O fin do neoliberalismo?
Joseph E. Stiglitz   
Domingo, 13 de Xullo do 2008

[www.project-syndicate.org]

O mundo non foi piadoso co neoliberalismo, ese revoltallo de ideas baseadas na concepción fundamentalista de que os mercados corríxense a si mesmos, asignan os recursos eficientemente e serven ben ao interese público. Ese fundamentalismo do mercado era subxacente ao thatcherismo, á reaganomía e ao chamado "consenso de Wáshington" en prol da privatización e a liberalización, e de que os bancos centrais independentes se centrasen exclusivamente na inflación.

Durante un cuarto de século houbo unha pugna entre os países en desenvolvemento, e está claro quen foron os perdedores: os países que aplicaron políticas neoliberais non só perderon a aposta do crecemento, senón que, ademais, cando si que creceron, os beneficios foron parar desproporcionadamente a quen se atopan no cume da sociedade.

Aínda que os neoliberais non queren recoñecelo, a súa ideoloxía suspendeu tamén noutro exame. Ninguén pode afirmar que o labor de asignación de recursos por parte dos mercados financeiros a finais do decenio de 1990 fose estelar, en vista de que o 97 por cento dos investidores en fibra óptica tardaron anos en ver a saída do túnel, pero polo menos ese erro tivo un beneficio non buscado: como se reduciron os custos da comunicación, a India e a China pasaron a estar máis integradas na economía mundial.

Pero resulta difícil ver beneficios semellantes na errónea asignación en masa de recursos á vivenda. As casas recentemente construídas para familias que non podían pagalas deterióranse e destrúense, a medida que millóns de familias vense na obriga de abandonar os seus fogares nalgunhas comunidades e o goberno tivo que intervir por fin… para retirar as ruínas. Noutras, esténdese a praga. De xeito que até os que foron cidadáns modélicos, contraeron préstamos prudenciais e mantiveron os seus fogares, agora atópanse con que os mercados diminuíron o valor dos seus fogares máis do que poderían temer nos seus peores pesadelos. Desde logo, houbo algúns beneficios a curto prazo do exceso de investimento no sector inmobiliario: algúns americanos (se cadra só durante algúns meses) gozaron dos praceres da propiedade dunha vivenda e da vida nunha casa maior daquela á que, pola contra, poderían aspirar; pero, ¡con que custo para si mesmos e para a economía mundial! Millóns de persoas van perder os seus aforros de toda a vida, ao perder os seus fogares, e as execucións das hipotecas precipitaron unha desaceleración mundial. Existe un consenso cada vez maior sobre o prognóstico: a contracción será prolongada e xeneralizada.

Tampouco os mercados nos prepararon ben para uns prezos desorbitados do petróleo e dos alimentos. Naturalmente, ningún deses dous sectores é un exemplo de economía de libre mercado, pero diso trátase en parte: utilizouse selectivamente a retórica sobre o libre mercado… aceptada cando servía a intereses especiais e refugada cando non.

Talvez unha das poucas virtudes do goberno de George W. Bush é a de que o desfasamento entre a retórica e a realidade é menor do que foi durante a presidencia de Ronald Reagan. A pesar da súa retórica sobre o libre comercio, Reagan impuxo restricións comerciais, incluídas as tristemente famosas restricións "voluntarias" á exportación de automóbiles.

As políticas de Bush foron peores, pero o grao en que serviu abertamente ao complexo militar-industrial dos Estados Unidos estivo máis á vista. A única vez en que o goberno de Bush volveuse verde foi cando recorreu ás subvencións do etanol, cuxos beneficios ambientais son dubidosos. As distorsións do mercado da enerxía (en particular mediante o sistema tributario) continúan e, se Bush puidese saírse coa súa, a situación sería peor.

Esa mestura de retórica sobre o libre comercio e intervención estatal funcionou particularmente mal para os países en desenvolvemento. Díxoselles que deixasen de intervir na agricultura, co que expuxeron aos seus agricultores a unha competencia devastadora dos Estados Unidos e Europa. Os seus agricultores poderían competir cos seus colegas americanos e europeos, pero non podían facelo coas subvencións dos EUA e da Unión Europea. Como non era de estrañar, os investimentos na agricultura nos países en desenvolvemento foron minguando e o desfasamento en materia de alimentos aumentou.

Quen propagaron ese consello equivocado non teñen que preocuparse polas consecuencias da súa neglixencia profesional. Os custos haberán de sufragalos os dos países en desenvolvemento, en particular os pobres. Este ano imos ver un gran aumento da pobreza, en particular se a calibramos correctamente.

Dito de xeito sinxelo, nun mundo de abundancia, millóns de persoas do mundo en desenvolvemento seguen sen poder satisfacer as necesidades nutricionais mínimas. En moitos países, os aumentos dos prezos dos alimentos e da enerxía terán un efecto particularmente devastador para os pobres, porque eses artigos constitúen unha maior proporción dos seus gastos.

A indignación en todo o mundo é palpábel. Non é de estrañar que os especuladores sexan en gran medida obxecto desa ira. Os especuladores afirman non ser os causantes do problema, senón que se limitan a practicar o "descubrimento de prezos" ou, dito doutro xeito, o descubrimento –un pouco tarde para poder facer gran cousa sobre ese problema este ano– de que hai escaseza.

Pero esa resposta é falsa. As perspectivas de prezos en aumento e volátiles animan a centenares de millóns de agricultores a adoptar precaucións. Poderían gañar máis diñeiro, se acaparan un pouco do seu gran hoxe e véndeno máis adiante e, se non o fan, non poderán sufragalo, no caso de que a colleita do ano seguinte sexa menor do esperado. Un pouco de gran retirado do mercado por centenares de millóns de agricultores en todo o mundo contribúe a formar grandes cantidades.

Os defensores do fundamentalismo do mercado queren atribuír a culpa do fracaso do mercado a un fracaso do goberno. Citouse a un alto funcionario chinés, quen dixo que o problema radicaba en que o goberno dos EUA debería facer máis para axudar aos americanos de poucos ingresos co seu problema da vivenda. Estou de acordo, pero iso non cambia os datos: a mala xestión do risco por parte dos bancos dos EUA foi de proporcións colosais e con consecuencias mundiais, mentres que os que xestionaban esas entidades marcháronse con miles de millóns de dólares de indemnización.

Hogano hai unha desigualdade entre os rendementos privados e os sociais. Se non están ben á vez, o sistema de mercado non pode funcionar ben.

O fundamentalismo neoliberal do mercado foi sempre unha doutrina política ao servizo de certos intereses. Nunca recibiu unha corroboración da teoría económica, como tampouco –agora ha de quedar claro– da experiencia histórica. Aprender esta lección pode ser o lado bo da nube que agora se cerne sobre a economía mundial.


Joseph E. Stiglitz
Sobre o autor ou autora:
Economista estadounidense.
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >