| O Grupo dos Oito |
| Alfredo Iglesias Diéguez | |
| Mércores, 16 de Xullo do 2008 | |
Alfredo I. Diéguez-. De novo, como todos os anos por estas datas, celebrouse a reunión do G-8, á que asisten as autoridades políticas das oito potencias máis industrializadas do planeta ou, cando menos, con maior poderío económico e político.
[Galicia Hoxe] De novo, como todos os anos por estas datas, a reunión deste grupo é a última dunha serie que comeza no mes de xaneiro: primeiro, o encontro de Davos (Suíza), que reúne o máis selecto do mundo empresarial e político; despois, entre os meses de febreiro e maio, celébranse numerosos seminarios, conferencias e debates nos que se comezan a introducir as propostas e reflexións expresadas en Davos. O proceso segue, poucos días antes da celebración da reunión do Grupo dos Oito, coa reunión do Grupo de Bilderberg, un grupo fundado no 1954 que, integrado por homes e mulleres procedentes do eido da política, a empresa (algunhas das persoas que asisten a esas reunións fano en calidade de executivos de Shell, BP, Phillips, Unilever, Microsoft, Time Warner, Thyssen-Krupp, Fiat, AXA, PRISA, Banco Santander, DaimlerChrysler, Electrolux...) e a universidade, ten capacidade abonda para influír nos gobernos das potencias que integran o G-8 en beneficio propio, polo que está considerado como o organismo privado de toma de decisións máis poderoso do mundo. Finalmente, culminando o proceso, celébrase a reunión do G-8, na que as autoridades políticas dos estados membros anuncian diferentes programas económicos e políticos cos que afrontar e solucionar os problemas que afectan ao mundo, aínda que mellor sería dicir que nos informan ao resto da humanidade, a xente común que non pertencemos ao selecto grupo de persoas reducido a uns poucos milleiros que posúen unha fortuna semellante ao produto interior bruto dos países nos que habitan o 56% dos habitantes máis pobres do planeta, que é o que teñen pensado os oligarcas do mundo para resolver os problemas cos que a humana xente nos enfrontamos a diario. Lembremos, neste sentido, que as solucións propostas ás crises financeiras, enerxética, alimentaria ou climática, polas autoridades políticas que acudiron á recente reunión do G-8, son as mesmas que estamos escoitando nos diferentes foros que se celebraron con posterioridade á reunión de Davos son sempre os mesmos, aínda que hai organizacións e especialistas que achegaron outras solucións alternativas máis eficaces: máis liberdade de comercio, máis apertura de mercados... máis do que vén provocando a crise que está a matar de fame negra a centos de milleiros de persoas diariamente. As autoridades políticas levan anos anunciando que van afrontar os retos do milenio; porén, mentres a solución que propoñan sexa a mesma que se adopta nos centros de decisión da oligarquía mundial os problemas seguirán sen ser resoltos. Resulta, acaso, tan difícil comprender que a fame e a miseria padecida por millóns de persoas no mundo ou a destrución ecolóxica do planeta non se pode resolver coa receita proposta polo mesmo grupo causante desa fame, miseria e destrución? | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Novidades
Alfredo I. Diéguez-. De novo, como todos os anos por estas datas, celebrouse a reunión do G-8, á que asisten as autoridades políticas das oito potencias máis industrializadas do planeta ou, cando menos, con maior poderío económico e político.
