Belem: Foro Social Mundial
Bolivia, no centro do mundo
Pode a nosa compra cambiar o sistema?
Diagonal   
Xoves, 17 de Xullo do 2008

 Entrevista a Christian Jacquiau, economista experto en "supermercadismo". Advirte da instrumentalización que as grandes superficies realizaron do comercio "xusto" e a agricultura "ecolóxica" para lavar a súa imaxe.

[Campaña "Supermercados, non grazas", Barcelona]

Este economista francés, autor do libro As bambalinas do comercio xusto, realiza un percorrido pola cadea de inxustizas que esconden os produtos que diariamente compramos nos supermercados e advirte da instrumentalización que as grandes superficies realizaron do comercio "xusto" e a agricultura "ecolóxica" para lavar a súa imaxe.

As grandes cadeas de supermercados teñen un grande impacto sobre a sociedade e a natureza. Na sociedade porque expulsa aos pequenos comercios, e con eles ás persoas que traballan. Sobre o mundo agrícola o impacto céntrase na esixencia de prezos baixos aos produtores, eliminando explotacións familiares. En Europa desaparece un campesiño cada 20 minutos por mor deste modelo económico. Os distribuidores comparan os prezos e acoden aos países con menor protección social. Dun produto habemos de pagar a materia prima, así como os salarios, a protección social…

DIAGONAL : Que opina da entrada do comercio xusto nos supermercados?

CHRISTIAN JACQUIAU : Nun inicio o comercio xusto era unha ferramenta de transformación social, unha expresión de loita contra o capitalismo. As grandes superficies, inicialmente, non se interesaron por el, pero lentamente foron enchendo os seus andeis destes produtos ao custo de baleirar o concepto de comercio xusto do seu contido político. Pasamos dunha formulación política de transformación social a un mero produto de comercio xusto. Levar o comercio xusto ás grandes superficies só contribúe a mellorar a imaxe dos supermercados. De entre as múltiples referencias, expoñen uns poucos destes produtos "non representativos" e con todo utilízano para lavar a súa imaxe. As grandes superficies dan conta de prácticas inxustas co comercio, o campesiñado, as empresas e os traballadores, non hai maior símbolo de inxustiza que un supermercado.

D. : E da agricultura ecolóxica nos supermercados?

C.J. : Sucede o mesmo coa agricultura ecolóxica, é até peor. O modelo agroecolóxico francés foi creado hai 30 anos polo movemento Nature et Progrés baseándose en dúas ideas : non usar produtos químicos e ter en conta a ruralidade (o campesiñado, a vida nos pobos, o respecto á persoa e o aspecto ético). Nas grandes superficies non se ten en conta a ruralidade e só se persegue a comercialización de produtos sen químicos para poder chegar á xente que pensa na súa saúde. Exercen unha presión inmensa sobre os prezos e, consecuentemente, hai xente que traballa en situacións de escravitude no sur de España ou o sur de Francia, traballadores sen papeis que van recoller froitas e verduras ecolóxicas para as grandes superficies que esixen prezos cada vez máis baixos para obter os máximos beneficios. O colmo disto pódese concretar no exemplo das grandes distribuidoras que están importando produtos agroecolóxicos desde China, temos lindos Airbus contaminando a atmosfera e todo iso para importar produtos ecolóxicos.

D. : As grandes superficies crean traballo de calidade?

C.J. : Non só non crean empregos de calidade, senón que ademais destrúen moitos outros. Para empezar, os empregos creados polas grandes superficies son mínimos, a tempo parcial e o 80% femininos, porque se paga menos. Cada vez máis se está substituíndo ás caixeiras por caixas automáticas. Preténdese ir eliminando os empregos gradualmente, polo que 400.000 postos de traballo van desaparecer. Hai unha última novidade, cada vez máis, a gran distribución forza aos provedores a encargarse de repor os produtos dos andeis do supermercado e deste xeito é o mesmo provedor o que ha de asumir a contratación dos traballadores. Por cada posto de traballo creado polas cadeas de distribución, desaparecen cinco.

D. : Que opina das condicións laborais?

C.J. : En Francia por exemplo, coñécense casos de supermercados que instalaron cámaras nos lavabos, traballadores que foron seguidos e filmados na rúa, para saber onde van, cales son as súas compañías, os lugares que frecuentan, etc. Coñécense casos nos que as caixeiras deben pedir permiso para ir ao lavabo, ou non teñen dereito nin a falar entre elas nin a falar co cliente, a receita é SBAM –polas súas siglas en francés–: sorriso, bos días, adeus e grazas. Ademais foméntase a competencia entre os traballadores, a máquina rexistradora conta o número de obxectos que pasan polo escáner, deben pasar polo menos 22 obxectos por minuto ; xérase competencia.

As TEKEI XAPONESAS, COMERCIO XUSTO DO "BO"

DIAGONAL : Que alternativas existen á gran distribución?

CHRISTIAN JACQUIAU : O comercio xusto, as Tekei xaponesas (inspiradoras das AMAP francesas), iniciativas de persoas que realizan venda directa… As Tekei xurdiron hai 30 anos, cando mulleres nais de familia envelenaron aos seus fillos dándolles comida con produtos dos supermercados contaminados con químicos. Por mor disto, un grupo de dez mulleres preguntouse que podían facer, así que colleitaron diñeiro e leváronllo a un mozo campesiño pedíndolle a cambio unha cesta de verduras cada fin de semana. Instaurouse así unha relación de confianza entre elas e o campesiño que lles brindou produtos de tempada sans e naturais. Estas mulleres pasaron a información a outras e houbo un segundo grupo, un terceiro, etc. Hoxe o 25% dos fogares xaponeses consomen produtos agrícolas baixo este sistema de relación directa entre produtor e consumidor, é dicir uns 50 millóns de xaponeses. Tekei significa: pór o rostro do campesiño na froita e a verdura, é dicir, que a mazá non é anónima, detrás hai un campesiño. A gran distribución eliminou esta relación directa. No fondo, a alternativa consiste en reapropiarse do que nos confiscaron. romperon a relación entre consumidores e produtores, hai que coñecer o contido ambiental e humano que existe detrás dos produtos de consumo, apropiarse dos circuítos de consumo, remontarse a toda a cadea e saber quen transporta, como se elabora, cales son as condicións de traballo da xente que o produce, etc., cos produtos que consumimos.

D. : A nosa compra pode cambiar o sistema?

C.J. : Coa nosa forma de consumo apostamos por un tipo de sociedade ou outra. Cando metes un quilo de tomates nun carro votas por unha agricultura produtivista, intensiva, contaminante e deshumanizada ou por unha agricultura sustentábel, con agricultores que cobran un salario digno. Todos os días millóns de cidadáns votamos por un ou outro modelo de sociedade. Existe a posibilidade de orientarnos cara a outro modelo de sociedade a través do noso consumo. Podemos construír outro modelo, os grandes grupos agroalimentarios fomentan o crecemento económico e, cun 1% ou 2% de consumidores que digan: "así non quero consumir", o crecemento retráctase afectando á gran distribución, non necesitamos ser un número moi elevado para pesar sobre estes grandes grupos.

 
< Ant.   Seg. >