Touriño impón a inclusión do plan acuícola no que pode ser o último consello da lexislatura
Plataforma Medioambiental de Corrubedo   
Xoves, 28 de Agosto do 2008

 Galicia Hoxe informa da versión máis ditatorial do Plano.


Touriño impón a inclusión do texto no que pode ser o último Consello da Xunta da lexislatura ao usar por primeira vez unha prerrogativa exclusiva, pese ós informes en contra.

Un Consello da Xunta na última semana de agosto, a promesa do presidente de darlle o visto e prace antes do verán e a conclusión da revisión por parte de todos os departamentos afectados acenderon todas as alarmas: a reunión que celebra hoxe o Goberno galego pode aprobar definitamente o polémico Plan de Acuicultura.

A pesar do hermetismo que envolve o primeiro Consello da Xunta que se celebra tras as vacacións do verán, fontes gobernamentais consultadas por este xornal confirmaron que o texto deseñado pola Consellería de Pesca, que prevé a creación ou ampliación de 20 granxas acuícolas ao longo de tres millóns de metros cadrados da nosa costa, será levado hoxe á reunión semanal do Executivo galego. Unha decisión que, non obstante, conta con certas reticencias dentro do propio Executivo, tras detectar destacadas carencias nos informes urbanísticos que rexeitarían a súa aprobación, un impedimento que mesmo se puxo de manifesto na comisión de secretarios xerais que deciden a orde do día do Consello da Xunta.

Urbanismo ve inxustificable a afectación á Rede Natura

Os técnicos do departamento de Urbanismo, dependente da Consellería de Política Territorial, non ven xustificación ningunha para incluír varias plantas de acuicultura en áreas protexidas pola Rede Natura 2000. Segundo indica o informe de Urbanismo ao que tivo acceso este xornal, a pesar de que un dos motivos polos que a Xunta acordou a revisión do Plan Acuícola do Goberno Fraga foi a afectación de espazos naturais, o plan revisado "mantén unha afectación de 55,870 metros cadrados que, aínda que de escasa entidade, non semella xustificable", nin sequera establecendo medidas correctoras de maior calado nos proxectos sectoriais que deben acompañar a cada granxa.

A pesar de todos estes inconvenientes, as mesmas fontes aseguráronlle a este xornal que o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, vai utilizar por primeira vez nesta lexislatura unha prerrogativa para presentar o tema sen que teña que pasar pola comisión. Un acto do que se deprenden dúas hipóteses: ou ben que Touriño vai obrigar hoxe os seus socios de Goberno, que se amosaron varias veces contrarios a determinadas localizacións do Plan, a aprobar o proxecto acuícola, ou ben que estamos ante un dos últimos Consellos da Xunta desta lexislatura, de aí a urxencia por aprobar unha das maiores promesas deste Goberno.

Ante esta posibilidade, os colectivos de afectados que, agrupados na Rede Galiza non se Vende, decidiron convocar para as 11.00 horas de hoxe unha concentración ante os edificios administrativos de San Caetano para protestar ante a inminente aprobación e denunciar, unha vez máis, a "traizón á cidadanía galega" que supón cementar tres millóns de metros cadrados de litoral virxe. "Non imos permitir a expropiación forzosa da nosa costa para poñela nas mans de multinacionais depredadoras", aseguran.

As empresas agardan por unha pronta resolución

As que agardan con impaciencia a aprobación deste proxecto son as máis de 20 empresas do sector que, en reiteradas ocasións, denunciaron as perdas económicas e de liderado que supón o atraso do Plan. Segundo os datos que manexa o sector, a revisión do plan acuícola supuxo manter parados un total de 300 millóns de euros en investimento. De feito, dende a patronal acuícola aseguran que, de non atopar unha saída en breve, moitas empresas terán que reconsiderar a súa opción de aumentar a produción piscícola en Galicia.

OS DATOS

Vinte granxas en 3 millóns de metros

O Plan de Acuicultura deseñado pola Consellería de Pesca prevé a construción ou a ampliación dun total de 20 granxas piscícolas, que se asentarán ao longo de 3 millóns de metros cadrados de costa virxe galega, zonas que reúnen un alto valor natural.

Corrubedo, o símbolo da loita

A granxa con maior extensión é a de Laxe-Brava, en Corrubedo, con 308.000 metros cadrados. Situada ao carón do Parque Natural aproveitando un "salto" da Rede Natura, é o símbolo da loita, tras reunir nas súas rúas a 6.000 persoas contra o plan.

Gran rexeitamento social: mil alegacións

O texto que será aprobado hoxe no Consello da Xunta contou, dende o primeiro momento, cunha forte contestación social que se traduciu en centos de protestas cívicas e máis de 1.000 alegacións por parte de colectivos cidadáns, ecoloxistas e científicos da comunidade.

Alternativas por parte dos veciños

A protesta non foi a única arma usada para combater o plan. Os veciños de Merexo e Quilmas puxeron en marcha un proxecto económico alternativo de agro ecolóxico e Ribeira pretende declarar a Laxe Brava Espazo Natural de Interese Local.


Plataforma Medioambiental De Corrubedo
Sobre o autor ou autora:
 
< Ant.   Seg. >