| O IVº Reich |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Domingo, 13 de Xullo do 2008 | |
X. M. Beiras-. O IIIº montárano para que durase mil anos –e andou a piques de acabar coa humanidade nun só decenio. O IVº camuflárono para prolongarlle cen anos a vida ao capitalismo selvaxe depredador, coas receitas do "Informe Lugano" –e leva camiño de acabar co planeta na metade dese tempo.
[Galicia Hoxe] O IIIº montárano para que durase mil anos –e andou a piques de acabar coa humanidade nun só decenio. O IVº camuflárono para prolongarlle cen anos a vida ao capitalismo selvaxe depredador, coas receitas do "Informe Lugano" –e leva camiño de acabar co planeta na metade dese tempo. Segue unha máxima simplicísima: quen veña detrás, que arree. Pero, detrás, xa non virá ninguén. Désta non haberá supérstites: só, tal vez, os alacráns afeitos ao deserto e algunha víbora desas que non se torran nas areas ardentes a máis de sesenta degraos.
Estamos nas mans diles: delincuentes, mintiráns, estafadores, desaprensivos, torturadores, desalmados, ecocidas, etnocidas, xenocidas, autores ou cómplices de crimes contra a humanidade. No imperio da lei e a orde, por iles tan proclamadas, deberan estar no trullo, ou internados en reformatorios "ad hoc". Mais andan ceibos. Qué digo: monopolizan a liberdade, iles sós, en esclusiva. Detentan un poder económico e político a cada paso máis omnímodo, co que escravizan impunemente ao resto da humanidade. Os máis notorios, no escaparate mediático, son sete homes e unha, disque, muller. Cinco diles, europeus; catro diles, da UE. Son o Presidium do IVº Reich. Xúntanse para amañaren as taifas do imperio e impóren a lei do silenzo. Os problemas, se é que os hai, poden agardar. Os problemas da xente, do planeta enteiro. Até o 2050: ningún diles aló chegará -e quen veña detrás, que arree, xa dixen, é a sua máxima. E se daquela non hai ninguén, tanto lles ten a iles: "après moi, le déluge", após de min, o diluvio -jo, jo!: dioivo sen auga, ónde tal se viu? Pra festexáreno, retrátanse simulando plantaren arboliños, con pás de xoguete, coma nenos -perversos- na praia, só que en garabata e americana, todos clónicos. Son homínidos ou androides?. Qué noxo dan! * * * * * Inmigrantes proscritos, xornada laboral victoriana, meios de in-comunicación alienantes, estados de excepción encubertos, inseguridade xurídica discriminatória, desigualdade perante a lei, indefensión dos novos servos, "non me fan xustiza, señor!", individualismo atomizador, inxustiza fiscal, redistribución invertida, competición por baixo, monopolización por riba, tecnoloxía da barbarie, violencia como espeitáculo, violencia de xénero, racismo, xenofobia, exclusión social, estado penal... Velaí, collidos ao chou, unha restra de fenómenos presentes na fasquía das nosas sociedades, moi europeas elas. Fálase -falamos- diles a cotío, con naturalidade xa, como dos mortos por accidentes de tráfico nos fins de semán. Convivimos con iles coma coas ratas na peste camusián. Falar diles convirtíuse nunha especie de exorcismo, un rito espaventador do andacio. Con tal que non me pille a min, que cada quen se apañe. Son a cara inconfesábel dos obxetivos do milenio. Os síntomas dunha pandemia que non ousamos defrontar. A pandemia social da Europa do IVº Reich. Se acaso algún día remata, diremos diles tal coma os súbditos alemáns do nazismo dixeran, a posteriori, dos campos de exterminio: que iñoraban a sua existencia. Meus santos!
