Activista do 'Xanela Aberta ao Sur' parten para Brasil e Marrocos
Amarante   
Venres, 04 de Xullo do 2008

Este domingo parten para Brasil e Marrocos os dous primeiros grupos de activistas que participarán este verán en Campos de Solidariedade no Sur dentro do Ciclo de Educación para o desenvolvemento Xanela Aberta ao Sur que organiza a ONG AMARANTE.

O Xanela 2.008  é a novena edición deste programa organizado pola ONG AMARANTE e no que colabora a Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia e neste ano participaron na súa etapa formativa 60 persoas, das que van viaxar durante os meses de xullo e agosto unha vintena de diferentes puntos de Galicia, tres deles/as pertencentes á comarca.

As persoas participantes están encadradas en 4 grupos con destino Brasil (1 en xullo e 1 en agosto), Marrocos (1 grupo en xullo) e Ecuador (1 grupo).

As persoas participantes no programa XANELA, ademais de coñecer directamente a realidade do Sur por medio da convivencia coas comunidades dos países do Sur, tamén colaborarán en diversas actuacións dentro dunha planificación concretada coa organización do Sur que as recibe.

Así, as que viaxan a Brasil van coñecer o Movemento dos Sem Terra, tanto na súa estrutura central en Sao Paulo como percorrendo algunhas das ocupacións e asentamentos onde os labregos sen terra desenvolven a súa vida e os seu traballo.

En Ecuador, os participantes coñecerán da man de Maquita, unha das maiores cooperativas de comercio xusto do mundo, a elaboración de produtos de comercio xusto como o azucre ou as marmeladas que Amarante importa directamente a Galicia. Neste grupo viaxará unha fotoxornalista que elaborará unha exposición sobre o desenvolvemento do proxecto de desenvolvemento que se está a levar a cabo coa colaboración de AMARANTE e da Dirección Xeral de Cooperación Exterior.

Por último, en Marrocos, o grupo fará labores de alfabetización en español e participará nas actividades organizadas na Asociación Attawassoul, colectivo de mulleres obreiras do téxtil.

XANELA ABERTA AO SUR

XANELA ABERTA AO SUR, é un programa de formación e sensibilización co que se pretende achegar a realidade dos pobos do Sur á nosa sociedade, e formar persoas que participen activamente no campo da solidariedade e pola transformación do inxusto modelo de relacións Norte-Sur. XANELA, consta dunha serie de xornadas e seminarios como preparación para visitar durante un mes un proxecto de desenvolvemento elaborado e dirixido por unha organización do Sur.

Os obxectivos de Xanela son INFORMAR, sobre o actual sistema de reparto da riqueza no mundo e posibles alternativas, SENSIBILIZAR acerca das diversas formas de cooperación entre os pobos e PARTICIPAR en visitas a proxectos de desenvolvemento en países do sur.

Para máis información: Eva Gil 886 111 327

Amarante
Sobre o autor ou autora:
ONG Amarante
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >