| P.N. de Corrubedo |
| Manoel Santos | |
| Mércores, 30 de Xullo do 2008 | |
|
Lido o informe Bandeiras Negras 2008 da confederación Ecoloxistas en Acción, esas letras P.N. que dende 1992 van a carón do nome de Corrubedo xa non significan Parque Natural, senón Punto Negro… de Corrubedo. O espazo natural máis visitado de Galiza, unha xoia dunar de máis de 12.000 anos, con lendarias lagoas cantadas doutrora por un marabillado Frei Martiño Sarmiento, é tamén a área protexida máis ameazada do noso litoral exterior. Un doloroso punto negro para un recuncho natural que calquera galego e galega sente como seu. Ecoloxistas en Acción "premia" este ano coa magoenta distinción de bandeira negra (impactos irreversíbeis) e de punto negro (ameazas reversíbeis) a 34 puntos da costa galega, facendo fincapé, polo volume de información no documento, nos proxectos destrutivos que Carmen Gallego e Pachi Vázquez preparan ou avalan despoticamente para a case inmaculada costa do cabo Corrubedo. Deste xeito, o punto negro que acubilla o faro do ollar largacío quedará cercado por tres macropiscifactorías -entre elas a meirande do Plano Acuícola, con 308.000 metros cadrados a pé de cantil-, unha macrodepuradora e unha depuradora de menor volume, pero igualmente a poucos metros do litoral virxe dese cabo enchido de vizosos coídos costeiros e mouras siluetas de corvos mariños. Teiman xa que logo en construír superestruturas na costa exterior virxe, como se hogano non tivesemos tecnoloxía dabondo para afastar esas instalacións -se é que son imprescindíbeis- dos salseiros máis prezados do océano que nos dá a vida. O Complexo Húmido de Corrubedo, un inconexo LIC (Lugar de Importancia Comunitaria da Rede Natura 2000) de máis de 9.000 hectáreas, que abrangue dende a Illa de Sálvora -Parque Nacional das Illas Atlánticas- até o egrexio Castro de Baroña e que inclúe tamén o dito P.N., ficará deste xeito hipotecado de por vida para unha ampliación que Medio Ambiente anunciou hai un ano para todo ese senlleiro cabo atlántico e que agora mudou nun recuar tan vergoñento como noxento, deixando precisamente os buratos necesarios para a instalación das fábricas de peixes. Quen fai neste país a política de conservación, os técnicos ambientais ou a patronal do peixe plano? A Consellería de Pesca e de Medio Ambiente trabúcanse, porque como oín berrar en Merexo: isto é fascismo, non socialismo. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

