| Teatro acuícola |
| Manoel Santos | |
| Luns, 01 de Setembro do 2008 | |
|
O verdadeiramente salientábel que aconteceu en Galiza o xoves, logo do Consello da Xunta e maila baleira comparecencia do presidente en Monte Pío, foi que o Goberno galego dotou dun marco legal a futura destrución do noso litoral exterior. Do interior, o das rías, nada queda xa. Case tres millóns de metros cadrados das nosas paisaxes máis prezadas, da nosa cultura e sobre todo da nosa dignidade, desaparecerán ao abeiro dese Plan Acuícola que fixeron a medias Fraga, Touriño e a poderosa patronal do peixe plano. Un feito desgrazado e histórico que don Emilio agachou habilmente cunha fumeira mediática.
O presidente rematou a inútil comparecencia pedindo "a moitos" que rectificaran as especulacións das últimas semanas sobre o posíbel adianto electoral, mais esqueceu explicar as razóns que levaron a destacados dirixentes do PSdG a alimentar o ruxerruxe ese das galegas para o outono. O de Acuicultura é sen dúbida o plan máis controvertido e inxusto da "lexislatura do cambio". Máis de mil alegacións -desestimadas todas-, decenas de manifestacións, causas nos tribunais, milleiros de persoas ateigando lugares tan afastados e senlleiros como Corrubedo, Merexo ou Quilmas, a Quintana enchida baixo o berro común de "Galiza non se vende"? Nada fixo recuar ao goberno, que entre a xente do país e o empresariado que, como diría o Rivas, vive de campos de concentración de rodaballos, escolleu aos segundos. Digo eu, que a patronal piscícola saberá corresponder á candidatura de Touriño cando as eleccións cheguen de verdade, porque doutro xeito a teima destrutora dos "socialistas" galegos non hai quen a entenda. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|


