| A Amazonía nas poutas das transnacionais |
| Eva Gil e Diego Pérez Gago | |||||
| Xoves, 07 de Agosto do 2008 | |||||
Eva Gil e Diego P. Gago-. Ante o inminente desaloxo de milleiros de familias na Amazonía brasileira, a ONG galega Amarante recolle sinaturas para presionar o banco español, financiador dos encoros que esnaquizarán unha das xoias ecolóxicas do planeta.
|
|||||
![]() Os bosques primarios que abrazan a conca do Madeira quedarán asolagados totalmente cos encoros proxectados. FOTO: CMI BRASIL |
![]() Os medios de vida da meirande parte da poboación poden desaparecer con proxectos financeiros como o do Banco Santander. FOTO: DIEGO PRADO |
![]() Solpor no río Madeira, preto de Porto Velho (Rondônia, Brasil). FOTO: FELIPE LEE |
![]() Mobilización contra a privatización do río Madeira. FOTO: MAB |
De todas son coñecidas as problemáticas existentes na Amazonía, sobre todo no que se refire á deforestación, ou desmantelamento, como din en Brasil. Os medios de comunicación e incluso as autoridades fanse eco de cando en vez do que está a acontencer no que deron en chamar o "pulmón do mundo". Pero do que non se adoita falar é dos intereses que hai detrás desa gran deforestación e de cales son os actores implicados.
En Brasil hai construídas da orde de 2.000 hidroeléctricas, o que supuxo o desprazamento dun millón de persoas, das cales o 80 por cento non recibiu ningún tipo de compensación, provocando a fuxida cara a medios urbanos nos que se atoparon con situacións de marxinalidade e pobreza. Esta problemática irá en aumento se temos en conta o Plan do Goberno de Brasil, no que se propón como obxectivo a construción de 1.443 hidroeléctricas máis até o ano 2030.
Nestes intres está a piques de comezar a construción do Proxecto Río Madeira, que afectará tanto ao Estado de Rondônia en Brasil como ao Departamento de Beni de Bolivia.
Con este proxecto preténdense construír catro grandes encoros –dous en Brasil e dous en Bolivia– ademais dun mínimo de dúas hidrovías que permitan o desprazamento en barco polo río e que favorecerán a expansión da agroindustria. Parte deste proxecto, financiado polo Banco Santander dentro das súas políticas de investimento en Latinoamérica, ten previsto o seu inicio a finais do verán, co desaloxo das familias afectadas.
Proxectos como o Complexo Hidroeléctrico do Río Madeira son altamente lucrativos para as empresas involucradas. O financiamento de gran parte das obras é con diñeiro público, podendo chegar até máis do 80 por cento do total, eximindo as multinacionais de calquera risco. Alén diso, a enerxía producida é pasada para estas empresas electrointensivas –con alto consumo de enerxía– a prezo de custo, mentres o restante é vendido á poboación a un prezo até oito veces maior.
A organización galega Amarante, xunto con outras tamén pertencentes á Federación Setem, está a levar adiante a Campaña "Esixe Responsabilidade a Santander", centrada no Proxecto Río Madeira como caso representativo das políticas de investimento deste banco, nas que só se teñen en conta as ganancias económicas e non os custos sociais e ambientais.
Unha das accións desta campaña é a recolleita de sinaturas que serán entregadas ás persoas responsábeis do banco antes do 30 de agosto, data prevista do desaloxo masivo, a través da páxina web www.finanzaseticas.org. A campaña trata de coordinarse con organizacións locais brasileiras que están loitando para tentar frear a construción destes encoros e hidrovías, principalmente co Movimento dos Atingidos por Barragems (MAB-Movemento dos Afectados por Encoros). Este Movimento, presente en 15 estados de Brasil, ten como obxectivo denunciar as consecuencias do actual modelo enerxético, organizar as persoas afectadas e loitar por unha transformación social. O MAB forma parte da Vía Campesina, coordinándose con outros colectivos como o MST (Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra), o Movimento de Pequenos Agricultores e tamén o Movimento de Mulheres Camponesas.
+INFO: www.amaranteong.org | www.finanzaseticas.org | www.mabnacional.org
ENTREVISTA
"BRASIL É O SEGUNDO MAIOR EMISOR DE GASES CON EFECTO INVERNADOIRO, O 80 POR CENTO POLO DESMATAMENTO DA REXIÓN AMAZÓNICA"
Durante o mes de marzo Amarante convidou a un dirixente do MAB (Movimento dos Atingidos por Barragems) para que falara en Galiza da situación enerxética de Brasil. Para poder comprender mellor todo o que hai detrás do ‘Proxecto Río Madeira’ transcribimos unha entrevista cun dos seus dirixentes, Joceli Andrioli, realizada na Radio Piratona en Vigo.
—Sería interesante que fixeras unha pequena introdución sobre o Movimento dos Atingidos por Barragems (MAB).
