As FARC, agora
Guillermo Almeyra   
Martes, 08 de Xullo do 2008

 Guillermo Almeyra-. O fin das guerras de guerrillas en Centroamérica, o asasinato do Che e a evolución da revolución cubana nos anos 70-80, o derrube da Unión Soviética e do chamado "socialismo real" burocrático nos países de Europa oriental, illaron ás FARC…

O asasinato en 1948 de Jorge Eliécer Gaitán, da esquerda do Partido Liberal e case seguro vencedor nas eleccións presidenciais anunciadas, desencadeou o Bogotazo e, en toda Colombia, o período coñecido como "A Violencia", que causou decenas de miles de mortes e centos de miles de refuxiados.

Os campesiños liberais tomaron as armas contra os "paxaros" (delincuentes e asasinos organizados polos conservadores) e o exército e formaron milicias de autodefensa labrega; o Partido Comunista uniuse a eles. Cando o xeneral Rojas Pinilla, unha especie de Perón colombiano, deu un golpe nacionalista en 1953 que desprazou aos partidos tradicionais (Liberal e Conservador), ofreceu unha amnistía á que se acolleron miles de guerrilleiros liberais. Un puñado, con todo, apoiado polos comunistas, negouse a entregar as armas e resistiu nun territorio, a "República de Marquetalia", baixo a dirección de Pedro Antonio Marín (coñecido como Manuel Marulanda ou Tirofijo) cuxa familia era militante activa do liberalismo. As guerrillas liberais combatían aos terratenentes conservadores nunha Colombia en poder da oligarquía que desde a Colonia estaba dividida entre os conservadores, apoiados pola Igrexa, e os liberais, apoiados pola intelectualidade e sectores medios urbanos e na que o aparello estatal carecía de consenso pois mantiña baixo control aos sectores populares mediante unha represión feroz (como o asasinato de Gaitán) mentres no campo imperaba a xustiza dos patróns-caudillos.

Coa guerra fría e a intervención estadounidense en Colombia, un país estratéxico para combater a revolución cubana, a guerrilla liberal de esquerda de Marulanda evolucionou e declarouse comunista e, a partir de 1964 constituíu as Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC) coa liña "marxista-leninista" inventada polo estalinismo (que, por suposto, non era a dos cubanos nin a do sector non comunista –MIR e Douglas Bravo– dos guerrilleiros venezolanos deses anos). As FARC seguiron apoiándose na rebelión rural e recrutaban campesiños nun período (o dos anos 60-70) en que as guerrillas rurais estaban á orde do día e tiñan tamén a ambición de desenvolver movementos revolucionarios urbanos.

Pero a partires de fins dos anos 70 a mundialización dirixida polo capital financeiro internacional provocou grandes cambios en cada país e en escala rexional e mundial. A gran ofensiva contra as conquistas sociais e o nivel de vida dos traballadores urbanos e contra todas as formas de organización e solidariedade (partidos, sindicatos) desenvolveuse simultaneamente á restruturación do territorio, subordinando os cultivos ás necesidades do capital, cuxas transnacionais pasaban a dominar o sector rural, destruíndo as comunidades campesiñas e indíxenas. A masiva sementa de drogas para o mercado estadounidense foi unha das manifestacións desta transformación produtiva e social. Outra foi a migración masiva cara ás cidades e o exterior dos campesiños reprimidos, oprimidos, crecentemente empobrecidos. O aparello estatal pasou tamén a basearse sobre o exército, ligado á droga e á delincuencia dos paramilitares, asasinos, saqueadores, violadores. A iso uniuse a destrución pola violencia dos xermes de vida sindical democrática e de todo intento de crear unha esquerda urbana pacífica, e o aumento xigantesco da corrupción das institucións (desde a electoral ata o Parlamento e a xustiza), cuxo resultado é o actual goberno de Uribe.

O fin das guerras de guerrillas en Centroamérica, o asasinato do Che e a evolución da revolución cubana nos anos 70-80, o derrube da Unión Soviética e do chamado "socialismo real" burocrático nos países de Europa oriental, illaron ás FARC, que nunca brillaron por unha elaboración teórica propia e que eran unha organización guerrilleira que actuaba como partido sen selo, o que fomentaba o militarismo, o pragmatismo, o verticalismo entre os seus cadros e mandos.

Pero o problema é aínda máis grande e expuxérono ata Chávez e Correa: Uribe atopa na existencia das FARC a xustificación para un réxime baseado no asasinato de sindicalistas e opositores, nos paramilitares, no exército ligado a Estados Unidos, e as FARC non teñen apoio na sociedade, sobre todo nos centros urbanos, onde a oposición democrática ten sobre ela a hipoteca da loita guerrilleira, que pode explicar pero non apoiar política e moralmente.

Hai tempo que as armas tiñan que ser remprazadas por unha acción política de masas, pero as experiencias do pasado –o asasinato masivo dos que se desarmaron e escolleron a loita legal– e a acción do imperialismo e de Uribe queren pechar ás FARC na disxuntiva de quedar illadas e facerse matar na selva, perdendo cada vez máis militantes por desmoralización, deserción, corrupción polo goberno ou de renderse sen garantías. A proposta de Chávez de formar un grupo de países garantes da seguridade dos membros das FARC que opten pola vida política legal e a oferta de Sarkozy de asilo político a quen prefiran exiliarse por un tempo poderían servir para dificultar moito a represión gobernamental que, como o demostran os continuos asasinatos de sindicalistas, seguirá exercéndose con ou sen guerrillas como pretexto, porque forman parte do plan estadounidense para a rexión. Pero se as FARC iniciasen unha discusión nacional e internacional sobre as condicións políticas, económicas e militares para deixar as armas e as garantías necesarias, quen se atoparía en dificultades sería Uribe.

 
< Ant.   Seg. >