| Sinaturas para protexer Corrubedo |
| Plataforma Medioambiental de Corrubedo | |
| Luns, 22 de Setembro do 2008 | |
|
A Plataforma Medioambiental de Corrubedo presenta hoxe, luns 22 de setembro de 2008, máis de 300 sinaturas recolleitas somentes nesa miúda pero orgullosa parroquia mareira, para apoiar a moción presentada polo BNG de Ribeira para declarar o cabo Corrubedo Espazo Natural de Interese Local. Ás sinaturas acompaña un informe feito por un biólogo independente que confirma que os valores naturais da Laxe Brava son dignos de conservación e deberían ser incluídos na rede Natura 200 lindante. A dita moción será debatida no Pleno Municipal, e a Plataforma espera o apoio unánime de todos os grupos, pois estes xa declararon hai meses nun pleno extraordinario a súa oposición á instalación dunha macrofábrica de peixes no espazo virxe da Laxe Brava (O Corgo, Teira, Corrubedo). INFORME ECOLÓXICO DO LITORAL DE CORRUBEDOUN SEN SENTIDO APLASTANTEUnha pequena reflexión previaTodo o tramo de costa que vai desde Couso (Aguiño) ata Baroña é dun incuestionable valor ecolóxico. A existencia dun tramo de costa no medio dos dous brazos principais do LIC do Complexo Húmido de Corrubedo supón unha clara tomadura de pelo a todos e todas aqueles/as que estiman o medio ambiente e que loitan por preservalo das barbaridades que a cotío executa a administración. Xa bastante temos coa proliferación incontrolada do urbanismo de a pé (e nisto toda a zona de Corrubedo é un bo exemplo) como para permitir que a costa se vexa atacadaindiscriminadamente pola gran industria do cultivo pesqueiro. Con só darse un paseo polos campos de Teira e dos seus arredores, un dase de conta da necesidade de conservar toda esta paisaxe. Trátase dun lugar que permanece inalterado desde hai moitos anos e que cómpre protexer e conservar para o disfrute das xeracións vindeiras. Insisto: o espazo natural do que estamos a falar, así como os arredores do mesmo, non deixan indiferente a ninguén posto que se podería dicir que teñen un efecto máxico sobre as persoas ás que un lugar virxe como este (e outros, aínda que queden moi poucos no noso litoral) lle reporta unha moi grata sensación de benestar. Non ten sentido ningún que o que podería ser un importante corredor biolóxico se vexa fragmentado por intereses económicos. Non ten sentido a existencia da devandita illa “oportunista” de tan alto valor ecolóxico como as áreas protexidas adxacentes. O procexto contempla unha planta cunha superficie de 30,5 has, o que suporía dilapidar todo o espazo de punta a punta. Os políticos son uns mandados do imperio económico. Apuntes sobre a importancia ecolóxica da zona afectada polo proxectoNa zona na que se queren realizar as instalacións para a planta de cultivo, situada entre as puntas do Corgo e Laxe Brava, presenta dúas unidades ambientais de especial interese. Por unha banda, unha primeira cintura de litoral rochoso, con pequenos cantís e formacións graníticas de bolos ou coídos de enorme valor patrimonial e, por outra, extensas chairas areosas cobertas pola vexetación nas que tamén teñen cabida os pradaríos húmidos con vexetación higrófila e onde aínda se practica unha agricultura de tipo tradicional. Digamos que en todo o lugar as patacas plántanse na area. Todas estas chairas presentan elementos botánicos de enorme valor pola súa singularidade e rareza no contexto ibérico. A pesar da súa natureza areosa, estas chairas presentan un claro enriquecemento en materia orgánica e unha cobertura vexetal case ao 100%. Pero vaiamos por partes. FLORA-. A zona rochosa presenta especies de marcado carácter endémico, como son a herba de namorar (Armeria pubigera subsp. pubigera – endemismo do NW ibérico) e a anxélica (Angelica pachycarpa –especie que na P. Ibérica se distribúe desde o norte de Portugal ata o extremo occidental asturiano), especie esta última que ascende ate os cumios dos montes Facho e Tahume situados preto do lugar. Nesta zona aparecen os pasteiros costeiros halocasmofíticos espelucícolas galegos atlánticos, pertencentes á asociación Chritmo maritimi-Armerietum pubigerae, propios da fachada atlántica do norte de Portugal e Galicia e que se desenvolven nesta banda supralitoral influída polas salpicaduras do mar. Esta primeira unidade ambiental constitúe un hábitat de interese comunitario (Directiva 92/43/CEE) co nome de “cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas” (código 1230). Por outra parte están as formacións de chaira areosa, nas que poden atoparse especies vexetais endémicas como o carraspique (Iberis procumbens, endemismo do NW ibérico), os paxariños