Os cinco: Veredicto en complicidade
Elizabeth Noriega   
Venres, 05 de Setembro do 2008

 Elizabeth Noriega-. No medio de tantos retos, a nación cubana incentivou durante a última década un reclamo sen tregua para liberar cinco mozos acusados de espionaxe contra os Estados Unidos.

Bríos solidarios amplifican a demanda en todos os continentes e expoñen os seus argumentos: os axentes cubanos non buscaban información sensíbel sobre intereses norteamericanos, o seu propósito era alertar de accións terroristas en detrimento da súa patria.

Dende A Florida o despregamento mediático amplificou a versión conspirativa para compracer ás forzas que alí sosteñen posicionamentos anticubanos extremos. As especulacións sobre a denominada Rede Avispa atizaron o xa candente escenario dos enconados e contaminaron co seu afán de vinganza o ambiente xudicial. Durante o proceso afloran contradicións, erros e inexistencia de probas para as condenas impostas. Gerardo Hernández, dúas cadeas perpetuas e 15 anos de cadea; Ramón Labañino, cadea perpetua máis 18 anos; Antonio Guerrero, cadea perpetua, Fernando González e René González, 18 e 15 anos de cadea respectivamente.

 Durante a década transcorrida dende as detencións, o 12 de setembro de 1998, denunciáronse en todos os contextos posíbeis as arbitrariedades do auto de procesamento e doutras actuacións violatorias do dereito penal. Cuba lidera as acusacións cuxas voces transcenden en todo o mundo. O coronel norteamericano Lawrence Wilkerson, ex xefe de despacho do xeneral Colin Powell, expresouse rotundamente "chega ao colmo: castigar con cadea perpetua homes que viñeron aquí para determinar como e cando o seu país ía ser atacado por persoas que violan a lei norteamericana". As súas declaracións acontecen tras asistir a unha conferencia do letrado da defensa, Leonard Weinglass, pero tamén están baseadas na propia experiencia de Wilkerson: "…eu estiven durante catro anos na administración Bush: coñezo a profundidade na que o noso goberno pode afundirse. Tortura. Mentiras. Falsa intelixencia. Tiranía".

Os antecedentes desta triste historia revelan as reviravoltas doutro capítulo nefasto para o FBI. En xuño de 1998 a seguridade do Estado cubano entrégalle probas documentadas sobre os plans terroristas contra Cuba. Ao recibilas, os representantes do FBI recoñecen a contundencia do material e que en dúas semanas darían unha resposta que non foi outra senón a de deter e propiciar a atmosfera irracional que primou durante unha década. O propio xefe do FBI en Miami, Héctor Pesquera, recoñecía entón que a detención xerara contradicións con algúns directivos da súa xefatura que non apoiaban tal acción.

Ao unísono co concerto internacional que demanda a liberación dos cinco, despregáronse as apelacións do equipo da defensa. A pesar das manobras para desestimar as súas alegacións, os letrados volven unha e outra vez emprender as súas xestións e recentemente anunciaron un novo recurso tras a resolución do 4 de xuño cando a instancia xudicial norteamericana desestima os argumentos da defensa e ratifica os cargos de culpabilidade imputados aos cubanos. Como parte do grupo defensor Leonard Weinglass declarou: "Solicitamos a todo o tribunal unha nova audiencia sobre a base do feito de que a decisión do panel de xuño pasado se baseou en informacións falsas e unha aplicación errónea da lei".

A estas alturas das súas condenas e ademais de estar dispersos en prisións do territorio norteamericano, os cinco cubanos non só encararon que se lles prive de liberdade por unha causa xusta. As autoridades norteamericanas incorren na violación dos seus dereitos ao prohibir ou dilatar a visita dos familiares. De novo negaron o visado a Olga Salanueva, dona de René González, e Adriana Pérez, dona de Gerardo Hernández.

Semellantes maquinacións renovan as réplicas do movemento a favor da súa liberación e evidencian ante a opinión pública a farsa dun veredicto en complicidade.


Elizabeth Noriega
Sobre o autor ou autora:
Xornalista
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >