Antón Avilés na memoria histórica
Xosé Manuel Beiras   
Luns, 15 de Setembro do 2008

X. M. Beiras-. Antón realizou sempre na sua prática social e cívica os valores éticos que profesaba. Humildade e xenerosidade. Solidariedade e afectividade. Exercizo da dignidade. Igualdade na fraternidade, é dicir, Irmandade.

[Galicia Hoxe]

Fun capaz de volver falar de Avilés. Custoume, mais fun capaz de vencer esa parálise da mente e da vontade que fai presa en min e me aferrolla cada vez que me solicitan falar dil en público para un auditorio descoñecido -non en conversa de amigos, iso é distinto, nada que ver. Acontece poucas veces, por fortuna para min. Desencadéase no meu interior un lacerante combate antre a pulsión conmovida e solidaria por dar testemuño dil, da persoa entrañábel e irrepetíbel que foi o xenial xigante xeneroso de Taramancos -robusto corpo pequeno de enorme estatura moral e criativa- e a amudecedora parálise anímica que me tolle por dentro ao tentar rememoralo con palabras que non acerto a achar.

Aínda non dei desenleado o enguedello desa miña reacción síquica, aínda non dei co fío causal que dispara o resorte dese mecanismo de defensa -porque o é, iso seino, un movemento de autopreservación, coma o peche das valvas dunha ameixa. Mais, por qué. Ás veces éntrame a sospeita de que me sinto culpabel de terlle sobrevivido, que inconscientemente me castigo, culpabilízome pola atroz inxustiza da sua prematura desaparición. E amudezo, e reclúome, resístome a cometer a impudicia de mostrarme para falar dil que non pode facelo por si mesmo. Inanque ben sei que non é así, que il segue a falarnos coa palabra que deixou escrita. Literatura de ensoñación e de combate. Afortunados os que o len, e así coñéceno agora, entran no seu eido pola fiestra literaria. Maiormente se non tiveron a fortuna de coñecelo en vida e de escoitalo falar, latricar, narrar, fabular -repentizar a criación de literatura oral, na millor tradición petrucial do idioma como fala que se torna literatura na cultura oral popular. O privilexio de ser seu camarada nun ideario común e nun común combate cívico e democrático, cultural e ideolóxico, ético e político, a prol da identidade, a dignidade e a emancipación do povo de noso, da patria, como il gostaba de dicir.

Cómpre facer memoria de Antón Avilés, darmos a coñecer aos cidadáns de arestora ao home enteiro, ao ser humán completo que está detrás e na orixe da obra literaria de Avilés de Taramancos, ao cidadán galego exercente e esforzadamente comprometido co seu povo que dota a esa obra do seu máis pleno sentido. Eis mesmamente o que ven de facer en Noia, días pasados, unha presada de homes e mulleres, profesores e escritores elas e iles, nun cursiño de verán dirixido por Aurora Marco, a leal discípula de Ricardo Carvalho Calero: analisar a persoalidade e a obra de Antón Avilés de Taramancos "no marco da Memoria Histórica". Velaí onde fun eu capaz de volver falar dil. Millor diría: de conversar con il, de devolverlle a palabra a il tamén pola miña mediación. De facelo revivir recuperándomos a sua presencia humá.

No perfil humán e cívico de Antón Avilés, ética e ideoloxía viven en simbiose e latexan sincronizadamente ao unísono. Nil, o ideario, os valores e a prática existencial resultan indisociábeis. Conforman un edificio que ten os alicerces en duas ordes de principios, os que arraízan na identidade nacional e os que asentan na identidade de clase. A patria galega e as clases populares -que il, no sustrato, identificaba coa(s) clase(s) traballadora(s). Autodeterminación e emancipación social eran, así, os dous peares cardinais, as duas trabes mestras do seu ideario. Autodeterminación cara a independencia, no senso non formal senón sustantivo do concepto. Emancipación social en clave de revolución popular. Avilés era independentista e revolucionario nas suas conviccións máis fondamente interiorizadas. De aí a sua radicalidade, non verbal, senón vital. Hai dous episodios singularmente siñificativos desa radicalidade destemida, os dous na sua primeiriza mocedade. Un diles rememórao il mesmo con motivo da morte de Reimundo Patiño, tamén prematura,en 1985: é o "xuramento de Laracha", que fixera con Patiño e Xohan Casal -o xenial pioneiro da "nova narrativa galega" co seu maxistral "O camiño de abaixo"- e dous mozos máis. Coñecéraos Antón recén chegado á Coruña a estudar náutica -que non era o seu, obviamente. "Eu vía pasar aos tres mosqueteiros -que eran catro- Xohán Casal, Enrique Iglesias, Eduardo (Martínez) e máis Reimundo Patiño, e soñaba que o exército da nosa liberación estaba en pé. Funme convosco para sempre" -rememora Avilés. E evoca o episodio do xuramento: "Naquela noite do 1954 velaramos as armas e fixeramos do lume e dos montes pondalianos a testemuña da nosa adicación até a morte, folgo a folgo, por unha Galiza ceibe e popular". Pasarían aínda dez anos até a fundación da UPG por Patiño, Ferrín e Bautista: Avilés estaría xa daquela no exilio, "emigrado" en Colombia.

O outro episodio relatáranmo, por separado, os seus dous protagonistas: e proprio Avilés e máis Alexandre Cribeiro -e foi unha acción máis inaudita e destemida. Facían xuntos a "mili" como reclutas pola mariña de guerra española, en Ferrol, anos cincuenta. O día da xura da bandeira conxuráronse para non facela. A sua nación era Galiza, non España. Os dous eran demócratas e antifascistas. Congruentemente, non podían xurar a bandeira da mariña de guerra española sen incurriren en treizón a Galiza, a sua patria. E levaron a congruencia ideolóxica á prática: agocháronse no pañol de lonas do buque no que servían para non acudiren á xura. Pasaron un medo feroz, pero non saíron do agocho en todo o día. Por fortuna para iles, ocurríu o máis inverosímil: non os botaron en falta. Avilés dábame a espricación con moita sorna: "Aquiles soberbios mentecatos deron por feito que a ningún recluta lle pasaría sequer polo maxín faltar á formación precisamente para a xura da bandeira, nada menos... e non pasaron lista!". "Librámonos de ir á cadea de por vida..." -rosmaba logo polo baixo cun sorriso pillabán.

Antón realizou sempre na sua prática social e cívica os valores éticos que profesaba. Humildade e xenerosidade. Solidariedade e afectividade. Exercizo da dignidade. Igualdade na fraternidade, é dicir, Irmandade. E exemplaridade: predicar co exemplo. "Non hai ningún povo indigno" -escribiu unha vez, en defensa do povo de Colombia, a sua segunda patria. Tiña moi claro que o común do povo é quen move a historia avante, mais é tamén e sobretodo quen a padece en forma de opresión, esplotación e espoliación. E denunciou sempre que os andacios máis perniciosos padecidos pola nación galega tiñan a orixe no síndrome colonial veiculizado pola alienación das clases dominantes, a treición dos grupos dirixentes e a demasiado frecuente deserción das elites. "Quezais a parte máis preparada para rexir os destinos do país pasouse ao inimigo con mesa camilla e todo" -escribíu, en inequívoca alusión metafórica, a comenzos dos anos oitenta, rematada a "transición" e cáseque recén chegado il de volta á Terra, á sua Itaca, despois da sua odiseia colombiana. "Hai que saber morrer a tempo" -espetáralle a alguén que il respetara moito, un dia que o toparamos cando camiñabamos os dous xuntos pola Rua Nova compostelán, nun pronto de franqueza que ben sei que lle doera tanto ou máis a il mesmo ca ao destinatario do repeluco.

