| O G8 e a liberdade |
| Manoel Santos | |
| Domingo, 13 de Xullo do 2008 | |
Manoel Santos-. Se algo confirmou a xuntanza do G8 da semana pasada en Hokkaido (Xapón) é que ese club de países ricos –ferrancho vello, escribiu Barreiro Rivas– decidiu dedicarse definitivamente á comedia.
Os dous puntos máis quentes da axenda, a crise climática e maila alimentaria, teñen unha máxica solución: máis apertura dos mercados (risas). Para a crise alimentaria, apelativo suavizado da fame negra que sofren mil millóns de persoas, os oito iluminados propoñen inxectar aire á asfixia que sofre a OMC dende o de Doha, o que significa máis libre mercado e máis agroindustria; e impedir que cada país regule a exportación de alimentos, o que se traduce no aclamado "menos estado, máis mercado". Vaia, reproducir o virus neoliberal, que é a causa única e primixenia do irresponsábel exterminio das economías labregas do mundo por mor da especulación coas cousas de comer e a paralela "crise enerxética", coa que gran parte da produción de alimentos se destina a agrocombustíbeis. As declaracións da Vía Campesiña en Xapón, pois si houbo, e moitas, protestas dos movementos sociais, eran claras: "A agricultura industrial, que emprega sementes transxénicas, grandes cantidades de pesticidas e abonos químicos e está baseada en monocultivos, sumiu millóns de campesiños na débeda, amáis de contaminar as terras". Para o tratamento da crise ambiental medrou un chisco a intensidade da comedia, coa proposta ilusoria, irreal e inútil de reducir o 50% de emisións para dentro de 42 anos! Ao ritmo actual, para 2050 o planeta terá un 50% máis de seres humanos, un 400% máis de "riqueza" (=consumo), probabelmente case nada de petróleo e 3 graos máis de temperatura media. Vaia, que como podiamos ler en Gara: "o mundo estará xa cocido e o G8, esquecido". Bernard Cassen, exdirector xeral de Le Monde Diplomatique, encheu este xoves a terceira edición de Revela, excelente iniciativa do Concello de Oleiros que impulsa o encontro entre a realidade social e a cidadanía por medio da fotografía. Pura acción local. Cassen falou das insuperábeis contradicións entre o libre comercio e os imperativos ecolóxicos, ou o que é o mesmo, da súa firme crenza de que é imposíbel salvar o planeta co mundo manexado por ese libre mercado que disque é unha das liberdades fundamentais do home. Liberdade? Pois a min que me leven preso! | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Novidades
Manoel Santos-. Se algo confirmou a xuntanza do G8 da semana pasada en Hokkaido (Xapón) é que ese club de países ricos –ferrancho vello, escribiu Barreiro Rivas– decidiu dedicarse definitivamente á comedia.
