| Manifesto 'O Camiño da Auga' |
| Implicadas no Desenvolvemento | |
| Venres, 04 de Xullo do 2008 | |
A auga segue moitos camiños. O que hoxe percorremos fala do cambio, de comprometernos, de estar máis preto de Etiopía. A auga atopa o seu camiño en toda a terra, cobre 3⁄4 partes da súa superficie.
A auga segue moitos camiños. O que hoxe percorremos fala do cambio, de comprometernos, de estar máis preto de Etiopía. A auga atopa o seu camiño en toda a terra, cobre 3⁄4 partes da súa superficie. A auga atopa o seu camiño no noso corpo, non en van o 80% del pode estar feito de auga. As cidades e vilas aséntanse nas súas inmediacións. A auga alimenta, fai crecer, danos vida. Porén, malia a que todos os seres humanos temos unha necesidade igual de auga, non todos temos igual acceso a ela. A Organización Mundial da Saúde recomenda unha cantidade de 50 litros por persoa e día. En Etiopía, este consumo non chega nin aos 2,5 litros . En Galicia gastamos 250 litros por persoa. A auga dinos, pois, que o noso consumo debe cambiar, que debemos seguir o camiño do aforro para mellorar a dispoñibilidade total de auga no mundo. O camiño da auga márcano os pés das mulleres e nenas etíopes cando andan entre 3 e 5 horas para poder abastecerse de auga. É este un camiño de desigualdade no que novamente o feito de que as tarefas domésticas en todas as sociedades recaian nos lombos das mulleres implica que neste caso ese tempo consumido en procurar este ben básico lles impida alfabetizarse, traballar de forma remunerada, participar socialmente e manter a súa saúde. Debemos, pois, seguir dende todas as instancias, o camiño da igualdade de xénero. A auga marca o camiño pero nós, as persoas dos países desenvolvidos, determinamos o de millóns de persoas. Facémolo a través das políticas de axuda, que deben ser transparentes e estar baixo a ollada atenta da sociedade civil, a través das organizacións que a representamos, para asegurar que perseguen o interese xenuíno de mellorar a vida das persoas nos países en vías de desenvolvemento a través do recoñecemento da nosa responsabilidade na súa situación e non con meros parches e obras de infrastrutura. O camiño da auga amósanos que os problemas relacionados co seu acceso non se solucionan con furar pozos ou deitar canalizacións, obviando as repercusións que estas obras teñen moitas veces a nivel ambiental e sobre todo sen ter en conta as desigualdades de xénero. Debemos seguir o camiño dunha cooperación ao desenvolvemento baseada nas persoas e na súa participación tanto nos países do sur como en Galicia. A auga chámanos a todas e todos nós, á cidadanía galega, para que asumamos a nosa responsabilidade. Nós, en Implicadas no Desenvolvemento (www.implicadas.org), e todas as institucións e persoas que nos apoian e que apoian este manifesto, queremos marcar un camiño diferente. Hoxe os nosos corpos únense aos das mulleres etíopes para facer un chamamento aos poderes públicos para que apoien unha cooperación transparente e baseada na responsabilidade e non na caridade; facemos un chamamento a toda a cidadanía para que teñamos un comportamento ambiental máis responsable; para que nos impliquemos nas políticas de cooperación de forma activa. Dende Implicadas facemos un chamamento á cidadanía para que se una ao noso traballo como socias ou voluntarias e finalmente, e de xeito máis concreto, para que nos axude a poñer en marcha un proxecto que dará apoio a máis de mil mulleres e nenas en Moloxi, no corazón da montaña etíope, para abrir un novo camiño onde a auga sexa responsabilidade non só das mulleres senón de todas e todos, no norte e no sur, para que elas poidan exercer os seus dereitos. Hoxe demos un paso. Mais o camiño non remata aquí. O camiño comeza agora. Precisámosvos a todas vós, a todos vós, para camiñar. -Infórmate en www.implicadas.org OU EN www.augaparaetiopia.org | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Novidades
A auga segue moitos camiños. O que hoxe percorremos fala do cambio, de comprometernos, de estar máis preto de Etiopía. A auga atopa o seu camiño en toda a terra, cobre 3⁄4 partes da súa superficie.
