Nazanin Amirian-. A politóloga e exiliada iraniana Nazanín Amirian alerta sobre as consecuencias imprevisíbeis dun novo “ataque preventivo” de Estados Unidos, desta vez contra Irán.
O 'ataque preventivo' dos Estados Unidos a Irán parece inevitábel. A trampa tendida ao país dos persas é a mesma que no seu día atraopu Iraq.
Cara á hora cero. E todo listo: demonizáronse os dirixentes da República Islámica, falseáronse e manipuláronse as informacións sobre as súas inexistentes armas de destrución masiva e o seu perigo inminente non só para a rexión, senón para a humanidade, estánselle aplicando duras sancións económicas e sementáronse de bases militares os países fronteirizos (Iraq, Afganistán, Turkmenistán, Turquía, Paquistán e Acerbaixán). O único que falta é preparar á opinión publica, mediante a creación dun conflito que supere o medo á guerra, un "incidente" que xustifique a agresión militar, como un 11S, un 11M, ou un anuncio como o do falso bombardeo do Maddox, un barco de vixilancia norteamericano, en agosto de 1964 por Vietnam do Norte.
O novo paquete de incentivos ofertado a Irán polos membros permanentes do Consello de Seguridade e Alemaña (5+1) a cambio de suspender o seu enriquecemento de uranio non inclúe as garantías de seguridade –a principal esixencia de Irán– e deixa libres as mans de Estados Unidos e Israel para atacarlle aínda que poña fin ao seu plan nuclear. A trampa tendida a Irán é a mesma que no seu día atrapou tamén a Iraq: a Occidente, no canto de presentar probas de que Sadan tiña as armas de destrución masiva, presionábaselle para que demostrase o contrario. Simplemente, imposíbel! En 2004 o goberno de Jatami paralizou o programa da discordia e, con todo, as presións e ameazas foron en aumento. Irán xa deixou de cualificar estas ameazas como "guerra psicolóxica" para recoñecer abertamente a posibilidade real dunha agresión militar contra o país. As recentes manobras do exercito israelí cun cento de avións de combate, a distribución de equipos atómicos e químicos entre a súa poboación, as afirmacións de Mofaz, o seu viceprimeiro ministro que considera "inevitábel" un ataque preventivo sobre Irán, e o prognóstico profético de John Bolton, o ex Embaixador dos Estados Unidos na ONU, de que a agresión tería lugar entre 4 de novembro, o día das eleccións de norteamericanas, e a transferencia do mando, bastan para despexar a calquera inxenuidade. Irán defenderase"Ninguén poderá imaxinar cal será a nosa reacción", avisa o Coronel Yafari –comandante dos Gardiáns islámicos–, e revela parte das represalias deseñadas cando caia unha bomba sobre Irán: pechar o estreito de Hormuz para deixar o mundo sen dezasete millóns de barrís diarios, atacar os intereses de Israel e de Estados Unidos onde poidan, etcétera, etcétera. Inevitábel. Estados Unidos non desistirá no seu intento de controlar un Irán que é sinónimo de xeoenerxía en maiúsculas –segunda reserva do petróleo e do gas mundiais, emprazado nun dos enclaves máis estratéxicos do planeta, subministrador do 40 por cento das necesidades enerxéticas da súa grande inimiga, China–, e de neutralizalo na rexión para consolidar a hexemonía de Israel, país que logo da destrución total de Iraq como Estado, ve a Irán como a única barreira para consolidar a súa supremacía sobre as terras, a auga e o petróleo de Oriente Medio. O plan TIRANNT (Theater Iran Near Term), un modelo de teatro de guerra trazado para Irán como escenario dun conflito total, toma dimensións alarmantes con anuncios como o do diario turco, Milli Gazete, que afirmaba hai quince días que Estados Unidos trasladou decenas de cabezas nucleares da base turca de Incirlik a Arbil, a cidade kurda de Iraq, moi achegada a Irán. Cumprindo coa Lei de apoio á liberdade e democracia en Irán (Iran Freedom and Democracy Support Act), o congreso destinou 400 millóns de dólares para crear e financiar a grupos opositores, cuxa misión consiste en provocar liortas étnicas nun país co 60 por cento da poboación pertencente ás minorías éticas, e logo xustificar unha intervención militar co fin de "salvarlles dunha limpeza étnica" cometida polos aiatolas. Os cidadáns iranianos, miran no espello iraquí arrepiados e ven como Wáshington e os seus aliados, sen autoridade legal nin moral, volven colocar o mundo perante unha catástrofe de consecuencias imprevisíbeis. |