O MAB é o movemento que acompaña as familias afectadas por encoros en Brasil. Está formado principalmente por persoas que foron afectadas polas hidroeléctricas antes. Organiza as familias en grupos de base e coordinacións municipais, estaduais e nacionais, nas que se discuten desde os dereitos das familias afectadas até o modelo organizativo. O Movimento discute tamén o modelo enerxético brasileiro, denunciando cales son os intereses que xiran arredor del. É un movemento que se articula tamén coa sociedade, con outros sectores organizados a nivel nacional e internacional, para discutir esta cuestión enerxética que é fundamental para calquera tipo de sociedade.
—Que acontece cando as familias son de saloxadas para a construción dun encoro?
O Movimento ten unha loita clara que é contra a construción de hidroeléctricas. Dende o primeiro momento, a xente traballa na conciención de cal é o problema que xeran as hidroeléctricas tanto dende o punto de vista económico das familias, como dende o punto de vista social e ambiental na rexión e sobre os impactos que van causar esas hidroeléctricas. Se non se consegue parar o proxecto, esas familias son organizadas para revindicar un reasentamento noutra área para sobrevivir. Son as propias familias que fan parte do Movimento as que continúan organizadas, discutindo como se vai dar ese reasentamento, ou como é que se van organizar en todas as dimensións, tanto para garantir escolas como para garantir casas ou unha terra que sexa fértil e produza alimentos. Hoxe as empresas en Brasil néganlles os dereitos ás familias, polo que moitas continúan en loita despois de que se construíu o encoro. As empresas percibiron que os dereitos das familias posibilitaron unha organización que contesta á cuestión enerxética en Brasil. Iso vai contra os intereses das transnacionais e tamén dos gobernos que son submisos á lóxica das empresas, e fan toda unha estratexia de negar os dereitos con apoio do poder público en Brasil. Polo tanto, a vida das familias afectadas é un proceso bastante complicado, de bastante sacrificio.
—Pode comentar a grandes trazos en que consiste o Proxecto Río Madeira?
Nestes intres están previstos e están a ser executados proxectos gravísimos de hidroeléctricas. Un deles é a hidroeléctrica no Río Madeira, que está localizado no estado de Rondônia, na rexión amazónica de Brasil. Por tras dese grandioso proxecto que prevé varias hidroeléctricas e tamén hidrovías, hai varios intereses.
—Cales son eses intereses?
Esas hidroeléctricas estanse principalmente construíndo polo interese do capital de varias transnacionais que prevén xerar enerxía, gañando diñeiro coa produción, mais tamén garantindo a retirada dos recursos naturais na Amazonía, que é riquísima en minerais.
Tamén as hidrovías que están previstas xunto coas hidroeléctricas do Madeira van garantir a explotación do agronegocio, pois hai varias empresas interesadas tanto dende o punto de vista da produción de insumos químicos, tóxicos, agroquímicos e sementes. Hai todo un plano de expansión de soia principalmente nesa rexión, no que as hidrovías garantirán reducir o custo do transporte. A expansión da fronteira agrícola na rexión amazónica significa o desmatamento da mata nativa. O desmatamento significa emisión de gas á capa de ozono, principalmente gas carbónico. Brasil hoxe é o segundo maior emisor de gases causantes do efecto invernadoiro, o 80% é en virtude do desmatamento da amazonía. Polo tanto se as hidroeléctricas do Madeira son construídas causarán gravísimos problemas non só á poboación brasileira, senón á poboación mundial.
—Como afectará á poboación de Rondônia?
As dúas hidroeléctricas primeiras van expulsar máis de 5.000 familias das súas terras e traer problemas gravísimos para medio natural local. Porto Velho, capital de Rondônia, sitúase a 5 km da primeira hidroeléctrica, que vai vivenciar problemas dende o punto de vista de infraestrutura local, saneamento básico, e o prezo dos alugueiros, a violencia, as drogas ou a prostitución que eses proxectos traen para a rexión. A rexión amazónica é unha rexión cuns gravísimos índices de malaria e a construción de hidroeléctricas aumentou moito a proliferación de insectos que causan a malaria, dengue e outros tipos de doenzas.
—Xa por último, cales son as empresas que están detrás do Proxecto Río Madeira?
Hogano atópase discutida e liberada a construción dunha hidroeléctrica (Santo Antônio), na que os donos son varias empresas estatais brasileiras, mais tamén varias empresas privadas como a Odebrecht, Furnas, e tamén un fondo de investimento formado por Banif e o Banco Santander, cun 20 por cento desa hidroeléctrica.
| < Ant. | Seg. > |
|---|











.gif)








Eva Gil e Diego P. Gago-. Ante o inminente desaloxo de milleiros de familias na Amazonía brasileira, a ONG galega Amarante recolle sinaturas para presionar o banco español, financiador dos encoros que esnaquizarán unha das xoias ecolóxicas do planeta.




Manoel Santos-. Erro foi excluír do debate e da toma de decisións aos que máis saben da cuestión, as labregas e os labregos do mundo, que ven como uns engravatados incompetentes e ben falangueiros xogan coas súas vidas. 