Nesa tesitura ética e ideolóxica, Avilés entendeu e asumíu a polìtica como compromiso na prática social e cívica. Desenvolveu o seu compromiso polìtico primordialmente no seo da "sociedade civil" no senso de Gramsci, como espazo de combate, onde se xeran as dinámicas que logo se proxectan cara o ámbito político-institucional. E ese compromiso político activo praticouno, para empezar, no combate polo idioma na escrita, no eido vocacional da criación literaria, na sua condición de poeta e escritor. "Ser escritor en Galiza leva consigo non só a disciplina das letras e o desvelar recantos de fermosura e de ética, senón tamén a disciplina das armas. Non podemos ser escritores a tempo comprido como en calquer nación ben asentada na sua propria estrutura; aquí ao mesmo tempo que criamos frorituras coa palabra, temos de erguer tamén, a pedra e canto, a arquitectura da nación que soñamos articular" -i nun texto do 1988, tiduado precisamente "Ser escritor". E noutro da mesma época -"Criación literaria e compromiso social", é o seu elocuente rótulo- reitera: "Nazóns e linguas vivas en agonía permanente. O escritor non pode ser nese ámbito somentes a conciéncia do deterioro, senón que ten de ser o detonador, a célula viva que dispoña para a loita á sua comunidade. Ten que berrar desaforadamente para que os ouvidos enxordecidos escoiten a sua voz e para que as mans escravizadas deixen as ferramentas e collan as armas de combate. (...) Aquí é cando é válido o panfleto, a proclama e a arenga, a poesía xa non só social, senón que incite á rebelión e ao enfrentamento". O enfrentamento cívico, a rebelión democrática, as armas de combate ideolóxico e da movilización social: eis o cidadán Avilés exercente e comprometido co común popular.

Así se integra Avilés no nacionalismo emancipador galego. "Porque da auga de beber, do mel dos cortizos, dos froitos e da ervas que rumiamos faise o barro do noso ser e todo se transforma na Patria antiga e do vindeiro. O noso pulo universal ten que vir co imprimatur das idades. Calquera aición, calquera fazaña técnica ou literaria que incida na cultura universal da nosa parte, ha de levar ese sinal de identidade. Senón non somos nada" -escribe en "O sedimento da Patria", e resoan nesa prosa os ecos da Xeración Nós. É a conciencia da nación verquida nos moldes do nacionalismo e asumida por Avilés con rotundo optimismo da vontade. Léde, se non: "sempre entra o temor de que o nacionalismo é tan minoritario -escrito a finais dos oitenta- que non ocupa o lugar histórico e natural que lle corresponde. Non hai por que. O certo é que o nacionalismo popular é como o rescaldo do lume que se garda prendido para sempre e polo que hai en todas as casas a lareira acesa e o pan a cocer". "Somos, pois, o fermento da sociedade. Sen nós a masa non leveda." Mais sen autocomplacencia ningunha. Pola contra, con esixencia de teimosa entrega e advertencia de non perdermos o norte: "O labor ten que ser constante e pertinaz. Temos que ir sempre en diante, tirando da corda, agardando a remuda xeracional para que a nosa xente teña sempre o norte seguro. Sen esa estrela vermella, que é a nosa estrela polar, o navío andaría sen rumbo, perdido á deriva noutra "longa noite de pedra" ".

Non sei se esa consigna de Antón Avilés segue viva no nacionalismo organizado de arestora, éntrame esa dúbida, disculpàdeme. Mais compre que siga viva na mente e nos corazóns de tódolos galegos e galegas de nación dispostos a loitar cívica e socialmente pola emancipación política do noso povo. No esprito e na vontade de tódolos que queremos seguir o roteiro do cidadán comprometido, do patriota exemplar que foi en vida Antón Avilés de Taramancos. Do poeta que soñou, criou e loitou no seo do seu povo até o derradeiro dia da sua existencia. Debémosllo, temos esa inescusábel obriga. Non podemos defraudalo. "Somos o vagalume orientador dos grandes feitos a pasar", deixou dito. Non podemos deixar esmorecer ese lume e esa luz.

NOTA: As citas textuais de Antón Avilés están tomadas do seu libro "Obra viva", editado por Laiovento no 1992

 


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
Seg. >