* * * * * Sesenta e cinco horas semanais son case o duplo de trinta e cinco, digo eu -se os dedos non me fallan ao contar. A metade máis, sobrada, que corenta. Con xornada laboral de oito horas, corenta semanais supón facela de luns a venres, e descansar o "week-end". Sesenta e cinco, a oito diarias, non chegan os días da semana, incluído o domingo, pra completalas: oito por sete cincuenta e seis, inda faltan nove. Con xornada de dez horas, seis días, de luns a sábado, fan sesenta: índa compre traballar cinco o domingo. Ou sexa, rebentar -mais o inimigo da saúde é o tabaco, non o estrés laboral. Inda hai pouco que a presión obreira gañara, en Franza, a meta das trinta e cinco horas. Fronte ao paro e a conxelación salarial coa produtividade en alza. Certo que apenas durou: nen sequer chegou a estenderse a aplicación da nova norma antes de ser abolida. E agora, a doctísima UE vai e, hala!, multiplica por dous e pico, así, dun tirón, e legaliza as sesenta e cinco. Para iso o tratado de Lisboa sustituira o dereito ao posto de traballo polo dereito a "traballar". Traballar día e noite, será o seguinte paso. Como na Inglaterra da "era victoriana", denunciada por Dickens e combatida polos "cartistas". Coma os mortos do primeiro de maio. De tódolos maios de cen anos. Que pelexaron pra iso. Ou se cadra o traballo forzado de comunistas, xudeus e ziganos programado polos nazis -que pra iso están agora os inmigrantes africanos. Cobaias do experimento xeral da escravitude sen "trata" -e sen contrato.
* * * * * "Despois de mallar nun inmigrante leváronos a comisaria". "Despois de ser golpeado, levárono a un lugar infinitamente pior". Son, traducidas, frases dun cartaz de "S.O.S. Racisme" contra os "centros de internamento de estranxeiros" -eufemística denominación formal dos campos de concentración de inmigrantes fuxidos da fame, a inanición e as tiranías. Niso trocouse o famoso dereito de asilo da cultura democrática europea. Son o equivalente actual dos comunistas, ziganos e xudeus de outrora, dos "unter-menschen", dos infra-homes, dos seres naturalmente inferiores neste IVº Reich. "Soy una raya en el mar..." –fíreme a mente, coma un coitelo, o esgazador cantar de Manu Chao, "Clandestino, ilegal...". Pois o cartaz é anterior á flamante "directiva da vergoña", chamada "do retorno", acordada pola democrática Duma do Reich-UE o pasado mes de xuño. Que millora notoriamente a situación anterior: os inmigrados "sen papeis" poderán ser encarcerados durante ano e meio, dezaoito meses, até o seu "afastamento", ou "retorno", léase expulsión, deportación, devolución, coma paquetes postais mal franqueados. Seica ninguén se lembra xa da traxedia de tantos republicáns españois que pasaran os Pirineus ao cair finalmente Catalunya, fuxindo da Atila franquista no 39, internados en campos franceses de refuxiados, que axiña o foron de concentración baixo o rexime de Vichy na Franza ocupada polos nazis. Unha sociedade que perde a memoria escacha o espello da sua dignidade. É a Europa metalizada a que se torna infra-humán, non os inmigrantes de Africa ou Latinoamérica. Vergoña debera darnos a todos nós que teña que ser a voz dun libertador andino, a voz quechua e aimara de Evo Morales, quen ouse dicirlles á cara aos magnates desalmados da UE o que todos nós sabemos, cidadáns europeus de postín: "Os problemas de coesión social que sofre Europa non son culpa dos inmigrantes, senón o resultado do modelo de desenvolvemento imposto polo Norte, que destrue o planeta e desmembra as sociedades dos seres humáns". Vergoña sinto e sintirei entramentras non se soerga o común europeu en rebelión emancipadora fronte a este IVº Reich camuflado. Liberdade, igualdade, fraternidade: risa dáme. Tiranía, exclusión, xenofobia. Eu volvo cantar co meu vello Raimon: "Diguem no!". Non, nunca máis estoutro Reich. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Novidades
X. M. Beiras-. O IIIº montárano para que durase mil anos –e andou a piques de acabar coa humanidade nun só decenio. O IVº camuflárono para prolongarlle cen anos a vida ao capitalismo selvaxe depredador, coas receitas do "Informe Lugano" –e leva camiño de acabar co planeta na metade dese tempo.
