Comezaron os Xogos Olímpicos
Alfredo Iglesias Diéguez   
Martes, 12 de Agosto do 2008

Alfredo I. Diéguez-. No ano 2001, cando se votou a prol da candidatura pequinesa, non se pensaba nos deprazamentos de poboacións ocasionados pola construción das infraestruturas olímpicas ou no inxustas que ían ser as expropiacións…

[Galicia Hoxe]

O pasado 8 de agosto, logo dun impresionante cerimonial de inauguración, que incluíu unha espectacular carreira aérea do ximnasta Li Ning polo perímetro do estadio O Niño antes de acender o piveteiro olímpico, comezaron os XXVI Xogos Olímpicos da era moderna. Na ceremonia de inauguración estaban presentes, alén do presidente Hu Jintao e outras autoridades chinesas, os presidentes de EEUU e Francia e os representantes doutros estados que ao longo dos últimos meses anunciaron que ían boicotear coa súa ausencia os Xogos Olímpicos de Pequín 2008. Semella, xa que logo, que todos os anuncios e advertencias ao boicot eran simple estratexia: os dereitos humanos e os problemas coas minorías étnicas non importaban nada, como tampouco importaron o 13 de xullo do ano 2001, cando os 119 delegados dos Comités olímpicos nacionais reunidos en Moscova designaron a cidade de Pequín como sede olímpica fronte a Toronto, París, Istambul e Osaka.

Daquela, como agora, o que realmente importaba era a economía: para unha cidade, iso sabémolo ben pola experiencia de Barcelona, a organización duns Xogos Olímpicos ten un impacto enorme; a prepación dunha cidade para albergar uns Xogos Olímpicos require a construción de numerosas infraestuturas, non só deportivas, que moven milleiros de millóns de euros e dan traballo a milleiros de persoas durante anos. Lembremos, neste sentido, que as cidades candidatas sempre son representantes de países industrialmente desenvolvidos e con gran capacidade financeira; tardaremos aínda moitos anos en ver a Maputo ou a Kabul organizando uns Xogos Olímpicos.

No ano 2001, cando se votou a prol da candidatura pequinesa, non se pensaba nos deprazamentos de poboacións ocasionados pola construción das infraestruturas olímpicas ou no inxustas que ían ser as expropiacións; só se pensaba na oportunidade económica, lembremos que para esta ocasión e só para a práctica do deporte, deixamos a un lado outras instalacións necesarias, na cidade de Pequín construíronse ou renovaron 37 recintos deportivos e 59 centros de a­destramentos.

Velaí a razón pola que no ano 2001 se votou por Pequín: China era unha excelente oportunidade de negocios, como ben saben as empresas occidentais (entre elas varias españolas, como Dragados, Roca, Telefónica ou Mango) que abriron negocio ou o incrementaron ao abeiro do dinamismo que supuxeron os Xogos Olímpicos.

Porén, unha vez feito o negocio e considerando o poder económico e político que neste últimos anos alcanzou China, lembremos por exemplo que a influencia de China en África xa desprazou a dos países europeos por separado, converténdose nun duro rival do imperio norteamericano, había que aproveitar a inminencia dos Xogos Olímpicos para escenificar un novo acto da loita polo poder que nos últimos anos enfronta o mundo libre con China. Non en van, malia as aparencias, o que realmente lles preocupa aos mandatarios occidentais cando falan da violación dos dereitos humanos en China é o poder e a hexemonía mundial. 

Alfredo Iglesias Diéguez
Sobre o autor ou autora:
Prehistoriador. Analista de opinión en Galicia Hoxe
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >