| Que facemos en Afganistán? |
| Alfredo Iglesias Diéguez | |
| Martes, 26 de Agosto do 2008 | |
Alfredo I. Diéguez-. A parentemente Afganistán non ten nada. É incriblemente pobre, case o 70% da poboación vive en condicións de subsistencia; non ten recursos naturais estratéxicos…
[Galicia Hoxe] A parentemente Afganistán non ten nada. É incriblemente pobre, case o 70% da poboación vive en condicións de subsistencia; non ten recursos naturais estratéxicos; a empobrecida poboación non ten interese como mercado para as empresas transnacionais que producen bens de consumo... Daquela, que facemos en Afganistán? É realmente humanitaria a presenza de tropas estranxeiras -entre as que se atopan tropas españolas- en Afganistán, como insisten as autoridades occidentais? A resposta, como noutras ocasións, é negativa. Doutro xeito, ademais, non se entendería que o país, logo da retirada soviética no ano 1989, quedase abandonado á súa sorte diante da indiferenza occidental, que financiando a guerrilla dos muxaidíns (antecesores dos talibáns), puxo fin á única experiencia modernizadora que representou o goberno do Partido Democrático Popular de Afganistán durante o período da República Democrática (1978-1992), que intentou levar adiante un programa "comunista" consistente en promover a educación universal, favorecer a igualdade de dereitos da muller e o acceso á auga potable nun contexto de guerra irregular fronte aos muxaidíns armados polos EEUU, que se prolongou dende 1979 ata a disolución dese estado democrático. Daquela, antes como agora, o noso único interese en Afganistán é estratéxico, de feito, historicamente serviu para frear a hexemonía rusa, primeiro, e soviética, despois, en Asia central. Pero por que rexurdiu ese interese no 2001, logo dun abandono de máis de 12 anos? A versión oficial, é sabido, pretende que a presenza en Afganistán, que comezou como unha guerra contra o terrorismo logo do ataque ás Torres Xemelgas de Nova York o 11-S, serve para contribuír á reconstrución do país, que retrocedeu aos tempos medievais da man dos talibáns. Porén, se ese é o noso obxectivo, como se explica o retroceso do país en todos os indicadores humanitarios e o avance da violencia e do narcotráfico dende o ano 2001, data na que chegaron ao país as primeiras tropas con carácter humanitario. Pero entón, que facemos en Afganistán? Realmente, servir aos intereses das clases dominantes de EEUU, que atoparon boas razóns para estar presentes en Afganistán: primeira, controlar a ruta do gasoduto que abastece China dende Irán; segunda, beneficiarse do florecente mercado de armas e de drogas; terceira, aproveitar para introducir os moi rendibles economicamente exércitos de mercenarios... Porén, como sinala Gérard Chaliand, un bo coñecedor da situación, "a vitoria é imposible en Afganistán", polo que nos confundimos enviando máis tropas. Con todo, a crise afgá ten solución, pero esa solución pasa polo abandono das tropas occidentais agora mesmo instaladas no país e polo apoio decidido e desinteresado ás forzas que realmente desexan o progreso e a paz en Afganistán. Desgraciadamente, como sinalaba non hai moito Immanuel Wallerstein, os modernizadores laicos de Afganistán foron os comunistas, que é pouco probable que rexurdan fronte aos cada vez máis poderosos talibáns. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Alfredo I. Diéguez-. A parentemente Afganistán non ten nada. É incriblemente pobre, case o 70% da poboación vive en condicións de subsistencia; non ten recursos naturais estratéxicos…
