"Os pequenos actos cotiáns son importantes, pero debemos ir máis aló"
Esther Vivas   
Domingo, 14 de Setembro do 2008

 Entrevista a Esther Vivas en The Ecologist. "Agora mesmo, o comercio xusto non se pode entender sen o concepto de soberanía alimentaria e sen unha loita unida, no práctico, ás cooperativas de agricultura ecolóxica."

Esther Vivas ten un xeito de entender o comercio xusto que vai máis aló dos tópicos ao uso. É, para ela, o símbolo dun cambio de modelo social, produtivo… Agora mesmo, o comercio xusto non se pode entender sen o concepto de soberanía alimentaria e sen unha loita unida, no práctico, ás cooperativas de agricultura ecolóxica.

Desde hai anos, Esther Vivas ven traballando duro no campo do comercio xusto. É das que non se desaniman nunca, ou case. Militante incansábel, ve no comercio xusto o motor para acceder a un novo modelo social, máis xusto, máis sustentábel, máis fermoso. Hoxe os novos modelos sociais xa non se poden entender sen unha forma de comprender a vida e a Natureza como algo que vai moito máis alá das teorías mecanicistas.

-Vivimos hoxe nunha economía que está apodrecendo o planeta. Os súpers... son parte do problema?

A gran distribución comercial (supermercados, hipermercados, cadeas de desconto...) exercen un monopolio total na cadea de comercialización dos alimentos cunhas consecuencias nefastas no campesiñado, os produtores, os consumidores, o medio ambiente, o eido laboral, as comunidades locais. Por pór un exemplo, o diferencial entre o prezo que a gran distribución paga a un campesiño polo seu produto e o prezo en que esta o vende no súper é dunha media do 390%. En resumo, o produtor cada vez gaña menos con aquilo que vende, o consumidor paga máis e o súper leva a diferenza. As multinacionais da gran distribución convertéronse nun dos actores máis significativos do proceso de globalización capitalista.

-Como podemos relocalizar a economía?

Atopámonos perante un modelo de consumo totalmente insustentábel. A nosa alimentación baséase no consumo de alimentos cada vez máis afastados co consecuente impacto ambiental do mesmo e unha produción agrícola intensiva. Unha práctica irracional, xa que moitos dos alimentos importados prodúcense localmente. Fronte a esta lóxica é necesario reivindicar o paradigma da soberanía alimentaria: o dereito os pobos a controlar as súas políticas agrícolas e alimentarias, a ter acceso, á terra, ás sementes, ao auga, a consumir alimentos libres de transxénicos, locais e de tempada. No que se refire aos alimentos que non se producen aquí, como o café, o cacao... debemos de optar por unhas regras de comercio xusto que paguen un prezo digno ao produtor, respectuosas co medio ambiente, etc.

-De que xeito o comercio xusto reparte mellor a riqueza?

O comercio xusto elimina o número de intermediarios entre produtor e consumidor, establecendo relacións comerciais a longo prazo e pagando un sobreprezo que pode oscilar entre un 10 ou un 15% por riba do prezo de mercado mundial para que o labrego mellore as súas condicións de vida e obteña un aforro suplementario. O comercio xusto contribúe a mellorar as condicións de vida do campesiño/produtor, pero o aumento das vendas do comercio xusto de por si non cambiará as inxustas condicións de vida de millóns de campesiños. O comercio xusto debe de ser un elemento máis na transformación xeral do sistema político, social e económico.

-Que pode facer o consumidor?

Como consumidores podemos optar por dar conta dun consumo responsábel, mercar nos mercados locais e nas tendas de barrio, pero máis aló da nosa opción individual é moi importante actuar colectivamente implicándonos en campañas de boicot e participando en cooperativas de consumidores de produtos ecolóxicos que establecen relacións de compra directas cos produtores da súa contorna. Así mesmo é necesario traballar en campañas máis amplas como no movemento altermundialista, ecoloxista, feminista... nunha perspectiva de loita e transformación social e política global.

-Importan os pequenos actos cotiáns?

Os pequenos actos cotiáns son importantes, pero debemos ir máis aló. É necesario rachar co mito de que as nosas accións individuais, por si mesmas, xerarán cambios estruturais. É fundamental unha acción colectiva dirixida a conseguir cambios reais nas institucións políticas e económicas en dirección a un novo modelo de desenvolvemento e crecemento sostible social e ecoloxicamente. Un consumo responsábel só será posíbel nun contexto máis amplo de transformación social, política e económica.

-A meirande parte do comercio xusto realízase con produtos procedentes dos vexetais, café, azucre... Os representantes do comercio xusto entenderon que todos os seres vivos merecen un trato de respecto, ou aínda perviven as teorías mecanicistas ben asumidas polo marxismo, que ven á Natureza simplemente como un saco de recursos a explotar?

Desde unha perspectiva produtivista do comercio xusto (producir máis, para vender máis) caeríase nesta mesma lóxica de mercantilización do medioambiente. Por este motivo, é fundamental apostar por un comercio xusto estreitamente vencellado á soberanía alimentaria, á produción local, que respecte os ciclos da natureza. En relación ao marxismo, é verdade que durante anos predominou unha concepción produtivista, pero desde hai tempo as correntes máis fértiles do pensamento marxista integraron as achegas do ecoloxismo e a súa crítica ao productivismo do sistema capitalista.

-Os pobos vernáculos tiveron desde sempre unha relación cos vexetais e o mundo natural moi diferente á dos pobos tecnolóxicos. O cientifismo e a economía de mercado corromperon as súas respectivas tradicións. Corre o perigo o comercio xusto de caer na mesma trampa?

Desde unha perspectiva produtivista do comercio xusto caeríase nesta mesma trampa. De feito, déronse situacións onde a produción para o comercio xusto exterior acabou con modelos de produción e cultivos tradicionais. Desde o meu punto de vista, isto non é "comercio xusto". O comercio xusto debe vincularse ao principio de soberanía alimentaria e defender un comercio xusto norte-norte, sur-sur e sur-norte.

-Cal é o futuro do comercio xusto na Europa globalizada?

A pesar de que varios informes sinalan a boa saúde do comercio xusto indicando o aumento nas vendas, do persoal contratado... a nivel cualitativo varios elementos condúcennos a unha valoración máis moderada. O movemento por un comercio xusto está atomizado, hai grandes organizacións que exercen case un monopolio do sector e cada vez máis se está dando unha cooptación do discurso por parte das multinacionais da agroalimentación. Estes elementos supoñen serias ameazas. Fronte a esta situación, un sector radical do movemento estreitou lazos coas organizacións labregas e as cooperativas de consumidores ecolóxicos apostando por unha perspectiva global do comercio xusto ligada á soberanía alimentaria e cunha vontade de transformación do sistema.

*Entrevista realizada por Pablo Bolaños e publicada en The Ecologist, nº 33.

Esther Vivas
Sobre o autor ou autora:
Coordinadora de sensibilación da Xarxa de Consum Solidari (XCS).
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >