| Árbores do sur |
| Manoel Santos | |
| Domingo, 07 de Setembro do 2008 | |
Manoel Santos-. Brasil lidera a listaxe mundial de áreas deforestadas entre 2000 e 2005, quer en extensión quer en velocidade devastadora.
Segundo un estudo difundido pola Folha de São Paulo, Brasil lidera a listaxe mundial de áreas deforestadas entre 2000 e 2005, quer en extensión quer en velocidade devastadora. A Amazonía, sumidoiro de CO2 planetario, foi a área máis violada. Un 3,6% dos 272 mil quilómetros cadrados de bosques perdidos en América latina, África e o sueste asiático estaban no Amazonas. Se falamos de forestas tropicais -as de maior biodiversidade- a Brasil correspondeu a extinción de preto do 48%, ficando Indonesia, terribelmente danada por cultivos de palma aceiteira para agrocombustíbeis, en segundo lugar co 13%. Só en maio deste ano Brasil perdeu 1.096 quilómetros cadrados de bosques, como toda a comarca do Deza. Son só datos, pero revelan, amais do fracaso de Lula –a ministra de Medio Ambiente, Marina Silva, dimitía hai uns meses acusando o goberno de privatizar a Amazonía–, que o verdor do orbe está a ser esnaquizado a un ritmo suicida polas industrias extractivas e os agronegocios. Para o Movemento Mundial polos Bosques Tropicais (WRM), as principais causas directas da deforestación, amais da industria extractiva, son os monocultivos de soia (Brasil, Paraguai), de palma aceiteira (Indonesia, Malaisia, Papúa Nova Guinea, Colombia), de piñeiros (Chile) e de eucaliptos (Brasil, Ecuador). Mais as causas subxacentes son incontábeis. Van dende a construción de estradas aos créditos da banca multilateral para financiar esas infraestruturas, e dende as presións do FMI para aumentar as exportacións e pagar a débeda externa, á promoción dos agrocombustíbeis por parte da UE e os EUA, ou os asesoramentos errados da FAO e outros organismos de "cooperación". No fondo de todo, o consumo que nos consome, que diría Galeano, pero consumo máis ca nada no Norte. "Montañas de papel. Montañas de Inxustiza", é un aconsellábel e sinxelo vídeo que se pode atopar na web da WRM (www.wrm.org.uy). Fálanos do papel que herdamos dos papiros exipcios, desas follas inventadas para gardar coñecementos que hogano convertemos sobre todo en estoxos e publicidade. O mundo consume 54 quilos de papel por persoa e ano. Moito e mal repartido. Fronte a Finlandia (324), EUA (297) ou Francia (178) están Brasil (39), Indonesia (20), Camerún (3) ou Cambodia e Uganda (2). Si, as nosas caixas de correo están enchidas de árbores do Sur. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Manoel Santos-. Brasil lidera a listaxe mundial de áreas deforestadas entre 2000 e 2005, quer en extensión quer en velocidade devastadora.
