A enerxía de Obama
Carlos Taibo   
Domingo, 21 de Setembro do 2008

 Carlos Taibo-. Obama fixo seu un proxecto que fai do crecemento económico a panacea resolutora de todos os males, e que de resultas de ningún xeito contempla a conveniencia de que os cidadáns norteamericanos se rebelen perante un estilo de vida descaradamente despilfarrador.

[La República]

Desde hai algún tempo hai un par de preguntas que se repiten até a extenuación nos nosos medios de comunicación. Na eventualidade -reza a primeira- de que Barack Obama se faga coa presidencia dos Estados Unidos, até onde será capaz de chegar no seu aparente designio de modificar tantas actitudes? No seu caso -subliña a segunda-, deixaranlle facer ou pola contra os poderosos de sempre terciarán para pór freo aos aspectos máis radicais do proxecto obamiano?

De certo, non estamos en condicións de afrontar de xeito cabal esas dúas preguntas. Aínda así, un puñado de datos dispersos permite perfilar de forma cautelosa unha resposta. Un deles acaba de proporcionalo o propio Obama con ocasión do discurso pronunciado durante a convención do Partido Demócrata que decidiu catapultar ao noso home cara á elección presidencial de novembro. Nesa intervención Barack Obama anunciou salientabelmente o seu firme propósito de reducir de forma significativa, nun prazo de dez anos, a dramática dependencia que a economía norteamericana mostra en relación co petróleo.

Conveñamos que a declaración en cuestión carrexa, en si mesma, un cambio de innegaábel interese. É ben sabido que en moi boa medida o desvarío da política exterior de Bush fillo estivo vinculado cos intereses das grandes transnacionais do petróleo e coa necesidade aparentemente imperiosa de acometer delicadas operacións militares -Afganistán, Iraq- para garantir as subministracións enerxéticas que precisa unha economía, a estadounidense, cada vez máis vulnerábel neste eido.

Así as cousas, o primeiro que hai que facer, aínda desde a constancia de que o que Obama propuxo antóllase dificilmente realizaábel, é celebrar o cambio de rumbo que intenta achegar a un país indelebelmente lastrado por impresentaábeis intereses privados. Nada máis sinxelo que identificar, con todo, a contrapartida: cando chega o momento de precisar as medidas que habería que acometer, a condición rupturista destas eslúese por sorpresa. Aínda que é certo que o candidato demócrata á presidencia dos Estados Unidos referiuse á necesidade imperiosa de desenvolver fontes renovábeis de enerxía -quen non di iso, por certo, a estas alturas?-, non dubidou en apertar, ao parecer sen maior cautela, as prestacións que debe achegar a industria nuclear e pouco máis suxeriu que a conveniencia de introducir vehículos de transporte menos contaminantes.

Máis aló do anterior, Obama fixo seu un proxecto que fai do crecemento económico a panacea resolutora de todos os males, e que de resultas de ningún xeito contempla a conveniencia de que os cidadáns norteamericanos se rebelen perante un estilo de vida descaradamente despilfarrador. Nese sentido a súa opción parece dificilmente encaixábel co tantas veces cacarexado designio de colocar aos Estados Unidos en posición ben diferente da do pasado e en conferirlle á política da Casa Branca unha condición solidaria no que incumbe aos dereitos dos desherdados. E é que a estas alturas até o máis necio sabe que, con recursos visivelmente limitados como os que se achan á nosa disposición, os países do Norte, e en singular os Estados Unidos, teñen que asumir cambios radicais que reduzan, e sensibelmente, a súa letal contribución á progresión dos desequilibrios ambientais que o planeta arrastra.

Parece coma se -digámoslo noutros termos- Obama asumise o camiño de encarar drasticamente moitos dos desaforamentos do "american way of life" para, ao cabo, deixar as cousas máis ou menos como estaban. E é que o termómetro máis fidedigno no que respecta ás intencións de fondo do candidato demócrata non é outro que o que pon sobre a mesa unha frase que pronunciou, case dous decenios atrás, o pai do actual presidente norteamericano: "Todo pode negociarse excepto o modo de vida norteamericano". Co discurso de Barack Obama na man, parece servida a conclusión de que, aparencias, deseño e retórica á marxe, a gran esperanza negra quedouse curta, moi curta, na súa vontade de rachar coas amarras co pasado.


Carlos Taibo
Sobre o autor ou autora:
Profesor de Ciencia Política na Universidade Autónoma de Madrid.
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >