Ecuador: o texto que refunda o país
María Laura Carpineta   
Martes, 30 de Setembro do 2008

Mª Laura Carpineta-. O texto non queda só nos dereitos políticos, económicos e sociais, senón que lle dedica longos parágrafos á filosofía ancestral do sumak kawsay (o bo vivir), os dereitos da Pachamama e dos máis desprotexidos ou marxinados, os anciáns, preñadas, nenos, discapacitados, enfermos, desprazados e presos.

[Adital/Página 12]

A nova Constitución de Ecuador é longa, longuísima. Para os homes do goberno é ambiciosa e para a oposición hiperpresidencialista. A diferenza das Constitucións máis tradicionais como a arxentina, non se esforza en ser neutral e desprega expresións de desexo que van desde a construción dun mundo multipolar até a reconciliación do ser humano coa Natureza. O texto non queda só nos dereitos políticos, económicos e sociais, senón que lle dedica longos parágrafos á filosofía ancestral do sumak kawsay (o bo vivir), os dereitos da Pachamama e dos máis desprotexidos ou marxinados, os anciáns, preñadas, nenos, discapacitados, enfermos, desprazados e presos.

Nos seus 444 artigos equipara a Xustiza indíxena coa ordinaria, establece a unión civil entre dúas persoas sen importar o seu sexo, declara a imprescriptibilidade dos delictos de xenocidio e crimes de lesa humanidade, garante por primeira vez a gratuidade da saúde e a educación, e recupera o rol regulador e planificador do Estado na economía. Para os movementos indíxenas é un primeiro paso cara á verdadeira revolución; para a dereita é a revolución.

Unha das novas prerrogativas presidenciais é o control da política monetaria. O Banco Central perde a súa autonomía e convértese nun mero xestor das decisións do Executivo. "En seis meses a economía ecuatoriana vai estar desdolarizada", alertou a este diario o ex deputado do Partido Social Cristián Luís Fernando Torres. O dirixente é un home achegado ao alcalde de Guayaquil, Jaime Nebot, o inimigo número un do novo texto constitucional.

Como Nebot, Torres non cre nas promesas do presidente de manter a moeda norteamericana. A nova Carta Magna, advertiu, non menciona o dólar. Pero tampouco o fai a actual. De feito a vella Constitución establece ao sucre como a moeda nacional, aínda que o goberno neoliberal de Jamil Mahuad dolarizou a economía no ano 2000, por consello de Domingo Cavallo.

"A Constitución estadounidense tampouco menciona ao dólar. Igual non teñen nada de que preocuparse; imos manter a dolarización", aclarou a Página 12 o ministro de Seguridade Interior e Exterior, Gustavo Larrea, minutos despois de acompañar a Correa a votar. O home de confianza do presidente tamén negou que se lle dese máis poder ao Executivo. "Pola contra, limítao. Buscamos un equilibrio de poderes", asegurou. A partir de agora, explicou, a Asemblea Nacional poderá destituír aos ministros nacionais e, inclusive, ao propio presidente.

Pero mentres iso xa se cumpría na práctica, o cambio substancial é que o presidente tamén poderá disolver a Asemblea Nacional. Terá o poder de facelo unha vez no seu mandato e só se logra convencer á Corte Constitucional de que os deputados se arrogaron competencias que non lle correspondían ou bloquearon sistematicamente o seu Plan Nacional de Desenvolvemento –o programa que a partir de agora debe redactar cada presidente para marcar o rumbo da economía. Se o consegue, deberá convocar eleccións anticipadas, presidenciais e lexislativas, nun prazo de tres meses.

O que realmente desvela ao establishment guayaquileño son os cambios económicos. "O Estado resérvase o dereito de administrar, regular, controlar e xestionar os sectores estratéxicos", di o texto. A continuación enumera os sectores: a enerxía en todas as súas formas, telecomunicacións, recursos naturais non renovábeis, transporte, refinación de hidrocarburos, biodiversidade, patrimonio xenético, espectro radioeléctrico, auga e os que máis adiante se definan por lei.

A oposición xa quixo sementar o medo e falou de nacionalizacións e expropiacións masivas. Con todo, segundo o ministro Larrea, o obxectivo non é ese. "Queremos empresas mixtas nas que o Estado teña 51 por cento das accións", explicou.

Os constituíntes tamén esconderon algúns incisos de avanzada. Por exemplo, os ecuatorianos que deben pensións alimenticias, foron condenados por corrupción ou teñen contratos co Estado non poderán ser candidatos a ningún cargo público. Así mesmo, inmediatamente logo de rematada a súa xestión, os ministros nacionais non poderán ser parte de directorios de empresas privadas ou representalas de ningún xeito. A Carta Magna tamén prohibe a estatización de calquera tipo de débeda privada, a creación de latifundios e a pena de morte.

 
< Ant.   Seg. >