación que leva aos tres departamentos da Xunta a deixar en mans dos plans sectoriais de cada un dos 24 proxectos piscícolas a corrección das carencias ou mesmo ilegalidades rexistradas.

Contidos que non se axustan á legalidade vixente

"O plan revisado adoece, en varias das súas determinacións máis importantes, de falta de xustificación, pois os datos que achega ou non son suficientes ou carecen da fundamentación necesaria". Esta é a principal conclusión á que chega o departamento de Urbanismo, dependente de Política Territorial, na análise do Plan Acuícola. Segundo indica, o plan sectorial inclúe "determinacións ou contidos que se consideran insuficientemente xustificados" e diversos aspectos que "non se axustan á legalidade vixente".

O informe de Urbanismo apunta que no plan "non se analiza a posible incidencia negativa das instalacións noutros sectores produtivos", entre os que cita a pesca, o marisqueo, a agricultura, a gandería ou o turismo. Do mesmo xeito, o departamento de Política Territorial destaca que o proxecto "mantén unha afectación de 55.870 metros cadrados de espazo protexido, que non semella xustificable, por moito que se establezan medidas correctoras de maior calado nos proxectos sectoriais de desenvolvemento", ao tempo que alerta de posibles alteracións da paisaxe coa instalacións das diferentes granxas. Por todo isto, Urbanismo non ve suficientemente xustificado o equilibrio entre impacto territorial e beneficio social por parte do Plan Acuícola.

Cuestións todas que xa foran apuntadas na avaliación ambiental feita polo departamento de Manuel Vázquez no que se apuntaba a carencia de estudos sobre o impacto da acuicultura na paisaxe, nos hábitats e especies protexidas, nos sectores produtivos ou no emprego e desenvolvemento local, considerando insuficientes as medidas de seguimento e control propostas.

O rexeitamento ao Plan por parte de Patrimonio, organismo dependente da Consellería de Cultura, tamén é manifesto: "O Plan Sectorial carece na súa elaboración de estudos específicos co fin de valorar o impacto que o desenvolvemento do plan pode xerar sobre o patrimonio cultural". Ante esta situación, o departamento da Xunta esixe a consulta dos inventarios existentes para determinar as posibles afectacións, ao tempo que introduce unha serie de cautelas específicas para nove plantas.

Os afectados considérano unha "burla á cidadanía"

A ausencia dunha análise profunda das consecuencias que a actividade acuícola pode traer consigo foi precisamente un dos principais motivos polo que os colectivos cidadáns e ecoloxistas contrarios ao Plan Acuícola esixiron a súa retirada. As plataformas de afectados entendían que este debía ser un texto de referencia no que avaliar e corrixir posibles impactos negativos, marcándolle a pauta a seguir a cada planta que finalmente lograra a autorización, opoñéndose frontalmente a que os estudos de impacto ambiental e social quedaran en mans nos plans sectoriais, analizando en cada caso o impacto social e ambiental.

Os afectados criticaron duramente o visto e prace dado polo Consello da Xunta a este proxecto, un acto que cualificaron de "burla á cidadanía". De aí, o anuncio de que seguirán coas mobilizacións a pé de rúa, ao tempo que levarán o caso ante a Unión Europea. De igual forma, os colectivos ultiman unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) en Defensa do Litoral que presentarán no Parlamento para impedir que proxectos coma este destrúan o noso territorio.

Postos laborais sen xustificar

O informe de Urbanismo recolle que a xustificación da xeración dos postos de traballo como principal beneficio socioeconómico "non pode considerarse suficiente, tal como se recoñece tamén na memoria ambiental emitida pola Consellería de medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible", ao non analizar a incidencia negativa noutros sectores de produción.

A integración da paisaxe, dubidosa

A Memoria Ambiental do departamento de Manuel Vázquez, pola súa banda, sinala que o Plan Acuícola non integra o impacto paisaxístico derivado da intensa ocupación da franxa costeira, podendo ter efectos sobre a fragmentación do territorio ou do dominio público. Unha cuestión na que tamén incide Urbanismo, que ve perigo de alteración da zona litoral.

Cultura invita ao traballo de campo

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural recolle no seu informe a necesidade de que o Plan Acuícola inclúa a necesidade de que nos seus proxectos de desenvolvemento se leven a cabo estudos específicos sobre o patrimonio cultural baseados en traballo de campo para a mellor valoración do impacto que os proxectos poden xerar sobre o patrimonio existente.

MÁIS INFORMACIÓN DE GALICIA HOXE:
Suspense sobre a postura do PP de Ribeira para vetar a piscifactoría en Corrubedo
Varios centos de sinaturas só en Corrubedo contra o Plan Acuícola
Piden que Laxe brava sexa espacio natural de interese local
P.N. de Corrubedo
Recado de Carmen Gallego: sen marcha atrás no Plan Acuícola
Pesca axilizará os trámites para que as granxas vexan axiña a luz
Lobeira defende o compromiso do Bloque co Plan Acuícola
Quintana pecha a polémica: "O Plan acuícola aplicarase"
Esquizofrenia no BNG?
Denunciarán o plan acuícola ante a Unión Europea
Merexo denuncia graves erros no plan acuícola
O PP lamenta a aprobación do plan acuícola
Teatro acuícola
Touriño impón a inclusión do plan acuícola no que pode ser o último consello da lexislatura
Aprobado o Plan Acuícola que, segundo a Xunta, pasou "por todos" os informes e afecta ó 1,8% de Rede Natura
O bipartito deixa no aire o Plan Acuícola

NOUTROS MEDIOS:
Medio Ambiente recorta la protección en Corrubedo para incluir una piscifactoría (El País)
Adega inicia una campaña judicial y en la calle contra el Plan Acuícola (El País)
Grupos ecologistas denuncian el plan Acuícola de la Xunta (El País)
El Gobierno aprueba el plan para ampliar 11 piscifactorías y crear otras 13 nuevas (El País)
Los ecologistas marcaron con banderas negras zonas de Ribeira amenazadas por el urbanismo (La Voz de Galicia)
Residentes de Corrubedo urgen la ampliación de la Rede Natura (La Voz de Galicia)
El plan acuícola entra en conflicto con la ampliación de la Rede Natura 2000 (La Voz de Galicia)
Errores cartográficos  (La Voz de Galicia)
Touriño impón un Plano Acuícola que convertirá a costa nun polígono industrial de cemento e plástico (Adega)
 
< Ant.   Seg. >