| Estratexia para impedir a barbarie acuÃcola |
| Adega | |
| Mércores, 03 de Setembro do 2008 | |
|
Recursos xudiciais, denuncias á Fiscalía e a Europa e iniciativas nos concellos afectados, xunta co compromiso inquebrantábel da cidadanía en defensa do litoral. ADEGA E AS PLATAFORMAS EN DEFENSA DO LITORAL PRESENTAN A SÚA ESTRATEXIA PARA IMPEDIR A BARBARIE ACUÍCOLA 2 de setembro de 2008. O consello da Xunta a iniciativa do seu presidente ven de perpetrar o Plano Acuícola, consumando a meirande agresión á costa galega dende o Prestige. As 24 macroplantas de cemento e plástico ocuparán case 3 millóns de m2 de litoral virxe, degradando a paisaxe costeira e vertendo milleiros de Hm3 de augas contaminadas ao mar. Malia á oposición de amplos sectores sociais, ecoloxistas, concellos, veciños/as, universidades... e ás eivas sinaladas pola propia administración, o Sr. Touriño e a Sra. Gallego cumpriron co seu papel de comisionados da patronal acuícola, como no seu momento fixera o PP, e decretaron a expropiación de emblemáticos espazos da costa para poñer a Galiza líder da produción mundial... de rodaballos dopados. Esta aprobación levouse a cabo ademáis con aleivosía e de xeito fraudulento, xa que tivo que ser o Presidente da Xunta, facendo por primeira vez uso desta prerrogativa, o que forzara a inclusión do Plano Acuícola na orde do día do Consello, malia a contar con informes desfavorábeis da Comisión de Secretarios, incluídas as Secretarías Xerais de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Ante estes lamentábeis feitos, ADEGA e as plataformas de Oia, Corrubedo, Seráns, Quilmas, Arou, Camelle, Xove e Ribadeo queren en primeiro lugar respostar ás mentiras e intoxicacións coas que o Sr. Touriño e Sra. Gallego tentan xustificar tan vergoñento acordo: 1. Polo que atinxe á criazón de emprego, eses 2.000 postos de traballo anunciados e calculados segundo a curiosa fórmula de 1 emprego por cada 11 Tm de peixe, son ficticios e os datos do Sr. Touriño unha falacia. A acuicultura industrial é un sector cuxos procesos produtivos están altamente automatizados polo que o aumento da producción non precisa dun medre proporcional do persoal. Mesmo pode darse o caso de que a expansión signifique unha diminución dos postos de traballo nas actuais plantas, ao automatizar tarefas que como a alimentación manual, empregan á maioría do persoal non especializado. Atendendo á situación actual das piscifatorías en Galiza, nas que segundo o propio Plano Acuícola traballan oficialmente “525 persoas, entre personal de dirección, ventas, calidade, marketing, producción e I+D”, resulta inxenuo pensar que cada unha das plantas vaia criar máis aló duns 10-15 empregos por instalación. A este respeito, datos do IGE (Instituto Galego de Estatística) de 2001 recollidos nun informe sobre Recomendacións Estratéxicas de I+D+I, falan da realidade laboral destas empresas en Galiza: "Plantillas inferiores a 50 traballadores das que máis dun terzo teñen menos de 10 empregados". As recentes denuncias da CIG sobre as condicións laborais destas empresas apontan á precariedade e á mala calidade do emprego xerado por este modelo industrial, en contraste coa poboación ocupada no subsector da acuicultura a flote e os parques de cultivo mariños, inexplicabelmente esquecidos no Plano Acuícola, e que empregan directamente a unhas 16.000 persoas. No entanto, o máis grave non é o escaso emprego que crían estas plantas, senon o que poden chegar a destruir nun sector, este sí verdadeiramente estratéxico (98,2% da producción), que vive directamente dos recursos litorais: a acuicultura mariña, o marisqueo e a pesca de baixura. Toda esta estrutura produtiva do litoral, baseada na explotación dos nosos resursos mariños, pode ver comprometida a súa continuidade pola promoción dunha actividade –a macroacuicultura industrial en terra- altamente contaminante e que só xera o 1,2% da producción e cría o 5% do emprego do sector. Dende ADEGA preguntámonos a quen beneficia un Plano Acuícola que bendice a expansión da acuicultura industrial, un sector minoritario en emprego e producción, a costa de poñer en risco a riqueza pesqueira marisqueira da nosa costa. É o coidado dos nosos recursos naturais, unido á promoción e ordeamento do sector pesqueiro e marisqueiro tradicional, o que debería concentrar os esforzos da Xunta e non os intereses das transnacionais do peixe de cemento. 