Xeorxia e os neoconservadores
Noam Chomsky   
Sbado, 20 de Setembro do 2008

 Noam Chomsky-. Fálase moito acerca dunha “nova guerra fría” instigada pola brutal conduta de Rusia en Xeorxia. Hai motivos para se alarmar por mor dos continxentes navais de Estados Unidos no mar Negro -algo similar no Golfo de México dificilmente sería tolerado- e por outros sinais de confrontación. As recentes visitas do vicepresidente Dick Cheney a Xeorxia e Ucraína son temerariamente provocadoras.

 

[La Jornada. Traducido pola CIG]

 

Arrepiado polas atrocidades que cometeron as forzas invasoras estadounidenses nas Filipinas, e polo voo retórico acerca das nobres intencións que acompañan de xeito rutineiro os crimes de Estado, Mark Twain admitiu que estaba incapacitado para blandir a formidábel arma da sátira.

O obxecto da súa frustración era o famoso xeneral Frederick Funston. “Ningunha sátira sobre Funston pode chegar á perfección”, lamentou Twain, “pois Funston ocupa ese cume pola súa conta... (el é) a sátira encarnada”. A conxectura de Twain pareceu repetirse en recentes semanas, durante a guerra entre Rusia, Xeorxia e Osetia do Sur.

 

George Bush, Condoleezza Rice e outros dignatarios invocaron de xeito solemne a santidade de Nacións Unidas, e advertiron que Rusia podería ser excluída das institucións internacionais, ao “adoptar accións en Xeorxia que contradín” os principios da ONU.

 

A integridade territorial e a soberanía de todas as nacións debe ser acatada de xeito rigoroso, sinalaron. Cando aludían a “todas as nacións” excluían, seica, aquelas que Estados Unidos elixe atacar: Iraq, Serbia, se cadra Irán, e unha longa e familiar listaxe doutras.

 

O socio menor uniuse ao coro. O secretario de Relacións Exteriores de Gran Bretaña, David Miliband, acusou a Rusia de comprometerse con “?formas de diplomacia propias do século XIX”, ao invadir un Estado soberano, algo que Gran Bretaña nunca faría na actualidade.

 

Tales actos, engadiu Miliband, “non son a forma en que as relacións internacionais deben concretarse no século XXI”. Dese xeito, sumou a súa voz á de Bush, quen dixo que a invasión dun “Estado soberano veciño... é inaceptábel no século XXI”.

 

O xogo entre a sátira e a vida real faise “mesmo máis iluminador”, escribiu Serge Halimi en Le Monde Diplomatique, “cando para defender as fronteiras do seu país, o engaiolador e pro estadounidense (Mikhail) Saakashvili repatria parte dos 2.000 soldados que enviara a invadir Iraq”, un dos máis grandes continxentes mandados á nación árabe, á parte dos dous estados guerreiros.

 

Prominentes analistas deron en se unir ao coro. Fareed Zakaria aplaudiu a observación de Bush de que a actitude de Rusia é inaceptábel na actualidade, a diferenza do século XIX, “cando a intervención de Rusia sería considerada un procedemento normal para unha gran potencia”. Xa que logo, debemos desenvolver unha estratexia para que Rusia “ingrese no mundo civilizado”, onde a intervención é impensábel.

 

Sete dos membros do Grupo dos Oito, as principais potencias industriais do mundo, emitiron un comunicado “condenando a acción do noso membro do G-8”, Rusia, pois aínda non entende o compromiso angloestadounidense de non intervención. A Unión Europea realizou unha reunión de urxencia, algo ben infrecuente, para condenar o crime de Rusia. Foi a primeira xuntanza dese tipo desde a invasión de Iraq, que por certo non xerou condena ningunha da UE.

 

Rusia pediu unha sesión de urxencia do Consello de Seguridade da ONU, pero non se chegou a consenso ningún, pois, de acordo cos diplomáticos do consello, Estados Unidos, Gran Bretaña e outros rexeitaron unha frase que pedía a ambas as partes “renunciar ao uso da forza”.

 

As reaccións lembran as observacións de George Orwell sobre “a indiferenza ante a realidade que exhibe un nacionalista”, quen “lonxe de desaprobar as atrocidades cometidas polo seu propio bando... ten unha notábel capacidade para non escoitar nada acerca delas”.

 

A básica historia non está seriamente en disputa. Osetia do Sur e Abxasia (que teñen portos no mar Negro) foron asignadas por Josef Stalin á súa nativa Xeorxia. (Agora, os dirixentes occidentais sinalan con firmeza que as ordes de Stalin deben ser respectadas).

 

As provincias gozaron de certa autonomía até o colapso da Unión Soviética. En 1990, o ultranacionalista presidente de Xeorxia, Zviad Gamsakhurdia, aboliu as rexións autónomas e invadiu Osetia do Sur. A guerra que seguiu deixou mil mortos e decenas de millares de refuxiados.

 

Unha pequena forza rusa supervisou unha tregua prolongada, difícil, que foi rota o 7 de agosto cando o presidente xeorxiano Saakashvili ordenou ás súas forzas invadir.

 

De acordo con “gran cantidade de testemuñas”, informou The New York Times, o exército de Xeorxia comezou a “bombardear sectores civís da cidade de Tsjinvali, así como a base das forzas de paz de Rusia, usando artillería pesada e foguetes”.

 

A predicíbel resposta de Rusia foi desaloxar ás forzas xeorxianas do sur de Osetia. Rusia procedeu a continuación a conquistar partes de Xeorxia, e logo retirouse parcialmente ás proximidades de Osetia do Sur. Houbo moitas baixas e atrocidades. Como é normal, os inocentes sufriron moito.

 

Como pano de fondo da traxedia no Caúcaso hai dous asuntos cruciais. Un é o control do gas natural e dos oleodutos desde Acerbaixán mesmo Occidente.

 

Xeorxia foi elixida por Bill Clinton para circunvalar a Rusia e a Irán, tamén fortemente militarizada para ese propósito. Polo tanto, Xeorxia representa “un valor estratéxico moi grande para nós”, observa Zbigniew Brzezinski.

 

É de salientar que os analistas se están a poñer menos reticentes para explicar os reais motivos de Estados Unidos na rexión, a medida que os pretextos de sombrías ameazas e de liberación se esvaen e faise máis difícil eludir as demandas para que retire as súas tropas de ocupación de Iraq. É por iso polo que os editores de The Washington Post criticaron a Barack Obama por considerar Afganistán “a fronte central” para Estados Unidos. O xornal recordou que Iraq “está no centro xeopolítico de Medio Oriente e contén algunhas das reservas de petróleo máis grandes do mundo”, e que a “importancia estratéxica de Afganistán empalidece con relación a Iraq”. Unha benvida, aínda que tardía, admisión da realidade da invasión estadounidense.

 

O segundo tema de división no Cáucaso é a expansión da Organización do Tratado do Atlántico Norte en dirección ao leste. Cando a Unión Soviética se derrubou, Mikhail Gorbachov aceptou unha concesión que resulta abraiante á luz da historia recente e das realidades estratéxicas: aceptou que unha Alemaña unida se unise a unha alianza militar hostil.

 

Gorbachov aceptou a concesión sobre a base de “garantías” de que a OTAN non ampliaría a súa xurisdición cara ao leste, “nin unha soa polgada” nas exactas palabras (do daquela secretario de Estado) Jim Baker, de acordo con Jack Matlock, embaixador de Estados Unidos en Rusia nos cruciais anos de 1987 a 1991.

 

Clinton rapidamente abxurou dese compromiso, e tamén refugou os esforzos de Gorbachov para pór fin á guerra fría mediante unha cooperación entre os socios. E a OTAN rexeitou unha proposta rusa para unha zona libre de armas nucleares entre o Ártico e o mar Negro, que podería ter “interferido con plans para ampliar a OTAN”, segundo Michael McGwire, un analista de estratexia e que traballou na OTAN en tarefas de planificación.

 

As esperanzas de Gorbachov foron abandonadas ante o triunfalismo estadounidense.

 

Os pasos de Clinton foron rapidamente escalados pola agresiva postura e as accións de Bush. Matlock escribe que Rusia podería tolerar a incorporación de ex satélites de Rusia na OTAN se Estados Unidos “non bombardease Serbia e continuase a súa expansión. Pero, a fin de contas, mísiles balísticos en Polonia e a intención de que Xeorxia e Ucraína se unisen á OTAN, cruzaron as liñas vermellas. E a insistencia en recoñecer a independencia de Cosovo foi o máximo. Putin aprendeu que as concesións a Estados Unidos non resultaban recíprocas, senón que eran utilizadas para promover o control de Estados Unidos sobre o mundo. Unha vez que tivo a forza de resistir, fíxoo”, en Xeorxia.

 

Fálase moito acerca dunha “nova guerra fría” instigada pola brutal conduta de Rusia en Xeorxia. Hai motivos para se alarmar por mor dos continxentes navais de Estados Unidos no mar Negro -algo similar no Golfo de México dificilmente sería tolerado- e por outros sinais de confrontación. As recentes visitas do vicepresidente Dick Cheney a Xeorxia e Ucraína son temerariamente provocadoras.

 

De todas as maneiras, parece moi difícil que exista unha nova guerra fría. Para avaliar a posibilidade, debemos ter en conta con claridade a vella guerra fría. Máis aló da retórica, a guerra fría foi na práctica un pacto tácito no cal cada un dos rivais tiña liberdade para apelar á violencia e á subversión a fin de controlar os seus dominios. Para Rusia, eran os seus veciños orientais. Para a superpotencia global, a maior parte do mundo.

 

Unha alternativa sensata é a visión de Gorbachov rexeitada por Clinton e socavada por Bush. Un consello sensato foi oferecido hai pouco polo ex ministro de Relacións Exteriores de Israel e historiador Shlomo Ben Ami. Nun artigo escrito na prensa libanesa, Ben Ami dixo que “Rusia debe buscar unha xenuína asociación estratéxica con Estados Unidos, e Estados Unidos debe entender que, cando Rusia é excluída e desprezada, pode arruinar as cousas a escala global. Ignorada e humillada por Estados Unidos desde que concluíu a guerra fría, Rusia necesita incorporarse a unha nova orde global que respecte os seus intereses como unha potencia que rexorde, non cunha estratexia antioccidental de confrontación”.


Noam Chomsky
Sobre o autor ou autora:
Lingüísta e activista
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >