Acción Global dos Pobos: coordinando as resistencias
Altermundo   
Xoves, 14 de Agosto do 2008

 Entre os días 20 e 27 celébrase en Atenas unha xuntanza de grupos antineoliberais para deseñar as vindeiras accións de presión.
 Aínda que non hai coincidencia plena, a xestación do movemento altermundista ten moito que ver co levantamento zapatista de Chiapas en 1994. Dous anos despois producíase o chamamento dende as montañas do sueste mexicano para o Primeiro Encontro Intercontinental pola Humanidade contra o Neoliberalismo. Máis de 3.000 activistas de 40 países acudiron á chamada: "Isto non é necesario para conquistar o mundo. Isto é suficiente para facer un novo".

 Logo do éxito da iniciativa zapatista artellaríase unha proposta para organizar unha Acción Global dos Pobos –PGA, Peoples’ Global Action– que xurdiu en 1998 como instrumento e plataforma para a coordinación de grupos e persoas individuais que partillan formas de loita comúns e experiencias baseadas en principios anticapitalistas e antiautoritarios. As consecuencias destas accións sincronizadas xa as coñecemos. A PGA foi quen iniciou unha caravana intercontinental en 1999, así como Días de Acción Internacionais contra o G8, OMC, o Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional. Foi unha forza motriz que conduciu para a realización de moitas accións, discusións e reflexións en Seattle, Xénova, Praga, Cancún etc.

En Europa, os grupos identificados cos principios da PGA reúnense bianualmente (Milán 2001, Leiden 2002, Belgrado 2004, Francia 2006). Grecia acollerá esta macroxuntanza de activistas o vindeiro agosto, cuxas conferencias procuran non só o intercambio de coñecemento e experiencias entre activistas, mais tamén a realización de unións que permiten desenvolver a organización de accións comúns e colectivas.

 A PGA baséase en cinco principios: 1. Rexeitamento do capitalismo, imperialismo e feudalismo, de todos os acordos comerciais, institucións e gobernos que promoven a globalización destrutiva. 2. Rexeitamento de todas as formas de dominación e discriminación social. 3. Rexeitamento dunha actitude de confrontación. 4. Apelan á acción directa e desobediencia civil, ao apoio a movementos de loita social. 5. Filosofía de organización baseada na descentralización e autonomía.

A PGA é un instrumento de coordinación non unha organización, non posúe membros nin personalidade xurídica.

+ INFO: europe.pgaconference.org

Altermundo
Sobre o autor ou autora:
Artigo inserido ou creado por Altermundo.org
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >