A outra educación
Manoel Santos   
Luns, 07 de Xullo do 2008

 Manoel Santos-. Experimentar co saber común, vivir en comunidade, participar, probar outros xeitos de organización, estar predisposto a cambiar de opinión, buscar os propios camiños…, toda esa filosofía de vida zapatista, a de "o pobo manda e o goberno obedece", filosofía indíxena, aquí perdémola hai tempo.

Cando en xaneiro de 1994 sae á luz a I Declaración da Selva Lacandona, coa que o levantamento zapatista de México sorprende o mundo, os indíxenas rebeldes decidiron loitar por once obxectivos contra a "guerra xenocida non declarada contra os nosos pobos": traballo, terra, teito, alimentación, saúde, independencia, liberdade, democracia, xustiza, paz… e educación.

Dende aquela, os insurxentes das montañas do sueste mexicano aprendéronlle algunhas cousas ao mundo, mais sobre todo outro xeito de se organizaren, de entenderen e defenderen a vida e un discurso que recuperaba a palabra. Así desenmascararon o inimigo que exterminaba os pobos do mundo, o neoliberalismo, contra o que hoxe loitan moitísimos movementos sociais do planeta.

Paralelamente aos municipios constitucionais crearon municipios autónomos, formados por pobos e comunidades rurais, sen límites definidos máis aló da influencia do zapatismo na xente. Alí comezaron a "outra educación". Os rebeldes chiapanecos non só constrúen escolas e forman mestres locais –promotores da educación, dinlles… coa axuda de profesionais de todo o mundo. Tamén deciden que educación queren. Nós non. Tratan de evitar unha formación que os prepara para emigrar aos cintos de miseria das cidades.

Os alumnos zapatistas dun deses mestres internacionalistas que axudan en Chiapas pedíronlle un día que lles fixera un exame "como os que se fan nas escolas do teu país". Malia que o profesor advertiulles de que non lles ía gustar a experiencia, cedeu perante a curiosidade dos cativos. Unha vez propostas as preguntas os nenos comezaron inmediatamente a falar entre eles. O mestre, claro, explicoulles que non era así, que debían responder individualmente, sen falar. —Pero, se non podemos tomar as decisións en comunidade, isto para que serve? -preguntáronlle. —Que sentido ten avaliar quen é o que sabe máis?

Experimentar co saber común, vivir en comunidade, participar, probar outros xeitos de organización, estar predisposto a cambiar de opinión, buscar os propios camiños…, toda esa filosofía de vida zapatista, a de "o pobo manda e o goberno obedece", filosofía indíxena, aquí perdémola hai tempo. Uns mandan na sombra e outros…, outros calamos para escurecer aínda máis as tebras sociais coas que o neoliberalismo quere uniformizar un mundo feito de moitos mundos.


Manoel Santos
Sobre o autor ou autora:

Biólogo, director e fundador de Altermundo

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >