| Futuro en negro |
| R. Fernández / Galicia Hoxe | |
| Mrcores, 30 de Xullo do 2008 | |
|
R. Fernández-. Ecologistas en Acción reivindica a través dunha travesía de Ribeira ata Corrubedo a bordo do seu veleiro a destrución desta franxa costeira por mor da futura macropiscifactoría. [Galicia Hoxe]
![]() Ladrillo e cemento. Estas son as dúas cores que invaden a que fora unha das franxas costeiras máis valiosas do litoral galego: a de Ribeira. Unha primeira liña na que desapareceron as casas tradicionais, as rochas e cantís e os piñeiros para deixar á solta á especulación e ó urbanismo desmedido. A bordo do veleiro Diosa Maat, Ecologistas en Acción percorreu onte á mañá o litoral ribeirense para dar conta da presión inmobiliaria, propia dos anos 60 e 70 no Mediterráneo, e que agora está a devastar Galicia. "Son numerosos os proxectos que ameazan moi seriamente non só a súa natureza, senón a súa socioeconomía", sinalou Jorge Sáez, coordinador do informe Banderas negras 2008. Hipoteca Costera de Ecologistas en Acción que, precisamente, lle outorga un punto negro ó litoral ribeirense.
Colocación de tres bandeiras negras simbólicasA ampliación do porto deportivo, a futura macrodepuradora en Punta Pinisqueira e a macropiscifactoría prevista no Corgo, en Corrubedo, son os principais motivos que levaron a Ecologistas en Acción a outorgarlle esta "distinción". Na expedición a bordo do Diosa Maat, acompañaron á tripulación representantes das asociacións Altofalante, Sagres e a Plataforma Medioambiental de Corrubedo que, de forma simbólica, colocaron unha bandeira negra en cada un dos puntos que trocarán a súa superficie virxe por toneladas de formigón. Precisamente, o informe de Ecologistas en Acción ve no Plan de acuicultura como unha seria ameaza a "unha das zonas máis valiosas do litoral galego: o Complexo Húmido de Corrubedo". Ó respecto, Manoel Santos, da Plataforma Medioambiental, recordou que o de Ribeira é o único concello do Estado cun punto negro nun extraordinario LIC que inclúe un Parque Nacional (o das Illas Atlánticas) e un Natural (o complexo dunar de Corrubedo). "Unha macropiscifactoría invadindo o Cabo Corrubedo, coa conseguinte expropiación da única zona virxe desta costa, unha futura macrodepuradora vertendo directamente ás augas protexidas e unha depuradora máis pequena a 200 metros do mar converten ó Complexo Húmido no punto máis sensible de toda a costa galega", incidiu Santos. Dende o colectivo Altofalante denunciaron a ampliación do porto deportivo, que pasará de ter 215 a 900 prazas de amarre grazas a un novo recheo na praia de Coroso. "O proxecto conlevará un prexuízo ecolóxico e económico para a zona pola afectación ás correntes mariñas", asegurou Luís Teira, quen recordou ás 250 familias que actualmente viven do marisqueo da navalla e da ameixa. Finalmente, dende o colectivo Sagres rexeitaron a futura instalación da macrodepuradora en Couso, por insostible e inxusta. Tres exemplos de planificación insustentable que poden revertirse e facer dos puntos negros a insignia do país. OS DATOSToñito de Poi foi o convidado a bordoA travesía polo litoral ribeirense a bordo do Diosa Maat contou coa presenza a bordo do polifacético Toñito de Poi, natural de Ribeira, que non quixo perderse esta cita reivindicativa para esixirlle ás Administracións un maior compromiso co medio e co noso patrimonio. Verdegaia reúne á coordenadoraA xornada reivindicativa contou coa presenza do colectivo ecoloxista Verdegaia, que celebrou en Corrubedo a reunión da súa coordenadora executiva. Ademais, os nenos puideron achegarse ó veleiro de Ecologistas en Acción, para os que organizaron unha exposición e xogos. |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

