| O acoso a Bolivia |
| Alfredo Iglesias Diéguez | |
| Martes, 16 de Setembro do 2008 | |
Alfredo I. Diéguez-. …a incapacidade das clases dominantes para aceptar a democracia reflicte os intereses: asegurarse o control dos recursos do país (hidrocarburos, gandería e agricultura), para o que precisan manter discriminadas as maiorías indíxenas e pobres do país.
[Galicia Hoxe] Houbo un tempo no que un bo número de analistas da política internacional nos explicaron que a loita de clases estaba tan superada como os sistemas políticos inspirados na teoría política que definira a loita de clases como a parteira da historia. Hoxe, esas mesmas persoas non teñen ferramentas analíticas para explicarnos o que está a pasar en Bolivia, insisten en que se trata de tensións entre sectores "autonomistas", así definidos nos principais medios de comunicación internacionais, e os sectores oficialistas, isto é, os partidarios da política "socialista", así definida neses mesmos medios, quizais para predispornos na súa contra, do goberno boliviano. Agora ben, o que está a ocorrer en Bolivia non é máis que unha nova manifestación da incapacidade das clases dominantes bolivianas para aceptar a democracia, que no ano 2005 levou á presidencia da República a Evo Morales Ayma, un indíxena como os milleiros que ata ese momento foran excluídos e marxinados polo poder político boliviano que preside un goberno que promove a reforma agraria (fronte aos latifundistas), a recuperación polo Estado dos recursos naturais e os bens públicos (fronte á oligarquía e ás transnacionais) e a construción dun estado soberano fundado nos principios democráticos e solidarios recollidos na nova Constitución que presumiblemente se someterá a referendo popular o vindeiro 7 de decembro. Neste sentido, a incapacidade das clases dominantes para aceptar a democracia reflicte os intereses: asegurarse o control dos recursos do país (hidrocarburos, gandería e agricultura), para o que precisan manter discriminadas as maiorías indíxenas e pobres do país. Os sucesos das últimas semanas son paradigmáticos da estratexia de violencia fascista promovida pola oligarquía cruceña –velaí están o asalto e o saqueo das institucións públicas do estado boliviano, como o Servizo de Impostos Nacionais, o Instituto Nacional de Reforma Agraria ou a Empresa Nacional de Telecomunicacións, o bloqueo de camiños para desabastecer de produtos de primeira necesidade os departamentos occidentais… protagonizados polas hordas da Unión Juvenil Cruceñista, o brazo armado dos separatistas, que con esa estratexia, combinada con actos de extrema violencia sobre centos de indíxenas, aos que pretenden atemorizar para que abandonen o seu dereito á acción política, pretenden consolidar o seu poder político e económico–, e mostran con rotundidade esa incapacidade democrática das clases dominantes bolivianas, que á vez demostran, unha vez máis, a incompatibilidade entre capitalismo e democracia, que xa quedara demostrada en España en 1936 e en Chile en 1973. A historia mostra que cando se enfrontan dous proxectos históricos tan opostos como o modelo de estado clasista e defensor dos privilexios das minorías que defende a oligarquía cruceña e os seus aliados e o modelo de estado integrador e solidario que defende o pobo boliviano, o estado está lexitimado a opor a súa violencia lexítima e legal á violencia fascista. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Alfredo I. Diéguez-. …a incapacidade das clases dominantes para aceptar a democracia reflicte os intereses: asegurarse o control dos recursos do país (hidrocarburos, gandería e agricultura), para o que precisan manter discriminadas as maiorías indíxenas e pobres do país.
