| Venezuela e Bolivia |
| Frei Betto | |
| Venres, 05 de Setembro do 2008 | |
|
Frei Betto-. En ningunha outra parte do mundo hai tanta esperanza, tanta procura de alternativas, tanta utopía como, hoxe, en América Latina.
Unha primavera política sopra sobre América Latina. Tras décadas de ditaduras militares (made in USA) e gobernos neoliberais corruptos (made in Consenso de Wáshington) –Collor no Brasil, Ménem na Arxentina, Fujimori no Perú, Andrés Pérez en Venezuela e Sánchez de Losada en Bolivia– os electores optan por elixir políticos de extracción social popular e/ou identificados con movementos sociais progresistas. Estiven en Barquisimeto, capital musical de Venezuela, invitado pola Universidade Politécnica. Participei do seminario sobre extensión universitaria como xeito de solidariedade cos sectores da poboación marxinados ou excluídos. Atopei unha nación dividida. Chávez encarna, para uns, o Mesías, para outros, o diaño. O primeiro grupo fala entusiasmado das organizacións “comunais” –versión venezolana do orzamento participativo– e da crecente interacción entre sociedade civil e poder público. Recoñece a melloría nos salarios, no consumo de bens durábeis –sobre todo coches– e nos servizos de saúde, educación e construción de vivendas populares. Montado nos seus barrís de cru –Venezuela é o segundo exportador para EUA, logo de Arabia Saudita–, o país dáse o dereito de promover grandes investimentos na súa infraestrutura. O repudio a Chávez vén da oligarquía que, grazas aos petrodólares e á corrupción, facía de Miami o seu capital. E tamén de sectores da clase media, descontentos co frecuente desabastecemento de produtos de primeira necesidade e a inflación anual que chega ao 21%. A oposición, apoiada polos bispos católicos, acusa a Chávez de “cubanizar” o país, debido ao gran número de médicos e profesores cubanos activos en programas sociais dirixidos aos máis pobres. Moléstase tamén coa retórica presidencial centrada na Revolución Bolivariana “rumbo ao socialismo do século XXI”. Na Paz, participei no encontro de intelectuais e artistas, de varios países, pola unidade e soberanía de Bolivia. Estiveron presentes algúns ministros de Cultura de países latinoamericanos, incluído Juca Ferreira (Brasil), que agora ocupa o lugar deixado por Gilberto Gil. Tivemos oportunidade de estar con Evo Morales. Aprobouse unha declaración de apoio ao seu goberno que, o 10 de agosto, será sometido ao plebiscito revogatorio. O plebiscito revogatorio é un recurso sumamente democrático –adoptado tamén en Venezuela– que obriga o presidente, en pleno mandato, a someterse á valoración do electorado. Toda a nación transfórmase nun grande escenario de debates respecto do goberno. Morales é unha figura singular. Oriúndo da etnia aimará, de líder indíxena mudou en dirixente sindical. Nun país de 9 millóns de habitantes, dos cales un terzo vive no exterior na procura de mellores condicións de vida, el trata de que Bolivia se apropie das súas fontes enerxéticas, como o gas, e dos minerais preciosos, até agora explotados por transnacionais, inclusive a brasileira Petrobras. Chávez e Morales enfrontan o gran desafío histórico de promover reformas estruturais nos seus países pola vía democrática e pacífica. Os dous sofren presións constantes da Casa Branca e da oligarquía nativa. En Bolivia hai un forte movemento pola autonomía dalgunhas rexións, con nidias tendencias separatistas –apoiadas polo goberno estadounidense. Tanto a Chávez como a Morales se lles impón a esixencia “urxente” de darlle consistencia á organización e mobilización populares, aos seus partidos políticos e, sobre todo, ao proxecto de nación que pretenden implantar –o que, hoxe, se presenta confusamente cunha retórica esquerdista que os pobres non entenden, a clase media teme e a rica repudia. En Brasil, o goberno Lula optou por un desenvolvemento sen inflación descontrolada e con forte inclinación social, a través de políticas compensatorias –e non emancipatorias– como a “Bolsa Família”? –todo dentro dos marcos do neoliberalismo. En Venezuela e en Bolivia, a opción é rachar con eses marcos e promover reformas estruturais de modo de construír un modelo de sociedade con menos desigualdade e máis participación popular. O futuro é imprevisíbel.Unha cousa, con todo, é obvia: en ningunha outra parte do mundo hai tanta esperanza, tanta procura de alternativas, tanta utopía como, hoxe, en América Latina. Oxalá que o soño se transforme en realidade. [Fonte: www.adital.com.br] | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Andei, en xullo, por Venezuela e Bolivia. Dous países gobernados por figuras singulares na procura de alternativas ao neoliberalismo: Hugo Chávez e Evo Morales. Os dous, escolleitos democraticamente (Chávez reelixido).