En Bolivia defínese o continente
Isabel Rauber   
Martes, 16 de Setembro do 2008

 Isabel Rauber-. En Bolivia non hai «dous bandos». Existe un goberno lexítimo e un sector social de inadaptados sediciosos antidemocráticos, incluíndo gobernos departamentais, que non queren aterse ás normas democráticas, e que conscientes de que se lles acabou a festa macabra do saqueo, a explotación, o roubo e a humillación.

 

Pasado, presente e futuro das democracias latinoamericanas

 

 

 

Ollando o mundo, pero particularizando nas nosas terras e deténdonos na situación de Bolivia, faise evidente que -tal como están as democracias- resultan cando menos insuficientes para conter, expresar e proxectar a participación madura e crecente da cidadanía, no entendido supostamente aceptado e vixente de que a condición cidadá é universal. E é esta unha das definicións/decisións coas que a democracia debe pórse a ton neste século.

 

Democracia de quen e para quen? Todos teñen realmente os mesmos dereitos a exercer a cidadanía? Poden os pobos realmente decidir democraticamente os seus destinos, mellorar as súas condicións de vida e convivencia? Hai un contrato social capaz de sustentar estas aspiracións?

Percorrendo os territorios políticos do continente, rapidamente se detecta que os paradigmas democráticos, se cadra por ser escasamente practicados, evidencian as súas grandes fraquezas, algunhas delas, pola súa indisimulada orientación de clase a favor dos poderosos, outras -ademais diso- polo súa notábel obsolescencia social e cultural. Isto fala da urxente necesidade de actualizar/cambiar o contrato social (político, económico e cultural), que sustenta as nosas sociedades.

 

Se centramos as reflexións na realidade boliviana actual iso é incuestionábel, pero asemade instálase fortemente unha interrogante: Hai posibilidades? Existe un interese colectivo en construír un mundo civilizado, que fala -minimamente- de compartir, de repartir e reclama tolerancia, ou os poderosos de sempre -quitando a máscara- adoptarán unha vez máis a violencia, a exclusión, a mordaza e a morte como baseamento social dos seus luxos e cobizas?

 

Trátase dunha disxuntiva de vida e de modos de vida. E está en xogo hoxe nas rúas e campos de Bolivia e con eles, en todos os nosos territorios. É asunto de tempos e acontecementos. Bolivia evidencia que a opción ditatorial travestida nos golpes “cívicos” expresión concentrada do egoísmo e a intolerancia extremos dos poderosos, busca reinstalarse como opción política (e económica) en terras latino-americanas, contando unha vez máis coa intervención da man amiga (“axenda positiva”) do poder dos “americanos”.

 

 

A democracia representativa ten entre os seus fundamentos o voto das maiorías. Cando isto funciona ben para os intereses das minorías no poder (e do poder), estas non erguen ningunha obxección. Cando -de cando en cando por certo- ocorre o contrario, a máscara e o discurso universalista desaparece e aflora sen andrómenas o contido de clase da democracia que soportan e sustentan. Para eles non hai principios democráticos xerais, senón só aqueles que lles permiten defender e estender os seus intereses. Cando non é así, non dubidan en boicotear a democracia, tripala, secuestrala e matala, á vez que o fan tamén coa cidadanía que a defende. Isto é o que mostrou hai 35 anos o golpe a Allende, en Chile, e o que hoxe amosa cruamente a realidade boliviana. Non é de estrañar xa que logo que os grandes medios de comunicación -funcionais aos poderosos- teimen en distorsionar os feitos e no canto de falar claramente de sedición contra as institucións, de aberta falta de respecto á democracia e a constitución por parte dos golpistas, falen dun conflito entre “dous bandos”.

 

Mais non hai «dous bandos». Existe un goberno lexítimo e un sector social de inadaptados sediciosos antidemocráticos, incluíndo gobernos departamentais, que non queren aterse ás normas democráticas, e que conscientes de que se lles acabou a festa macabra do saqueo, a explotación, o roubo e a humillación, en nidio estado de desesperación, transforman a súa intolerancia en violencia e destrución desatada. O detonante non foi nin o “bono dignidade” para os anciáns, nin as falsas identidades rexionais que clamarían por un separatismo, senón unha intoxicación impotente de racismo e clasismo profundos que explotaron descontrolados logo do esmagador resultado do referendo revogatorio, ao cal se opuxeron precisamente porque nin eles mesmos acreditaban nas mentiras que producían a través dos seus medios cando afirmaban que Evo non tiña apoio nin lexitimidade. A súa intolerancia, a falta de respecto ás institucións e á democracia estouran tanto cando pretenden insultar o Presidente Evo acusándoo de indio, como cando descoñecen os resultados electorais pola pertenza étnica dos votantes. Abonda de pretextos: o problema é o entrecruzamento de intereses de clase e prexuízos raciais. Para os brancos do poder o voto indíxena e pobre non vale, excepto cando se subordina a eles, e tampouco vale a democracia, salvo cando é para eles. De aí tamén o rexeitamento a aceptar o referendo pola nova constitución. Porque de se aprobar -o máis probábel-, terían que aceptar non só a lexitimidade do voto indíxena e pobre (maioría) que a aprobará, senón o que estes sectores e actores poidan estar directamente representados e participando da toma de decisións. E iso xa supera os seus “sentimentos” e proclamas democráticos, e pon fin a toda finta de tolerancia.

 

A exclusión ten unha orixe e contido clasista e racista, e tamén se expresa e actúa no político. Intereses de clases, racismo, modos de representación e institucionalidade están estreitamente unidos. É saudábel ter presente que a “descuberta”, a conquista (exterminio) e colonización de América se fixo en función da acumulación orixinaria do capital, e logo afianzouse para manter e aumentar as ganancias, os privilexios e o poderío dos conquistadores e os seus herdeiros no poder.

 

 

En Bolivia fica patente que os poderosos utilizaron e utilizan a democracia como sistema de dominación e non como dereito humano cidadán pleno, porque nunca incluíron aos dereitos políticos cidadáns como parte dos dereitos humanos, nin a estes como fundamento da democracia, nin consideraron os indíxenas seres humanos, menos entón os han recoñecer dentro do seu pequeno espectro de dereitos civís (civilizados).

 

Pero as limitacións da democracia non empezan nin terminan en Bolivia. A pugna de intereses, e a súa distorsión e castración en función dos poderosos, fai augas e perfora o discursivo abstracto en todas as latitudes. E isto fala -minimamente- da necesidade de abrir o debate acerca da democracia a toda a cidadanía.

 

Anquilosadas na súa fidelidade a un mundo baseado na hexemonía dunha clase sobre o conxunto da sociedade, as democracias desenvolvéronse para as elites e o mercado. En virtude diso legalizando, sustentando e profundando a exclusión, a explotación e todas as miserias que iso leva consigo, as democracias abren ciclicamente o camiño ás discordias e enfrontamentos fratricidas violentos, nos ámbitos nacionais, rexionais e continentais. É obriga moral para coa supervivencia humana, apostar a cambios sociais (económicos, políticos e culturais) profundos, incluíndo -obviamente- os relacionados coa democracia. E isto implica, entre múltiples cuestións, actualizar/cambiar as bases do contrato social que a sustenta, é dicir, o propio contrato social. Hai que actualizar, anovar, cambiar os fundamentos xurídicos, económicos, sociais, políticos e culturais para que efectivamente, todos os cidadáns sexan iguais, non só ante a lei, senón ante a vida e na vida (pública e privada).

 

 

Os actuais sucesos de Bolivia demostran -por se fixese falta-, que non se pode seguir agochando o lixo debaixo da alfombra, facendo como que. Urxe debater acerca do tipo de sociedade, o tipo de país, de goberno, de Estado e o tipo de democracia que necesitamos para construír un modo de vida baseado na convivencia en paz entre todos e todas. E isto non se pode limitar ás axendas sectoriais ou aos vaivéns oportunistas dun partido ou outro. É vital convocar/comprometer niso á cidadanía toda, sen distingos nin exclusións de ningunha índole.

 

Un debate desa magnitude, para ser efectivo e sostíbel, reclama desterrar a intolerancia, recoñecer as diferenzas activas, é dicir, o conflito que suscitan, como fonte de dinamismo, de vida. Poden abrirse entón tempos en que a política, retomando a súa vertente aristotélica, se manifeste como capacidade e dereito cidadán pleno a expresar as opinións e propostas, facendo do conflito o vehículo do debate, os diálogos e a procura de consensos. Volverá entón a política, plenamente, ao terreo da vida civil cidadá, abrindo as portas ao florecemento da intelixencia e imaxinación colectivos, propios dos inesgotábeis devezos humanos de perfeccionamento e superación.

 

 

Un mundo de paz reclama sociedades que se constitúan e asenten sobre a base da xustiza e a equidade sociais (económicas, culturais, políticas), o pluralismo, a tolerancia e o respecto aos dereitos humanos en todas as ordes e ámbitos da vida humana. O egoísmo, a exclusión, a unicidade, a violencia e a procura de ganancia sobre a base da explotación humana como sustrato da orde social son valores propios dunha civilización esgotada xunto co século XX. Sostelos e pretender xustificar a súa supervivencia no século XXI, resulta culturalmente tan retrógrado como o medioevo o foi para a república.

 

Facernos cargo da experiencia e a cultura da humanidade, implica apostar pola paz social nos ámbitos local, rexional, continental e mundial. Isto reclama hoxe imperiosamente facer efectivo o respecto ás diferenzas, á existencia de diversas culturas, identidades, olladas e modos de vida, conxugándoos nun novo contrato social sobre a base do cal se constrúa unha sociedade (Estado) plural, multi e intercultural, que faga dos principios democráticos do dereito a ser e vivir diferente, a base para a construción dunha democracia plural con significación efectiva para todos e todas.

 

É o que reclama -por disímiles vías- a humanidade consciente no século XXI. E é o que está en xogo e se dirime hoxe en Bolivia.

 
< Ant.   Seg. >