| Cidadáns en funcións |
| Manoel Santos | |
| Martes, 19 de Agosto do 2008 | |
|
Manoel Santos-. Os efectos colaterais da crise económica que disque estamos a vivir, e que os gurús das finanzas din que seguirá medrando até mediados do ano vindeiro, están sen dúbida no pensamento único do goberno de Touriño -non tanto no de Quintana. Dáme a min que os ditos efectos enchen os miolos do poder non tanto pola preocupación que os de enriba senten pola solvencia da poboación para superar a recesión, como polos danos, xa non colaterais, senón electorais, que a dita convulsión monetaria poida xerar na próxima repartición de cadeiras de coiro autonómicas. As declaracións de Mar Barcón, líder do aparato do PSdG, dicindo que Touriño está "máis dedicado a gobernar que a pensar en eleccións", a estas alturas xa non as cre ninguén. Na política actual non existe ningunha decisión gobernativa -nin estratexia de oposición- que se tome sen antes valorar moi polo miúdo os seus posíbeis efectos electorais. Mágoa. Os números aconsellan aos que devecen por conservar o poder que as galegas se adianten ao outono no canto de a marzo de 2009, que era o que se intuía até hai poucas semanas. Mal se vai poñer a cousa dos petos familiares entón. As especulacións non son nin moito menos gratuítas. Óese un ruxe ruxe máis que delator por aló enriba, moi ben alimentado polo Consello da Xunta convocado para o 28 de agosto, que acelerará o regreso da praia deses titulares das carteiras galegas que para moitos non son conselleiros, senón carteiristas. Cousas da lingua. Sexa como for, seguiremos lanzando hipóteses e adiantando análises até que o presidente delibere co Consello da Xunta -cuxas ordes do día son un indignante e mesmo antidemocrático"top secret"-, disolva o Parlamento e faga publicar o Decreto que precede as convocatorias electorais. Vaia, até que don Emilio se declare en funcións. As especulacións sobre a orde do día dese misterioso Consello de agosto son máis que variadas. Que se é para aprobar con nocturnidade estival plans sectoriais tan controvertidos como o acuícola, para acelerar leis e inauguracións antes de rematar precipitadamente a lexislatura, para presentar medidas contra a crise, etc. Nada sabemos os cidadáns, que ao contrario que os membros do Consello da Xunta, ficamos queixosamente e por obriga representativa en funcións durante os catro -ou tres- anos que dura cada lexislatura. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|


.gif)

















.gif)

Ignacio Ramonet-. A apocalipse financeira non rematou. Estase transformando en recesión global. E todo indica que imos cara a unha Gran Depresión. Por espectaculares que sexan, as medidas adoptadas en Europa e en Estados Unidos non van provocar o final das dificultades.