2. As piscifatorías van contar ademáis con cuantiosas subvencións públicas (390 millóns de €) que poden chegar ao 50% do investimento total por planta. Facendo un sinxelo cálculo temos que para xerar os 2.000 empregos do Sr. Touriño, cada posto de traballo vai custar á administración 195.000 €. Ou dito doutro xeito, que todos os galegos e galegas imos pagar o soldo completo dos traballadores de Stolt, Pescanova e as demáis (supoñendo un salario medio anual de 15.000 €) durante 13 anos! Son centos de millóns de € de Fondos Europeos de Pesca que através de subvencións van ir directamente aos petos das transnacionais acuícolas en troques de contribuir á millora dos sectores produtivos autóctonos através de investimentos nas confrarías, na millora dos recursos pesqueiros, do saneamento das rías, da comercialización e distribución dos produtos do noso mar... Este auténtico desvío fraudulento de fondos, unido á baixa xeración de traballo e á cativa contribución económica en comparación co potencial dos recursos autóctonos, permítenos afirmar que a macroacuicultura industrial é unha actividade ruinosa que en absoluto contribúe “ao desenvolvemento sustentábel social e económico de Galiza” como dí o Plano Acuícola, mais sí ao desenvolvemento das plusvalías para as empresas do sector, sustentadas por todos/as nós. 3. Polo que respeita á afeccións ambientais e á famosa “afección cero” á Rede Natura, temos que dicir que se trata doutra falsidade máis. Por unha banda, e malia a reducirse a ocupación de Rede Natura con respecto ao plano do PP, a propia Memoria Ambiental do Plano Acuícola presentada pola Consellería de Medio Ambiente recoñece afeccións directas non só das ampliacións, senón tamén das novas instalacións (Laxe Brava-Corrubedo; Xandriña-Camelle; Seiruga-Malpica e Foxo Longo-Ribadeo), dando a razón a ADEGA e contradicindo á conselleira de Pesca, ao conselleiro de Medio Ambiente e ao propio Sr. Touriño, que venderon machaconamente unha afección “cero” á Rede Natura. En segundo lugar, resulta inxenuo pretender que o impacto dunha macroinstalación industrial se restrinxe unicamente á ocupación física do espazo terrestre. Como sabe calquera rapaz da ESO, nun ecosistema existen fluxos de materia e enerxía, uns ciclos (auga, carbono, etc.) aos que non se poden poñer límites administrativos. Resulta inxenuo afirmar que macroinstalacións industriais de ducias de hectáreas e ningún sistema de depuración dos efluentes (millóns de m3 de augas contaminadas ao ano) non van repercutir sobre o ecosistema terrestre e mariño (Rede Natura en case todos os casos) por situarse da outra beira ou no límite dun espazo protexido. Pensar, como sosteñen o Sr.Touriño e a Sra. Gallego que a ocupación física é a única afección sobre o territorio e que as piscifatorías colindantes con espazos protexidos non van ter impactos sobre estes, amosa unha preocupante ignorancia impropia nuns altos responsábeis públicos. 4. Continuando coa cuestión da Rede Natura, ADEGA xa ten denunciado a ridícula extensión que esta figura de protección europea ten en Galiza e os sospeitosos valeiros deixados polo PP en entornos de alto valor natrural. Até o de agora, o governo galego non foi quen de rematar co agravio e a vergoña de termos a menor superficie do estado en Rede Natura. Nunha recente proposta avanzada pola Consellería de Medio Ambiente chama a atención a persistencia destes “ocos” no litoral protexido, só explicábeis ao superpoñer a planificación acuícola. Dende Oia até Ribadeo, as ampliacións da Rede Natura que propón Medio Ambiente deixan oportunos baleiros para encaixar os 3 milóns de m2 de cemento das macropiscifatorías. Os casos de Quilmas, Merexo, Arou, Camelle, Ribadeo, e particularmente Corrubedo, son certamente significativos. Na Laxe Brava (Corrubedo) as actuacións da Consellería de Medio Ambiente só poden cualificarse de escandalosas e chafalleiras. Escandalosas porque a piscifatoría máis grande do Plano Acuícola con 308.000 m2, vai quedar incrustada no corazón dun Parque Natural. Chafalleiras porque na proposta de 2007 o espazo da Laxe Brava ía incluise na ampliación do parque. Sorpresivamente, Medio Ambiente “descatalogou” a pedido de Pesca e os rodaballistas o espazo xusto para encaixar a macropiscifatoría. É que este e outros espazos do litoral perderon de repente os seus valores naturais xusto nos lugares nos que van as piscifatorías? Ou é máis ben que Medio Ambiente, a imaxe dos seus predecesores do PP, perdeu a seriedade e a vergoña e usa o patrimonio natural como instrumento para avalar as políticas insustentábeis doutros departamentos da administración? 5. A respeito da “sustentabilidade” que proclama a Sra. Gallego, e a indecente campaña de prensa con este lema argallada para publicitar o Plano Acuícola (e pagada con cartos públicos) ADEGA volta a lamentar o grave descoñecemento que ten a Sra. Conselleira do conceito de sustentabilidade. Recomendámoslle que revise as indicacións e advertencias que figuran na Memoria Ambiental emitida pola propia Consellería de Medio Ambiente que o Sr. Vázquez non tivo o valor de aplicar e, como debería ter feito, devolver a Pesca o Plano por infumábel ambientalmente. Malia a esta covardía, a Memoria Ambiental recoñece implícitamente a insustentabilidade do proxecto ao apontar por exemplo, a falta de estudos sobre os impactos negativos na área de influenza das instalacións, na paisaxe, hábitats e especies prioritarias, na agricultura e gandería, pesca e marisqueo, turismo, emprego e desenvolvemento local...etc, considerando insuficientes as medidas de seguemento e control propostas. Sinálase por exemplo o elevado volume de residuos xerado polas plantas e non só orgánicos (peixes mortos-215 Tm por ano, restos de pensos, parasitos, etc.) senón tamén químicos (reactivos e antibióticos); apóntase a carencia dun plano de seguemento dos vertidos consonte á Directiva Marco da Auga e o elevado consumo enerxético polo bombeo continuo dos sistemas de circuito aberto. Non son todos estes os factores que condicionan que un proxecto sexa sustentábel? E se o Plano Acuícola non ten avaliadas estas cuestións, como se pode proclamar a sustentabilidade do documento? A propia Comisión Europea no relatorio “Estratexia para o Desenvolvemento Sustentábel da Acuicultura”, establecía o seguinte para a acuicultura en terra: “os sistemas de circulación de auga en circuito pechado deben perfeccionarse coa fin de reducir a demanda de auga e poder trasladar as explotacións a zonas con menor valor paisaxístico.” Xusto o contrario do que se promove en Galiza: megaprantas en circuito aberto, con enormes consumos de auga e caudalosos vertidos sen tratar, precisamente nas zonas de maior atractivo paisaxístico da costa. Sabe a Comisión Europea en que clase de proxectos pretende gastar os fondos FEP a Consellería de Pesca da Sra. Gallego? Sobre os riscos dos vertidos destas instalacións, as recomendacións da UE son ben claras: a Comisión Europea (Decisión 1-3-2001) fai a seguinte observación a respeito das piscifatorías galegas: "Coidar a depuración das augas das piscifatorías, a posíbel contaminación xenética e a propagación de enfermidades a outras poboacións [salvaxes]". Ningunha das actuais plantas en funcionamento nin das previstas no Plano Acuícola ten previsto depurar os efluentes do seu proceso produtivo. Fala tamén a conselleira das previsións da FAO, que apontan a que no 2025 o 50% do peixe consumido provirá da acuicultura. Dende ADEGA preguntámonos se a acuicultura que entende a FAO é exclusivamente a dos peixes planos en terra. Máis lle valera informarse á Sra. Conselleira de que a FAO non avala precisamente o modelo de industrialización intensiva e depredadora que promulga o seu departamento. No documento “Orientacións para a promoción do ordenamento medioambiental do desenvolvemento da acuicultura costeira” a FAO sinala os dez principios para este ordenamento sustentábel entre os que cabe citar:
Parafraseando a indecente campaña publicitaria da Consellería de Pesca: se o futuro da pesca “sustentábel” en Galiza vai ser cultivar os rodaballos en piscinas de cemento, que acontecerá co rodaballo da ría e os demáis peixes e mariscos das nosas costas? Finalmente, queremos facer públicas algunhas actuacións e iniciativas que imos poñer en marcha tanto de xeito inmediato como a medio prazo para impedir a consumación da desfeita: 1. De xeito inmediato ADEGA denunciará fronte á Fiscalía de Medio Ambiente do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a situación das actuais instalacións acuícolas no litoral, apoiándonos nun informe de Augas de Galiza que sinala a falta de permiso de vertido de todas estas instalacións. O permiso de vertido é un trámite preceitivo previo á licenza de actividade, e acontece que piscifatorías con máis de 20 anos funcionando na costa carecen aínda del. Este documento permite que a administración controle que produtos e en que cantidades se botan polos tubos ao mar. Como exemplo, en xuño deste ano a empresa Stolt Sea Farm, unha da máis importantes transnacionais acuícolas do mundo, solicitou o permiso de vertido para as súas prantas de rodaballo en Quilmas e Lira (Carnota)... 20 anos despois. Como é posíbel que malia a esta situación irregular e ilegal, a Xunta lle dé o visto bo á construcción e ampliación (incluidas estas dúas) doutras 24 macroplantas por toda a costa sen ningún sistema de depuración para os seus efluentes? Que hai das responsabilidades do governo do PP por permitir esta situación e do actual por ignorala e pretender darlle continuidade? 2. Dende o momento en que se publique no DOG, ADEGA non desbota presentar un recurso contencioso-administrativo contra o documento por incumprimento da Lei 22/1988 de Costas, do Decreto 80/2000 polo que se regulamenta os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, da Lei 10/1995 de Ordenación do Territorio de Galiza, da Lei 9/2001 de Conservación da Natureza e da Lei 7/2008 de Protección da Paisaxe de Galiza. Só dicir que con respeito da Lei de Costas, o Plano Acuícola supón unha apropiación inxustificábel e ilegal de recursos públicos (o DPMT) para uso exclusivo dunha empresa privada. Malia a que é técnicamente factíbel salvagardar este dominio público marítimo-terrestre, como amosa a macroplanta que Pescanova constrúe en Portugal, situada a 500 m da costa, a cobiza destas empresas e a complicidade da Xunta pretenten “aplanar” -e nunca millor dito- todos os obstáculos para estas empresas esté en primeira liña de costa caia quen caia. A Lei de Costas, no seu artigo 25.2 e no 46 do seu Regulamento, é moi clara: “só se permitirán nesta zona, as obras, instalacións e actividades que, pola súa natureza, non poidan ter outra ubicación ou presten servizos necesarios ou convenientes para o uso do dominio público marítmo-terrestre””, polo que o Ministerio debería facer cumprir a lei para que as plantas de acuicultura (algunhas coas concesións xa caducadas), urbanizacións e outras instalacións deixen de ocupar impunemente o dominio público. Resulta paradoxal que malia a estar en vigor a Lei de Costas que debe garantir o uso público destes 100 primeiros metros do litoral, e que logo de ter aprobado unha Lei de Medidas Urxentes para protexer 500 m desta franxa, a Xunta de Galiza pretenda enaxenar en exclusiva e degradar irreversíbelmente milleiros de hectáreas de costa virxe vedada para veciños/as, cidadanía en xeral e pequenas empresas. Polo que atinxe ao decreto 80/2000, alén de poñer de manifesto incumprimento de moitas das condicións necesarias para decretar a incidencia supramunicipal deste proxecto, ADEGA quere lembrar que o Plano Acuícola recén aprobado mantén esta declaración herdada do plano do PP. Someteuse a información pública todo este Plano Acuícola, un refritido daquel Plano de Parques de Tecnoloxía Alimentaria do Sr. López Veiga, agás a declaración de incidencia supramunicipal que aprobou o governo Fraga. Deste xeito, e á marxe dos flagrantes incumprimentos do decreto 80/2000 e das modificacións cosméticas introducidas, este Plan Acuícola é herdeiro directo daquel do PP aprobado “in extremis” no derradeiro consello antes do cambio de governo e, portanto, lexitima e continúa aquela vergoñenta tramitación. A respeito da restante lexislación infrinxida polo Plano Acuícola motivo deste contencioso, remitímonos ás consideracións presentadas por ADEGA e as diversas plataformas no periodo de alegacións. 3. A nível europeo, presentaremos tamén as correspondentes queixas e denuncias formais perante as institucións ambientais e pesqueiras da UE. O brutal ataque á Rede Natura galega e a depredación dos hábitats e especies prioritarios protexidos polas directivas de Hábitats e de Aves que supón o Plano Acuícola non pode quedar impune. Polo que atinxe ás institucións pesqueiras, coidamos que a UE ten que coñecer a que actividades e baixo que condicións pretende adicar a Xunta os fondos FEP. Neste senso, advertimos que calqueira multa ou retirada de fondos comunitarios a Galiza consecuencia do resolvimento dos procesos de infracción, serán exclusiva responsabilidade dos responsábeis políticos da Xunta de Galiza que aprobaron este plano sectorial. 4. A nível municipal, poñeremos en marcha iniciativas a nível local para conquerir a protección efectiva dos espazos reservados ás macroplantas de acuicultura. Deste xeito e en función dos seus valores naturais, un concello pode iniciar un procedemento de declaración de Espazo Natural de Interese Local, ao abeiro da Lei 9/2001 de Conservación da Natureza e regulamentado no Decreto Decreto 124/2005, do 6 de maio. A iniciación dun procedemento de declaración dun espazo natural protexido “determinará a prohibición de realizar actos que supoñan unha transformación sensible da realidade física ou biolóxica que dificulte ou imposibilite a consecución dos obxectivos da declaración de espazo natural protexido ou supoña un risco para os seus valores naturais.” Ademáis, “Os planos de conservación destes espazos serán vinculantes, tanto para as administracións públicas coma para os particulares, prevalecerán sobre o planeamento urbanístico e a súa aprobación levará aparellada a revisión dos plans territoriais ou sectoriais incompatibles con eles.” Cómpre lembrar que o acuícola é un plano sectorial. A primeira destas iniciativas presentarase a discusión no Pleno do concello de Ribeira e corresponde á Laxe Brava, en Corrubedo, un enorme “oco” de 308.000 m2 deixado “ad hoc” para a meirande das piscifatorías do Plano Acuícola. Deste xeito, o concello de Ribeira e os demáis concellos da costa afectados teñen nas súas man preservar efectivamente o seu litoral, amosando o seu compromiso con algo máis que declaracións de intencións e acordos intrascendentes. Nalgúns concellos, os responsábeis políticos deberán encarar as demandas dunha veciñanza que rexeita as barbaridades acuícolas, amosando cos seus acordos de que banda están: se cos depredadores do territorio e os seus valedores en San Caetano ou ao carón dos seus cidadáns. 5. E como indicamos no seu momento, valoraremos xuntamente coas demáis plataformas e colectivos a presentación dunha ILP (Iniciativa Lexislativa Popular) para a protección do litoral no Parlamento Galego. Diante da inoperancia e a connivencia da Xunta cos depredadores da costa, valoraremos apelar á cidadanía comprometida coa defensa do noso litoral para que, através do Parlamento, sexa escoitada por un governo que pretende perpetrar mediante o Plano Acuícola a meirande destrucción do litoral da historia de Galiza após da catástrofe do Prestige. Finalmente, queremos transmitir unha mensaxe de serenidade, esperanza e ánimo á cidadanía e de advertencia á Xunta: perdeuse unha batalla mais a loita vai continuar. Quedan aínda un longo camiño con moitas oportunidades para impedir a consumación da desfeita. Para cada unha das localizacións das macroplantas temos preparado unha batería de accións, propostas e iniciativas a medida que van facer moi difícil levar a termo os proxectos previstos. Boa mostra disto son as cooperativas ecolóxicas de Quilmas (Carnota) e Merexo (Muxía) hoxe xa funcionando nos terreos que a Xunta quere expropiar para Stolt. Estes dous proxectos sustentábeis e respectuosos coa costa son exemplo de imaxinación e valentía, e a estas iniciativas seguirán outras. Vai a o Sr. Touriño e a Sra. Gallego a atreverse a expropiarlles as terras para cederllas a unha multinacional que degradará a paisaxe e contaminará terras e mares? Que interese público van defender, o dos expoliadores ou o dos colectivos veciñais organizados? Mais o principal factor para impedir a consumación desta desfeita é o compromiso decidido da veciñanza e da cidadanía en xeral coa defensa da nosa costa. A admininistración e os rodaballistas deben saber que van ter enfronte a veciños/as, colectivos sociais e ecoloxistas dispostos a chegar até as últimas consecuencias. Queren o Sr. Touriño e a Sra. Gallego ser lembrados como os políticos que promoveron 24 expropiacións a golpe de anti-disturbios coma hai 30 anos coa garda civil nas Encrobas? Queren retratarse como os responsábeis institucionais dun governo “de progreso” que levou a termo o modelo de país deseñado polas políticas cavernícolas da era Fraga? | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

