| O Concello de Ribeira podería salvar a Laxe Brava |
| Plataforma Medioambiental de Corrubedo | |
| Xoves, 07 de Agosto do 2008 | |
|
ADEGA e a Plataforma Medioambiental de Corrubedo apoian a moción presentada polo BNG local para que o concello de Ribeira solicite a declaración de Espazo Natural de Interese Local para a “Laxe Brava” (Corrubedo) e toda a contorna do cabo Corrubedo. Diante das intencións da Consellería de Pesca –coa complicidade indignante da de Medio Ambiente– de esnaquizar 308.000 m2 de litoral corrubedense virxe na punta da Laxe Brava por medio do Plan de Acuicultura de Galiza, o Concello de Ribeira pode escudarse na Lei Galega de Conservación para afastar os seus bens máis prezados das poutas das transnacionais e a especulación. Sería mediante a declaración desta contorna como “Espazo Natural de Interese Local”. O BNG de Ribeira presentou o pasado 11 de xullo unha moción, que será tratada no primeiro pleno de setembro. A fórmula de Espazo Natural de Interese Local, prevista na Lei Galega de Conservación, evitaría o desenvolvemento urbanístico nunha zona con hábitats prioritarios e en parte integrante da rede Natura 2000 e paralizaría o plano sectorial de acuicultura. Para ADEGA e a Plataforma de Corrubedo non sería entendíbel que o Pleno do Concello de Ribeira non iniciase os trámites para protexer a costa de Corrubedo, pois no seu día se manifestou en contra do proxecto de macropiscifactoría na Laxe Brava. A lei galega de conservación da natureza (Lei 9/2001, do 21 de agosto) establece varias figuras de protección. Estas son: Reserva natural, Parque nacional., Parque natural, Monumento natural, Humidal protexido, Paisaxe protexida, Zona de especial protección dos valores naturais, Espazo natural de interese local e Espazo privado de interese natural. A figura de Espazo Natural de Interese Local, que só foi aplicada nun caso provisional de finais do ano pasado en San Cibrao das Viñas, regúlanse polo Decreto 124/2005, do 6 de maio. Este di textualmente: “Por petición do concello e logo de informe da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, a Consellería de Medio Ambiente poderá declarar como espazos naturais de interese local aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.” O decreto fala de que “a iniciativa para a declaración destas dúas categorías de espazos naturais protexidos procederá, no caso de espazo natural de interese local, do concello onde se encontre o espazo natural que se pretende protexer”. Estes espazos locais, segundo a Lei de Conservación e o decreto que os regula, son de xestión municipal, non se considerarán incluídos na Rede galega de espazos protexidos e súa declaración como tales non implicará a asignación de recursos da Comunidade Autónoma, aínda que poderán ter preferencia na obtención de axudas para a súa conservación e xestión. Para ADEGA e a Plataforma de Corrubedo, o Concello de Ribeira podería crear un espazo protexido a engadir aos que xa están nos seus lindes –Parque Nacional das Illas atlánticas, Parque Natural de Corrubedo e LIC Complexo Húmido de Corrubedo– no que á poboación local tamén se lle axude a desenvolver actividades sustentábeis e tradicionais, que á vez protexan tan valiosa zona e que sirvan de recurso económico aos seus poboadores con proxectos de gandeiría e agroecoloxía, turismo rural, ecoturismo, comercio local, rutas, etc”. Ademais, e segundo o antedito decreto: “A iniciación dun procedemento de declaración dun espazo natural protexido ou do procedemento para a elaboración dalgún dos instrumentos de ordenación previstos nesta lei determinará a prohibición de realizar actos que supoñan unha transformación sensible da realidade física ou biolóxica que dificulte ou imposibilite a consecución dos obxectivos da declaración de espazo natural protexido ou supoña un risco para os seus valores naturais.” O Concello de Ribeira ten pois na súa man salvar a Laxe Brava de facto, e non só con declaracións de intencións, pois o decreto que regula os Espazos Naturais de Interese Local é moi claro ao respecto: “Os plans de conservación serán vinculantes, tanto para as administracións públicas coma para os particulares, prevalecerán sobre o planeamento urbanístico e a súa aprobación levará aparellada a revisión dos plans territoriais ou sectoriais incompatibles con eles.” O ACUÍCOLA É UN PLANO SECTORIAL. ADEGA e a Plataforma de Corrubedo instan pois á corporación municipal de Ribeira a iniciar os trámites de protección da costa de Corrubedo que a Xunta pretende esnaquizar e iniciarán unha recolleita de sinaturas entre a poboación local para instar a aprobación da moción no pleno de setembro. Asinan:Fins Eirexas, Secretario Executivo de ADEGA (661993406)Manoel Santos, Presidente da Plataforma Medioambiental de Corrubedo (686021933) | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|
