O caso Betancourt
Miguel Anxo Fernán-Vello   
Xoves, 10 de Xullo do 2008

 Miguel A. Fernán-Vello-. Escoito falar a Ingrid Betancourt, en castelán, en Radio Francia Internacional, e di con toda claridade que a opción de Hugo Chávez para que as FARC liberen os presos por razóns humanitarias "es magnífica", engadindo a seguir que Chávez "es un aliado para nosotros extraordinario".

[Galicia Hoxe]

Xa se van sabendo máis cousas sobre o caso Betancourt e os outros reféns das FARC liberados. Escoito falar a Ingrid Betancourt, en castelán, en Radio Francia Internacional, e di con toda claridade que a opción de Hugo Chávez para que as FARC liberen os presos por razóns humanitarias "es magnífica", engadindo a seguir que Chávez "es un aliado para nosotros extraordinario". E, ao mesmo tempo, á par destas declaracións, esta muller que estivo presa na selva máis de 6 anos marca distancias ben claras co presidente Álvaro Uribe sobre o conflito existente en Colombia: "Para Uribe, el final de las FARC es restablecimiento de la paz en Colombia. Para mi, la paz de Colombia pasa por las transformaciones sociales". Textual. E exemplar. Politicamente exemplar.

Non haberá paz en Colombia se non se producen profundas transformacións sociais. Ingrid Betancourt dixit. ¿Veremos algún día á señora Betancourt como candidata á presidencia de Colombia enfrontándose a Álvaro Uribe? Pois élles moi probábel. Altamente probábel. O certo é que, a 5 días da súa liberación, a política Betancourt xa lle pediu a Uribe aplacar "su radical y extremista lenguaje de odio" contra as FARC, na procura, sen dúbida, dunha maior e mellor definición persoal ao respecto: toda unha lección de linguaxe diplomática por parte da liberada, que lle outorga certa supremacía no plano moral, amosando ao mesmo tempo unha indisimulábel estratexia política. ¿Será certo que Ingrid Betancourt xa ten deseñado un programa de goberno para Colombia de 190 puntos, como ten afirmado o subintendente John Frank, fugado da selva e das FARC en abril de 2007? O certo é que, escoitando a Ingrid Betancourt en Radio Francia, e sobre todo cando fai referencia cordialísima ás presidentas Cristina Kirchner e Michelle Bachelet -velaí o presentimento-, un non deixa de imaxinar o futuro inmediato dunha muller que leva a política no sangue e que ten -agora si- todas as bazas posíbeis para obter un grande éxito político. Paz. Amnistía. E unha nova Colombia.


Miguel Anxo Fernán-Vello
Sobre o autor ou autora:
Escritor e editor galego
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >