| Máis Estado, menos mercado |
| Manoel Santos | |
| Venres, 26 de Setembro do 2008 | |
Manoel Santos-. É a meirande nacionalización da historia, cando menos en cartos. Papá Estado regresou para salvar un libre mercado que moitos ven esmorecer. Mais dunha quimera falamos. Todo volverá ao rego cando as empresas estean saneadas con esta macrosocialización do gasto.
Cando Chávez anunciou en agosto a intención do seu goberno de mercar a filial do Banco Santander en Venezuela, a prensa comensal do Imperio alarmou ás masas coa palabra esa, nacionalización, que eu non sei por que asusta tanto. Deberase á linguaxe empregada polos amantes do ultracapitalismo, que para triunfar coas armas doutrora tiveron que disfrazar os vocábulos que daban arrepíos: imperialismo por globalización, capitalismo por democracia, invasión por misión de paz, colonialismo por axustamento estrutural, insurxencia por terrorismo e claro, nacionalización por intervención. É por isto que os “inimigos da orde mundial” nacionalizan e os “demócratas” interveñen. O que Chávez quería, na linguaxe neoliberal, era intervir a filial para evitar a súa venda e afortalar o sistema bancario venezolano. No falar de sempre, unha pequena nacionalización. Porén, o que vén de facer Bush é dunha magnitude moito maior. A mecha prendida pola nacionalización dos dous meirandes bancos hipotecarios do país e a terceira maior aseguradora do mundo foi o principio. A quebra de Lehman, un prestixioso banco de investimento sobrevivinte da depresión de 1929, o combustíbel. Fronte aos 1.200 millóns de dólares nos que se podería facer a operación venezolana, a administración do texano –liberal agora a tempo parcial–, tira de 700.000 millóns das arcas públicas para pagar as débedas dos especuladores. Con eses cartos podería nacionalizar as casas dos estadounidenses que non van poder facer fronte ás hipotecas, creando a meirande rede de vivendas sociais do mundo, ou mesmo aliviar a fame nos países máis afectados pola crise alimentaria durante os próximos 23 anos. É a meirande nacionalización da historia, cando menos en cartos. Papá Estado regresou para salvar un libre mercado que moitos ven esmorecer. Mais dunha quimera falamos. Todo volverá ao rego cando as empresas estean saneadas con esta macrosocialización do gasto. Iso si, a partir de agora os Estados máis afastados ideoloxicamente da visión economicista do mundo están lexitimados a intervir para recuperar moitos servizos públicos privatizados nos últimos trinta anos. E os movementos antiglobalización atópanse nun intre ideal para facer visíbeis as súas demandas perante a opinión pública, pois os do común xa saben que o camiño levado até agora era un suicidio. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|


.gif)

















.gif)
Manoel Santos-. É a meirande nacionalización da historia, cando menos en cartos. Papá Estado regresou para salvar un libre mercado que moitos ven esmorecer. Mais dunha quimera falamos. Todo volverá ao rego cando as empresas estean saneadas con esta macrosocialización do gasto.

Xulio Ríos-. Aquel neoliberalismo que postulaba a cegas a idea de que as forzas do mercado, por si soas, achegarían o progreso e impulsarían o desenvolvemento da economía e dos países, acabou rematando na defensa da cobiza e irresponsabilidade empresariais coa desidia cómplice dos líderes políticos.