Ai, estes liberais!
Alfredo Iglesias Diéguez   
Martes, 08 de Xullo do 2008

Alfredo I. Diéguez-. (…)as medidas anunciadas fronte ás últimas rebelións empresariais, non son outras que quitarlles aos pobres para darlles aos ricos (…)

[Galicia Hoxe]

Dende os tempos de Adam Smith, quen escribiu o libro fundacional do capitalismo –A riqueza das nacións (1776)–, os liberais levan postulando as bondades da liberdade de mercado, que funciona con maior eficacia canto menos intervén o Estado; porén, ¡que paradoxo!, perante a actual crise económica, banqueiros e financeiros, construtores e promotores inmobiliarios, agricultores, mariñeiros e transportistas –a clase empresarial en diferentes facianas (autónomos, pequenos empresarios e grandes patróns)–, acudiron espavorecidos a onde o goberno esixindo a intervención do Estado para solucionar unha crise que eles mesmos provocaron co seu ánimo de lucro. ¡Curiosa actitude esta dos liberais, quen logo de berrar aos catro ventos en contra da intervención do Estado nos asuntos económicos acoden correndo a onde o goberno cando se ven en apuros!

Non obstante, o curioso non é que a clase empresarial acoda presta en defensa dos seus intereses privados a papá Estado: axudas a fondo perdido, subvencións, reducións fiscais... pois o obxectivo último da clase empresarial é ter o Estado burgués ao seu servizo; o curioso é que o conxunto da cidadanía, que vai padecer as consecuencias dese socorro á clase empresarial, non desautorice semellante intervencionismo estatal a prol de quen nestes anos pasados de suposta bonanza económica obtivo uns beneficios desmesurados.

Efectivamente, as medidas anunciadas fronte ás últimas rebelións empresariais, non son outras que quitarlles aos pobres para darlles aos ricos –simplificando moito as cousas, claro está–; de feito, os beneficios fiscais e orzamentarios ofrecidos polo goberno e aclamados polo principal partido da oposición son contrarios ao principio do benestar e progreso social, pois o diñeiro destinado a sufragar esa perda de beneficios da clase empresarial significará unha redución dos recursos de toda a cidadanía, o que axiña se traduce en: moderación salarial (malia que a capacidade adquisitiva da clase traballadora retrocedeu a niveis de hai dez anos) e contención do gasto público, como acaba de anunciar o goberno e que foron aplaudidas ao unísono pola patronal, as grandes centrais sindicais e o principal partido da oposición.

¡O mundo ao revés! Sempre soubemos que o progreso e o benestar social se baseaba na redistribución da riqueza, que se conseguía gravando máis ás rendas do capital cás do traballo; a idea subxacente podería expresarse así: en tanto que os beneficios empresariais teñen a súa orixe na plusvalía, no valor xerado durante o proceso de traballo que non percibe quen o produce, senón quen posúe os medios de produción, o lóxico é gravar máis o empresario para, dese xeito, poder recuperar parte desa riqueza creada socialmente para investir en gasto público (sanidade, ensino, transporte...), beneficiándose así o conxunto da sociedade e garantindo o progreso e benestar social.

En troques, o que nos propoñen estes liberais é exactamente o contrario: apropiarse dos beneficios e socializar as perdas. ¡Ai, estes liberais!


Alfredo Iglesias Diéguez
Sobre o autor ou autora:
Prehistoriador. Analista de opinión en Galicia Hoxe
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >