| Celia, a "trostkeira" |
| Manoel Santos | |
| Luns, 15 de Setembro do 2008 | |
Manoel Santos-. Na súa casa de Miramar conversei coa Hart durante case tres horas. Falamos da historia da revolución, do seu admirado Trotsky, cuxa obra lle recomendou seu pai nun intre de dúbidas revolucionarias…
Hai un ano merquei na praza de Armas da Habana unha primeira edición dun bo libro: Haydée habla del Moncada. Contén unha charla dada na universidade habaneira en 1967 por Haydée Santamaría. Ela e Melba Hernández foron as únicas mulleres que participaron en 1953 no asalto ao santiagueiro cuartel. Alí amosáronlle a Haydée os ollos arricandos do seu irmán Abel, tras ser torturado e executado. Aquel 26 de xullo, malia o fracaso da acción, nacía a revolución e o liderado de Fidel Castro. Foi Haydée quen difundiu clandestinamente La historia me absolverá -histórico chamamento de Fidel á revolución contra Batista- co despois comandante aínda preso na illa de Pinos. Tres días despois de mercar ese libro de cuberta branca e letras douradas coñecín a Celia Hart Santamaría, filla da finada Haydée -suicidouse en 1980- e de Armando Hart, ministro de Educación entre 1959 e 1965 e de Cultura até 1997. Celia agasalloume o mesmo libro, mais nunha edición moderna titulada Haydée. Del Moncada a casa, tenramente prologado por ela mesma, con valiosas fotografías comentadas e cartas que se enviaron súa nai e mailo Che. Na súa casa de Miramar conversei coa Hart durante case tres horas. Falamos da historia da revolución, do seu admirado Trotsky, cuxa obra lle recomendou seu pai nun intre de dúbidas revolucionarias, da pegada indelébel que lle deixou súa nai -"a criatura máis singular que tiven a oportunidade de coñecer"-, do futuro, das eivas e conquistas do sistema cubano, e finalmente das súas grandes paixóns, o Che -do ideólogo máis que do guerrilleiro- e sobre todo Fidel, ao que amaba fondamente. Entendín máis Cuba e a súa revolución nesas horas que en anos de lecturas. Foi como apalpar a historia coas mans, saída das verbas emocionadas e aínda ardentes dunha filla biolóxica da revolución máis marabillosa de todos os tempos. O día 7 Celia e mailo seu irmán deixaron a vida nun accidente. Ao pé dunha árbore. A el dicíanlle Abel, coma seu tío morto no Moncada, e a ela como a Celia Sánchez, grande amiga da nai e man dereita de Fidel dende Serra Maestra até a súa morte, tamén en 1980. A "flor máis autóctona da Revolución", dixo Armando. Cando souben da desgraza collín instintivamente o libro que me dedicou "?con pasión revolucionaria y deseos de hacer. Hasta la Victoria (casi) Siempre". Ou sempre. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Manoel Santos-. Na súa casa de Miramar conversei coa Hart durante case tres horas. Falamos da historia da revolución, do seu admirado Trotsky, cuxa obra lle recomendou seu pai nun intre de dúbidas revolucionarias…
