Corrubedo non se Vende: Non ao Plano Acuícola!!!!
Foro Social Galego
Cambio climático e fame: máis do mesmo
Altermundo   
Martes, 15 de Xullo do 2008

 Esther Vivas-. O ritual do cume do G8, celebrada do 7 ao 9 de xullo en Hokkaido (Xapón), deixou poucas novidades. Fronte á situación de fame negra e de avance do quecemento global, os líderes das principais potencias limitáronse a promover as mesmas políticas que conduciron á situación de crise.

A axenda do cume viña marcada por tres temas de primeira orde: economía mundial (aumento dos prezos do petróleo e dos alimentos), cambio climático e desenvolvemento en África, principalmente. O tema da débeda, unha cuestión clave en pasadas edicións quedou relegada ao anonimato a pesar de seguir sendo unha das principais causas de empobrecemiento dos países do Sur. As crise económica, enerxética, alimentaria e ambiental marcaron a axenda en Xapón.

Crise alimentaria

Ao longo do 2008, vimos sucesivas revoltas nos países do Sur porque a xente non tiña acceso aos alimentos. O aumento exponencial do prezo destes, converteunos en inaccesíbeis para amplas capas da poboación en África, América Latina e Asia que non teñen suficientes recursos para mercalos, a pesar de que na actualidade prodúcese máis comida que nunca antes na historia. O resultado: calcúlase que hoxe uns 950 millóns de persoas en todo o mundo pasan fame.

Fronte a esta situación, os líderes do G8 instaron a unha maior liberalización do comercio e reprenderon a aqueles países que están priorizando o consumo autóctono e reducindo as exportacións. Vietnam, India, Arxentina, Filipinas, Costa do Marfil, Tanzania... prohibiron a exportación de arroz, trigo ou outros alimentos para poder así atender as necesidades alimenticias dos seus pobos. De feito, as medidas que promoven os líderes mundiais son, precisamente, as mesmas que nos conduciron á situación de fame negra: apertura indiscriminada dos mercados, intensificación e sobre produción agrícola destinada á exportación, subvencións á industria agroalimentaria, etc.

Quecemento global

En relación ao cambio climático, asinouse un novo acordo no que os membros do G8 comprométense a traballar para reducir á metade as súas emisións de CO2 (o principal causante do quecemento global) para o ano 2050. Pero, o noso planeta pode esperar ata esta data? E, que credibilidade nos merec este comunicado cando non se precisou o ano base para o cálculo das reducións e nin sequera Estados Unidos subscribiu o protocolo de Kyoto? Non podemos esquecer que a metade das emisións de gases de efecto invernadoiro proveñen destes países.

Para acabar co cambio climático, o G8 puxo ao Banco Mundial á fronte desta empresa outorgándolle un papel preeminente no financiamento e investimento en tecnoloxías e desenvolvemento "limpo". Como afirmaban desde Amigos da Terra, parece ser que "o raposo coidará do galiñeiro". O Banco Mundial é un dos principais acredores das industrias de combustibles fósiles, financiando extracción petroleira, de carbón, gas... cun forte impacto ambiental e social nos países do Sur. Ademais, as principais compañías beneficiarias destes investimentos teñen a súa sede central nos países do G8.

Palabras baleiras e solucións reais

Como vén sendo habitual nestes cumes, en Hokkaido, os líderes dos países máis ricos do mundo limitáronse a pronunciar declaracións de boas intencións baleiras de contido e a realizar xestos de impacto mediático. Os compromisos reais parecesen non ter cabida nun cume onde priman os eslóganes e as fotografías de familia. Xa no ano 1999, en Colonia, o G8 comprometeuse a anular o 90% da débeda bilateral e multilateral dos 42 países máis endebedados do planeta. Pero as cifras reais, setenta mil millóns de dólares, equivalían tan só a un 3% da débeda total dos países do Sur. Sen ir máis lonxe, no cume de Gleneagles, no 2005, os xefes de estado aseguraron aumentar a axuda para África ata 50 mil millóns de dólares para o 2010. Segundo informes recentes, calcúlase que esta cifra dificilmente se vai acadar. Poderiamos pór outros exemplos, porque o ritual repítese ano tras ano. As declaracións benintencionadas acaban sempre en papel mollado.

Os movementos sociais que saíron á rúa en motivo do cume, como Xubileo Sur, o Comité pola Abolición da Débeda Externa, Vía Campesiña… deixárono ben claro ao afirmar que a solución pasa porque se prohiba a especulación nos prezos dos alimentos, porque se respecten os esforzos dos países do Sur por reverter as políticas que conduciron á situación de crise, porque se deixen de financiar proxectos que contribúen ao cambio climático e porque se cancelen, dunha vez por todas, as débedas ilexítimas.

Os gobernos do G8 teñen na súa man a posibilidade do cambio, por algo se atopan á fronte das principais potencias políticas, económicas e militares a escala global. Pero, como diciamos anteriormente, atópanse faltos de vontade política. Evidentemente, quen sae gañando nunca renunciará á galiña dos ovos de ouro.

*Artigo aparecido en Público, 15/07/2008.


Altermundo
Sobre o autor ou autora:
Artigo inserido ou creado por Altermundo.org
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >