O Foro Social Mundial das Migracións abre o novo curso
Altermundo   
Domingo, 21 de Setembro do 2008

 Entre os días 11 e 13 de setembro celébrase no concello de Rivas-Vaciamadrid (Madrid) un foro que loita por un mundo sen muros

 O proceso dos foros sociais como espazos de procura de alternativas ao mundo do capital segue adiante despois do verán. Logo do parón de agosto, a segunda semana de setembro terá lugar o III Foro Social Mundial das Migracións (FSMM), ao que seguirá un novo curso de procesos similares, quer rexionais, quer temáticos en todo o mundo. Deste xeito, tamén en setembro (días 17 a 21) terá lugar o Foro Social Europeo (Malmö, Suecia), en outubro (días 7 a 12) o III Foro Social das Américas (Cidade de Guatemala) e mailo Foro dos Pobos de Asia (días 15 a 17 en Pequín, China) e en decembro (días 5 a 7) o primeiro Foro Social Galego en Santiago de Compostela. Todos confluirán no IX Foro Social Mundial de Belém do Pará, entre os días 27 de xaneiro e 1 de febreiro de 2009.

O FSMM sitúase dentro dos foros temáticos, sendo o terceiro que se celebra a escala mundial. Despois do primeiro encontro mundial, realizado en 2005 en Porto Alegre (Brasil), configurouse como un proceso mundial permanente co que se pretende buscar solucións a escala internacional.

O FSMM caracterízase tamén pola pluralidade e pola diversidade e ten un carácter non confesional, non gobernamental e non partidario.

Proponse facilitar a articulación, de forma descentralizada e en rede, de entidades e movementos en accións concretas, tanto a escala local como internacional, para a mellora das condicións dos desprazados, tanto refuxiados e inmigrantes, como apátridas.

Artellado en 5 eixes temáticos

A globalización e as migracións; As sociedades de orixe e alternativas ao desenvolvemento; Fronteiras e dereitos humanos; As sociedades de chegada e a situación dos migrantes; e Asilo e refuxio e desprazamento–, e como dixo o presidente de CEAR (Comisión Española de Axuda ao Refuxiado), Ignacio Díaz na súa presentación hai uns meses, o FSMM quere resaltar que “o debate sobre as migracións non pode quedar só no ámbito dos gobernos”. Do mesmo xeito, Luiz Bassegio, outro dos voceiros do Comité Internacional do FSMM, e un dos promotores do Foro Social Mundial salientou que “os emigrantes e inmigrantes non son só forzas de traballo senón, sobre todo, persoas con dereitos”.

O prazo de inscrición de actividades para o foro está xa pechado, polo que nos vindeiros días se dará a coñecer o programa definitivo.


Altermundo
Sobre o autor ou autora:
Artigo inserido ou creado por Altermundo.org
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >