Esperpento, non: manicomio
Xosé Manuel Beiras   
Luns, 07 de Xullo do 2008

X. M. Beiras-. No lusco-fusco deste solsticio de vran visitoume a estantiga de Valle-Inclán, unha das miñas pantasmas amigas preferidas. Unha estadea moi alta e branquísima, cáseque resplandecente.

[Galicia Hoxe]

No lusco-fusco deste solsticio de vran visitoume a estantiga de Valle-Inclán, unha das miñas pantasmas amigas preferidas. Unha estadea moi alta e branquísima, cáseque resplandecente. Estaba eu sentado ao pé do carballo máis vello da Reboraina, contemplando cómo empardecía aló embaixo, nos fondais rosaliáns da Maía, antre Ortoño e Bastavales, por onde o río acouga ao cabo, camiño de Santa Mariña de Ribasar. Vina achegarse por onda o bidueiro albar que plantaramos non hai tantos anos aínda, e xa vai tan medrado que semella unha torre gótica marmórea, das que eiqui non hai, chantada senlleira na nosa minúscula fraga de Esmelle. Ao chegar cabo de min, detívose e sentou ao meu carón, silente, sen saudar, coa ollada posta ao lonxe, onde a tiña eu. Non me solprendeu porque sempre facía así de primeiras, cando viña visitarme, aparecía de sócato, sen anunciarse, para qué, inconfundíbel como era, como é, e sabéndose benquerida e benvida da par de min. Ao pouco dixo, sen ollarme: "Hijo!". Chamábame sempre así, cando viña verme, non sei por qué, nunca ousei perguntarllo. Porque logo proseguía xa en galego todo o resto, con aquil seu ceceo característico, iso si, co sutaque cadencioso dos retornados de moitos anos de emigración no Caribe, por caso, e nunha fala salferida de vocábulos e modismos de alén-mar que sempre deseguida se me esquencen. "Aquel estado de confusión do inverno..." –marmurou. Fixo unha pausa, virou a faciana cara min, fitoume con aquiles seus ollos como auga do mar, "... saíches dil ou inda dura?" –perguntou mainamente, sen inquirirme, como quen sabe xa a resposta. E, sen agardar por ela, engadíu: "Deixácheme moi preocupado", e volveu mirar prao lonxe, coma min, aló embaixo, no val. Fiquei calado. Pra qué falar. Sabíao todo, era evidente que il sabíao todo, líame o pensamento, millor, moito millor ca min mesmo, inclusive. Tiña as chaves para entendelo, as que a min me faltaban. Rememorei aquela noite do ano vello pasado, o meu mudo desespero perante o espeitáculo da irracionalidade desatada nun crescendo constante en pleno proscenio do "ruedo ibérico". A vella farsa tráxica, a única constante histórica xenuina na deforme identidade de celtiberia, na imposíbel identidade común, a paranoia latente que intermitentemente eructa como as fumarolas e os chafarís de lava incandescente nas franxas volcánicas da codia terrestre. "España non existe e o exército é unha carallada", fora a lacónica conclusión tirada hai anos por un meu fillo da sua esperiencia vivencial á volta da mili en Tierra Ancha. Pasarán mil anos e iso non mudará, porque no tempo cósmico mil anos non son nada, e o magma incandescente ten a duración mesma do cosmos. Amorfo, fluido e ardente, ¿cómo vai poderse moldear, sementar, cultivar, manufeiturar? Pra qué tiveron que inventar o inferno no alén, se os celtíberos xa o fan realidade a cotío no aquén? Fóra o lume, o inferno celtíbero é o "huis clos" sartrián. Só que saturado de ruído e fume. "Manicomiada a cordura, exiliado o raciocinio, entronizado o imperio da confusión". Acordáronseme as palabras que escribira daquela, polo ano vello. Acordóuseme tamén por qué. Mais xa non valía. Pasado este tempo, a vella farsa tráxica viraba ao paroxismo. "Andan a plantar pinos nos tesos cumes do Courel de Novoneyra..." -marmurei para min mesmo, sen cáseque sentir as miñas proprias palabras. Il non pareceu ouvirme. "Inzan nas serras mesnadas de armaduras metálicas con enormes hélices pra roubarnos até o vento..." –sintinme ridículo ao ouvirme a min mesmo; íl non deu sinais de me escoitar. Coma un vómito, eu seguía a deitar en verbas o meu noxo. "Acaban cos mariñeiros, destruen a natureza, escravizan aos operários, esbullan aos labregos, espolian o litoral... Rinse de nós, e disque son os nosos..." -non daba crédito á miña propria simpleza, pero hom!, á volta de tantos anos e inda te alporizas! Non darás aprendido nunca? Mireino de esguello, seguía a ollar ao lonxe. "Vexo que non saíches aínda da confusión", dixo sen volver a vista cara min. "Non aturan que sexamos diferentes –laieime– e o pior é que non aturamos sérmolo tampouco nós mesmos; xúntase a xenreira diles co noso proprio autoodio; négannos iles e negámonos tamén nós mesmos. Pedimoslles permiso para existir". Désta miroume intrigado: "Dis iso polo ataque ao idioma?", perguntou. "Digo, sí, polo asedio constante, pola constante negación xenófoba da nosa identidade, pola xenreira sectaria, pola soberbia..." –calei, indeciso, ao ver que sorría cun cintileo pillabán nos ollos. "Non o tomes tan a peito. Non fagas caso dos filósofos de Babelia, sabidichas de galería". Medroulle o sorriso pícaro e o cintileo volveuse un fulgor faiscante: "O problema dos Savater e compañía é que padecen unha visión estrábica da realidade. Non che é unha visión deformada en espellos cóncavos: é simples estrabismo mental. Sonche ‘gachupines’. No meu tempo habíache moitos así, e xa ves, ninguén se lembra diles, nen sequer como anécdota. Acouga, dígocho eu que escribin en castellano, vaia, no meu español peculiar, que eses todos tampouco comprenden". Fíxose o silenzo. Volveu ollar ao lonxe, cara o val. Empardecera xa case de todo. Sen volverse cara min, marmurou: "Ti gostas de citar a frase do meu Max Estrella, aquela do corral nublado referida a España...". Fiquei calado, á espera de que proseguise. E así foi: "Non arrenego dela. É unha imaxe elocuente na estética do esperpento. Mais o que España precisa hoxe non é un retrato literario certeiro: é un siquiatra. O actual ruedo ibérico non é un esperpento: é un manicomio. Un manicomio dos antigos, anteriores ao meu tempo. E siquiatras dos de antes, pola vella. Eiquí Freud fracasaría...". Non puiden saber se falaba en serio. Quixen ollar pra il, ver a expresión do seu rostro. Xa non estaba á par de min. Esvaírase no escuro que xa se fixera arredor de nós. Pareceume albiscar o brancor da sua sombra aló embaixo, camiño de Brans. Na outra banda do val, onda San Xoán de Ortoño e San Pedro de Bugallido, ardían xa as cacharelas. Acendéronseme os versos do bergantiñán: "Campana, se polo vran ves lumear na Ponteceso as cachelas do San Xoán, dille a todos que estou preso...".

