Imperialismo sanguinario
Mauro Santayana   
Sbado, 20 de Setembro do 2008

 Mauro Santayana-. O que está acontecendo en Bolivia aconteceu antes no Brasil, en 1964; en Chile, en 1973; na Arxentina, en 1976, e case aconteceu en Venezuela, en 2002.

[Jornal do Brasil]

Todo comezou coa usurpación de 1.300 mil quilómetros cadrados do territorio de México, na guerra promovida polo presidente Polk (1846-48). E en 1856, o mercenario ianqui William Walker declarouse presidente de Nicaragua. Podemos deixar de lado o caso ben coñecido da intervención en Cuba, desde a súa “independencia” até a Revolución de 1959.

No inicio do século XX, para construír a canle, os norteamericanos promoveron o movemento separatista de Panamá –que pertencía a Colombia– e obtiveron, da constitución que eles mesmos redactaron, o dereito de intervir no país cando sexa necesario.

Entre 1926 e 1933, Nicaragua viviu a extraordinaria xesta de Sandino –no seu tempo, mito maior do que o de Guevara. El afrontou vitoriosamente os marines, foi traizoado e asasinado por Somoza, nun encontro marcado para a conciliación nacional. Como premio, o demócrata Roosevelt fixo do asasino o ditador de Nicaragua, que legou o país a seu fillo, até a vitoria dos sandinistas en 1979, cando os Estados Unidos armaron os contra-revolucionarios. No Salvador o terrorismo norteamericano matou decenas de miles de persoas, entre elas o bispo don Oscar Romero, a carón do altar, o 24 de marzo de 1980.
En 1964, os estaounidenses estimularon e orientaron, mediante os seus diplomáticos e axentes, o golpe contra o goberno constituído de Jango. Coma hoxe en Bolivia, existiu a orquestración da prensa, o incentivo aos baderneiros, a mobilización da extrema dereita.

En 1973 foi a quenda de Chile. Repetiuse o mesmo modelo, co envolvemento das forzas armadas, o uso de cuantiosos recursos financeiros, a cooptación remunerada dos servizos de información, os actos de sabotaxe, o ‘lock-out’ dos empresarios e o estímulo a axentes provocadores. O golpe contra Allende só foi consumado coa morte do gran presidente. O envolvemento dos Estados Unidos no episodio está rexistrado en documentos oficiais de Wáshington.
Venezuela, mesmo despois de que o presidente constitucional Hugo Chávez fora secuestrado, conseguiu impedir o golpe de abril de 2002 –cf. filme en DVD La revolucion non sera televisionada– , patrocinado polos Estados Unidos, polas multinacionais, polos empresarios locais e polos medios de comunicación. No fin da última semana, era denunciada unha nova articulación golpista.

Coa experiencia que temos do pasado, é case correcto que Wáshington se encontre por detrás da conspiración. Chávez, diante dos feitos acontecidos en Bolivia, tivo a coraxe de expulsar o embaixador dos Estados Unidos. Morales tamén decidiu declarar persona non grata o embaixador norteamericano na Paz, e con razóns públicas e obxectivas: o diplomático estábase a reunir cos gobernadores da oposición que esixen a independencia das súas rexións.
Bolivia non se atopa nas antípodas. Está alí, ao lado. A nosa posición, no episodio, debe ser orientada pola vella afirmación do principio de non intervención.

Fixo ben o Brasil en acatar a decisión de Evo Morales de declinar o ofrecemento dos veciños para buscar a conciliación. Morales preferiu convidar ao prefecto de Tarija, co fin de conversar.

O meirande problema é o grande latifundio: 860 propietarios controlan o 46% das terras do altiplano –catro deles con feudos de máis de 50 mil hectáreas cada un–, mentres que 54 mil empresarios medios só posúen 7,3% da superficie. Os indios foron desposuídos das súas terras, e o agronegocio –movido por croatas, sirio-libaneses, norteamericanos e brasileiros– está por detrás das axitacións. É aínda máis grave saber que a razón invocada polos baderneiros é a de que Morales vai usar os recursos do gas para socorrer os bolivianos anciáns e pobres.

Non é probábel unha saída rápida para a crise. Aínda que se chegue a un acordo entre o presidente e os gobernadores da rexión oriental, o problema ficará latente. O caso de Bolivia é tamén unha advertencia para a nosa política agraria na Amazonía. Estamos permitindo a adquisición de terras na rexión por estranxeiros e por grandes fondos de investimentos –que son apátridas, como o Opportunity–, o que suporá un gran risco no futuro próximo.

Aos Estados Unidos non lle interesa a estabilidade de ningún país do continente. É evidente que tanto en Venezuela, como en Bolivia, os seus axentes, oficiais e disfrazados, incentivan os inimigos de Morales e de Chávez. Diante da situación, os demais países sudamericanos deben unirse diplomaticamente e impedir o peor..


Mauro Santayana
Sobre o autor ou autora:
Xornalista brasileiro
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >