| O panga boom |
| Gustavo Duch Guillot | |
| Xoves, 04 de Setembro do 2008 | |
|
Atopeime con Jorge no último banco da igrexa. Eu estaba aí, francamente, por morbo. Nunca tiven moita relación con Isidro o compañeiro de COU que estabamos velando, pero seguro -pensaba- vería por aí algunhas mozas da promoción e compañeiros xa esquecidos. Pero nada, a morte de Isidro pasou desapercibida como o seu tránsito polo instituto. Medio decepcionado, a verdade, quedábame soamente Jorge para fisgar na súa vida, así que lle dixen para comer xuntos. Namentres buscabamos un restaurante entendín por que Jorge estaba aí. Eu por morbo, el por coherencia. Se é que sempre foi así, como cando fixo unha sentada pola expulsión daqueles dous que queimaron a bandeira falanxista. O estraño foi que non a queimase el! Ou a súa indumentaria, mentres todos deixabamos a paga nunhas Adidas que pensabamos aseguraban un ligue infaliblemente, el falábanos das condicións laborais dos que as fabricaban. Coherente e adiantado ao seu tempo, porque agora, coa solidarite que nos invade, cun discurso destes e a gorra do Che poderíase causar estragos. Coma min, Jorge deixou rápido de ter contacto coa xente da promoción, e nada puiden saber de Yolanda. Quedabamos aos poucos sen conversación ata que chegou o camareiro co menú. Panga! Exclamou Jorge. Quixo dicir manga porque o camareiro tiña cara de cómic?, dixo tanga porque como eu pensaba en Yolanda? Non, non, dixo PANGA e soltoume un discurso como bo delegado que foi. Saiban pois -por morbo puxen moita atención- que o panga é o peixe de moda nos menús de bares e restaurantes, nas comidas escolares e en moitos hoteis, porque é branquiño, carnoso, gustoso e, sobre todo, barato. Primeiro foron os lagostinos criados no Ecuador ou na India, logo o salmón en balsas ao sur de Chile, a perca (que a venden como mero) de rexións esfameadas do Lago Vitoria e agora o panga que chega de China ou de Vietnam. Engórdanse asardiñados en gaiolas flotantes alimentándoos con pensos de fariña de peixe que chegan desde Perú e soia. É un peixe pois de acuicultura pero, coma os salmóns, o panga é unha especie que soamente se reproduce onde naceu. Para conseguir que desove ao noso antollo trátano con hormonas. E o que máis lle preocupa a Jorge son as condicións laborais dos pescadores de panga e das mulleres que traballan no procesamento dos filetes. Pola saúde da súa familia Jorge quere máis información, quere saber se é un alimento san e quere saber se a súa comercialización é fonte de redistribución de riqueza ou de todo o contrario. Para que Jorge poida seguir sendo coherente coa súa vida esixe información. Carafio con Jorge, gústanme certos tipos que non cambian. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