amarelos (Linaria polygafolia subsp. polygafolia, endémica das costas atlánticas desde Lisboa ata Lugo) ou a crucífera Alyssum loiseleurii, especie moi ameazada pola construcción na costa e que semella estar extinta xa en Biscaia e Asturias. O saínte costeiro no que se pretende instalar a plataforma acuícola está limitado ao norte e ao sur por dous areais: as praias de Balieiros e Espiñeirido, cadansúa co seu sistema dunar asociado. A pesar de que o devandito saínte presenta unha acusada rochosidade, os terreos fondos e libres de pedra son empregados para tarefas agrícolas, conservándose ademais restos de vexetación terófita típica dos pasteiros dunares. Polo tanto, no espazo e arredores inmediatos poden atoparse bos exemplos de comunidades vexetais de dunas fixas incluídas na alianza Thero-Airion (pasteiros anuais silicícolas eurosiberianos), que co código 1637 constitúen hábitats de interese prioritario pola Directiva Hábitats. Asimesmo, o escaso tamén conta coa presenza da asociación Iberidetum procumbentis (matogueiras de dunas fixas galaico-portuguesas), de carácter prioritario pola DC 92/43 (cógido 1633). Por último, cabe sinalar que toda esta zona virxe de enorme beleza paisaxística contén importantes extensión de uceiras secas europeas (código 4030), que constitúen un hábitast de interese comunitara de elevado valor ecolóxico, posto da acubillo a moitas especies animais (sobre todo aves) que atopan neste lugar un lugar axeitado para reproducirse. Outras unidades ambientais exisentes no territorio son os piñeirais que se asentan sobre interesantísimas dunas fóseis e os núcleos de poboación (aldea de Teira). FAUNA-. En canto á fauna, toda a zona afectada polo proxecto presenta especies ligadas a espazos abertos e ao medio agrocampestre que nos últimos anos experimentaron un importante declive poboacional en toda a Península (Programa Sacre, SEO Birdlife). Falamos por exemplo da cotovía (Lullula arborea), da laverca (Alauda arvensis) e da anduriña común (Hirundo rustica). A zona é especialmente rica en frinxílidos e picaxuncos (Cisticola juncidis), que acadan densidades relativamente altas; a zona tamén destaca como importante lugar de nidificación da termófila papuxa cabecinegra (Sylvia melanocephala), cun elevado número de machos territoriais detectados na zona ao longo deste último período reprodutor. Destacadísima é a importancia de toda esta faixa costeira na migración de certas especies de aves con baixo número de efectivos no contexto galego. Así, é salientable o fluxo migratorio posnupcial da subsepecie escandinava do chasco cinsento (Oenanthe oenanthe) ou do escaso peto formigueiro (Jynx torquilla). Importante tamén no lugar a invernada da pica dos prados (Anthus pratensis). Por outra parte, e aínda que non afectado directamente pola instalación de infraestruturas na costa, temos a presenza de especies mariñas de importancia. A achegada bahía de Corrubedo supón un dos lugares de invernada máis importantes da P. Ibérica para a mobella grande (Gavia inmer), albergando tamén importantes continxentes invernantes de pato petumeiro (Melanitta nigra). Desde o faro de Corrubedo, durante os meses de setembro-outubro, pode detectarse un significativo paso migratorio de aves mariñas que circulan pola plataforma continental. Así, destacan as pardelas (Puffinus spp), os mascatos (Morus bassanus), os paíños do mal tempo (Hydrobates pelagicus) e as palleiras (Stercorarius spp.). Por último, cabe dicir que as chairas dunares de Corrubedo, Olveira e Aghoeiros (dentro do P.N. de Corrubedo) albergan a única poboación costeira coñecida de alcaraván (Burhinus oedicnemus). Aínda que semella estar acantonada nos devanditos lugares, os campos de Teira entran dentro da súa área de expansión (de feito, hai anos tense detectado algún individuo territorial nas dunas de Xuño e de San Pedro de Muro), polo que a instalación de calquer instalación de gran envergadura pode dar ao traste con esta posibilidade. En resumidas contas, a zona presenta unha especial importancia no mantemento dunha comunidade ornítica vinculada ao medio agrocampestre e aos sistemas dunares abertos; ademais supón un lugar moi importante para o paso e invernada dunha gran cantidade doutras especies transaharianas. En conclusión: que se un avispado señor ou señora de Bruselas interesasdo na conservación do medio ambiente, se achega por estas terras e escoita falar do que queren montar neste lugar, o menos que podería facer sería botar as mans á cabeza, chorar de mágoa. Tristemente asinado, Xosé Ignacio González Martínez (Biólogo e Guía Intérprete)
| |
| < Ant. | Seg. > |
|---|