* * * * *

Á mañán seguinte pasei por onda o vello carballo da víspora, para observarlle os brelos novos a unha camelia que me regalara Pepe Rivera, dunha variedade moi rara e exótica que só frolece á sombra das frondosas. Néstas, vin no chan unha cuartela de papel pregada polo medio. Apañeina e desdobreina. Estaba escrita a man. Transcríbovos literalmente o que puña: "A la atención del Señorito da Reboraina, para que haga el uso que estime pertinente de este mensaje. Yo, Ramón María del Valle-Inclán, Marqués de Bradomín, declaro ser y considerarme tan español como el que más y, a mayor abundamiento, católico y sentimental. En libérrimo ejercicio de esa condición, por amor a la libertad individual y la acracia social, y siguiendo la reciente doctrina de eximios pensadores excelentes en el deporte, la moda, la viticultura y otras varias disciplinas filosóficas y artísticas, reclamo la supresión de la obligatoriedad de la enseñanza del idioma español, también llamado castellano. Debo añadir que, como escritor, no me sentiré ofendido ni perjudicado, dado que la inmensa mayoría de los individuos alfabetizados en ese idioma no me leen, los más de los que lo hacen por moda o deporte, o por presumir, no me comprenden, y aquéllos que realmente se interesan por mi obra y quieren comprenderme, aprenden por propia voluntad mi idioma para hacerlo". Velaí a mensaxe de don Ramón: eu cumplo gozosamente a sua vontade de dárvola a coñecer.


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >