| Os retos do movemiento social europeo . 5º Foro Social Europeo en Malmö |
| Josep Maria Antentas e Esther Vivas | |
| Domingo, 21 de Setembro do 2008 | |
|
Desde a súa primeira edición en novembro de 2002 en Florencia até hoxe, o FSE conseguiu moito e moi pouco á vez. Os foros sociais non son un fin en si mesmos, senón un instrumento ao servizo da discusión e a articulación de campañas e mobilizacións. Teñen sentido só se axudan a avanzar nesta dirección. Os foros non comportaron de forma mecánica a creación de converxencias duradeiras nin o desenvolvemento de loitas concretas, pero si tiveron unha influencia positiva xenérica nesta dirección. O gran mérito do proceso do FSE foi afirmar un espazo de converxencia das loitas contra as políticas neoliberais a escala europea. Aínda que débil e pouco arraigado, foi un punto de referencia para o groso das forzas sociais opostas a estas. Algo que non conseguiu, por exemplo, o sindicalismo maioritario agrupado na Confederación Europea de Sindicatos (CES), atrapado na súa política de "apoio crítico" á lóxica neoliberal da Unión Europea (UE). O contexto internacional no cal se desenvolveu o FSE foi modificándose desde os seus comezos, cando naceu nun momento marcado aínda polo empuxe do movemento altermundialista. Este último tivo un forte crecemento até as mobilizacións contra o G8 en Xénova en xullo do 2001 e os atentados do 11 de setembro en New York. Logo dalgúns titubeos iniciais, nos que o movemento pareceu perder fol, a nova etapa caracterizouse pola centralidade adquirida pola loita contra a "guerra global permanente", cuxo cenit foron as protestas do ano 2003 contra a invasión de Iraq. Este foi o escenario no que tivo lugar o primeiro FSE en novembro do 2002 en Florencia. A partir da súa segunda edición en París en novembro do 2003, o FSE desenvolveuse nunha fase caracterizada pola perda de centralidade das mobilizacións internacionais altermundialistas e da súa capacidade aglutinadora e unificadora, nun contexto de auxe e multiplicación das loitas concretas fronte ao neoliberalismo e de maior dispersión sectorial e de "nacionalización" das mesmas. Un escenario, en definitiva, marcado por unha crise de perspectivas por parte do movemento altermundialista e polo conxunto do proceso do Foro Social Mundial no cal o FSE se enmarca. As súas edicións posteriores en Londres en 2004 e en Atenas en 2006 mostraron a continuidade do proceso e o seu arraigamento en novos países, pero tamén as súas dificultades para seguir desenvolvéndose e dar un paso máis. Pasado o efecto novidade e o impulso inicial, nos últimos anos a dinámica do FSE mostra síntomas de declive, rutinización e perda de utilidade concreta. Hoxe, o gran reto dos movementos sociais europeos é poder articular unha resposta a escala continental á lóxica neoliberal da integración europea e a medidas como a "Directiva da Vergoña" ou a aínda non aprobada "Directiva das 65h". O éxito humillante do primeiro FSE xerou unhas expectativas enormes sobre o seu potencial neste terreo. En realidade demasiadas. Tras a xornada internacional contra a guerra en Iraq, o 15 de febreiro (15F) do 2003, convocada nesta primeira edición do foro, e que sacou á rúa a millóns de persoas, o gran desafío entón era dar un paso adiante real na articulación continental das loitas. A fórmula propagandística utilizada naquel momento foi a de "realizar un 15F social". Pero os avances posteriores neste terreo foron limitados, xerando unha certa sensación de frustración e estancamento. A guerra de Iraq tivo un efecto centralizador que non existe noutros eidos. A lóxica das políticas gobernamentais é a mesma en toda a UE e obedece aos acordos tomados neste marco. Pero o ritmo e a dinámica de aplicación das reformas é distinto en cada país. Nos últimos anos, as resistencias sociais ao neoliberalismo foron considerábeis. Estas son, con todo, aínda moi defensivas (con excepcións puntuais), a miúdo terminan en derrotas ou vitorias precarias e desenvólvense nun contexto desfavorábel. Todo iso dificulta a posta en marcha de iniciativas coordinadas a escala europea. Con todo, houbo progresos importantes, algúns vencellados á dinámica do FSE e outros non, como a conformación de redes e campañas europeas sobre temas específicos como xornadas (moitas aínda simbólicas e limitadas) de mobilización simultánea en varios países por exemplo as impulsadas polo movemento estudantil fronte ao Espazo Europeo de Ensino Superior (EEES) ou determinadas "eurofolgas" nalgunhas empresas. Avanzar pois nesta "europeización" das resistencias é a vía pola cal habería que apostar. En realidade, os movementos sociais europeos teñen o dobre reto de aprofundar no seu arraigamento local e fortalecerse "por baixo" e, en paralelo, crear formas de artellamento a escala nacional e internacional, que eviten o illamento das resistencias sociais a través de espazos como foros, campañas e redes concretas,. Florencia foi un arranque espectacular e prometedor dun camiño que se mostrou difícil e complexo, con avances e retrocesos, tortuoso e moi pouco lineal: o camiño da construción dunha Europa dos pobos oposta á lóxica do capital. *Josep Maria Antentas é profesor de socioloxía da UAB e Esther Vivas é membro do Centro de Estudos sobre Movementos Sociais (CEMS)-UPF. |
| < Ant. | Seg. > |
|---|
